martes, 25 de marzo de 2008


‘Rebelde con causa?’, novo traballo de Brais do Castro

O autor de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2004) acaba de tirar ao prelo un novo traballo sobre o Che: Rebelde con causa? Trátase dunha proposta na que se proxectan as distintas etapas do mítico revolucionario a través dunha singular fórmula na que flúen algúns dos persoeiros participantes nas distintas xeiras da súa vida (Cuba, o Congo e Bolivia) mesturadas cun aire histórico que reflicte o acontecer daqueles momentos no que o mundo procuraba novas propostas sobre a súa identidade. Rebelde con causa? ―interrogante difícil de contestar― propón unha mirada allea a todo canto identifica ao popular ‘guerrilleiro’ e promove a crítica sobre as configuracións totalitarias aínda establecidas como progresistas nalgúns países. O libro, editado por Novos Vieiros, con fotografías de Clelia Zucca e unha ilustración de Xavier Dans Mayor, poderá adquirirse na Feira do Libro de Compostela (do 5 ao 13 de abril de 2008).

domingo, 9 de marzo de 2008


A CANLE PRIVADA ‘INTERECONOMÍA’ ROMPE AS REGLAS DE XOGO ELECTORAIS

Contra as dúas da tarde do 9 de marzo, cando a meirande parte dos votantes aínda non acudiran ás furnas, a canle ‘Intereconomía’ [próxima ao Partido Popular] aproveitou no seu programa ‘Vox Populi’ para propagar a mensaxe solapada sobre a quén dirixir o voto. A pregunta rotulada na pantalla [na fotografía] ‘Por que rompe con Zapatero?’ foi respondida por un fato de persoas de clara tendencia dereitista. Isto, como mínimo, debería ser revisado polos responsables electorais dado que creba coas normas de xogo ao establecer criterios orientados á crítica dunha soa formación política a medio camiño do peche dos centros de votación. Información de Brais do Castro.

jueves, 6 de marzo de 2008


Novo 'accidente' laboral en Isidro de la Cal

A finais de febreiro (2008) unha traballadora sufriu unha ferida incisa con perda de substancia (dende o pulso ata a curva do cóbado) na súa man esquerda provocada pola afiada folla dunha máquina peladora desprovista de protección.
O que se denunciou hai uns meses segue a acontecer na empresa Isidro de la Cal (Bergondo, A Coruña) pese aos oficios da CUT (Central Unitaria de Traballadores) ante a Inspección de Traballo. Segundo información proporcionada por varias operarias, na factoría, que incumpre reiteradamente a normativa laboral, «practícase o acoso laboral e hai unha gran presión en todos os ámbitos de traballo, polo que non é de estrañar que ocorran este tipo de accidentes».
A citada traballadora, que logo de retirar o brazo do artefacto debeu conformarse con cubrir a esgazadura cun uniforme da empresa «dado que na caixa dos primeiros auxilios non dispuñan de vendas ou útiles necesarios para estes casos», en lugar de transportala axiña nunha ambulancia ao centro sanitario máis próximo (Xoán Canalejo, por exemplo), foi trasladada por unha compañeira de traballo a unha clínica privada, coa escusa da patronal de que «é con ese centro médico co que a empresa ten concertados os servizos sanitarios».
A accidentada, que precisou de cirurxía e posterior implante, chegou á clínica contra as seis da mañá. Logo de terlle realizado as primeiras curas, «mandárona para a casa debido á ausencia no centro médico de especialistas de garda», coa recomendación de que se presentase novamente «cando se reincorporase o cirurxián».
Ingresada posteriormente, foi intervida cirúrxicamente e permaneceu na clínica durante tres días, incluso pasou algún tempo na UCI debido a unha reacción alérxica de orixe descoñecida. [Na fotografía, a mencionada traballadora logo da intervención cirúrxica]
Isidro de la Cal, segundo a CUT «considera este accidente como leve, de aí que a empresa non dese parte á Inspección de Traballo». Con todo, o representante da CUT enviou un novo oficio ao estamento oficial no que implica á inspección por entender que se trata «dun grave accidente, dado que a máquina case esmaga o brazo da traballadora», insistindo ademais en que «nos últimos oito meses producíronse seis graves accidentes laborais».
Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS


viernes, 1 de febrero de 2008


O 1 de febreiro cúmprense quince anos logo da súa morte

Ramón Valcarce Vega: A Igrexa revolucionaria

Nestes días nos que o terrorismo dos patróns da Igrexa impregna os miolos da sociedade, cómpre salientar a un dos persoeiros que desenvolveron a súa vida xustamente no sentido contrario aos xerarcas do dogmatismo católico.
Moncho Valcarce (A Coruña, 5-9-1935; 1-2-1993), popularmente coñecido como o ‘cura das Encrobas’, cursou estudos de Dereito e logo ingresou no Seminario Maior de Compostela. Na Universidade Gregoriana de Roma formouse como teólogo e finalmente, malia que con moitas dificultades debido ao seu carácter revolucionario, recibiu as ordes sacerdotais (1969) que o levarían exercer como responsable da Igrexa nas parroquias de Sésamo e Sueiro (Culleredo, A Coruña).
«Dende o primeiro momento desempeñou unha acción pastoral moi distinta da usual. A súa preocupación máis fonda era o respecto á liberdade das conciencias: retirou os confesionarios, e as súas prácticas, moi sinxelas e concretas, provocaban a participación dos feligreses».* Gandhi, Castelao, Basilio Álvarez, Camilo Torres, Paulo Freire e o propio Che Guevara foron algunhas das fontes nas que bebeu para realizar o seu labor pastoral. Ataviado cunha boina coa estrela vermella, mentres a cúpula eclesial adoraba ao ditador Francisco Franco, Moncho Valcarce encarouse coa ditadura. A súa reitoral de Sésamo «era coma un oasis no medio do deserto. A porta da súa casa sempre estaba aberta a todos, aberta na literalidade: alí non se coñecía a prudencia nin o medo. Moncho non dubidou en agochar nos baixos da reitoral o aparello de propaganda do Partido Comunista, e alí aconteceron moitas das primeiras reunións de Comisións Labregas e foi el mesmo quen nomeou a cabeceira do ‘Voceiro Labrego’, boletín do sindicato agrario nacionalista, e mesmo acubillou ao militante da Unión do Pobo Galego Moncho Reboiras cando era buscado pola policía franquista».*
En 1974 foi detido en Betanzos (A Coruña) logo dunha reunión clandestina. Con todo, a nova non sorprendeu a ninguén dado que foi algo case agardado «e especialmente significativo como reflectiron as manifestacións dos propios veciños de Sésamo e Sueiro a favor da súa liberación».* A partir de aí a súa casa de Sésamo estará vixilada día e noite pola garda civil. Non obstante continuará celebrando reunións cos labregos. «E pódese dicir que alí naceu o sindicato Comisións Labregas, ao que se incorporu formalmente en 1976, ano no que participou en distintas manifestacións (As Encrobas, Baldaio, Loño, Xove, etcétera) e foi maltratado polas forzas de orde pública, multado, detido e encadeado. Sen embargo, xamais mostrou odio a ninguén e soportou as vexacións coa maior naturalidade. Cando se lle advertía do perigoso da súa actuación, afirmaba con seguridade e, sobre todo, con fundamento cristián, que ‘os curas que din que non se meten en política, menten’, engadindo que se ‘eu son utilizado, tamén son utilizados os que están situados na estrutura dominante e, polo tanto, colaborando coa política represiva do poder’».*
Moncho Valcarce, que foi elixido concelleiro por Culleredo en 1979 representado ao Bloque Nacional-Popular Galego [na actualidade Bloque Nacionalista Galego], foi obrigado pola xerarquía católica practicamente ao abandono da súa responsabilidade pastoral nas súas parroquias (agás duns ‘servizos mínimos’). «As súas reivindicacións foron moitas en toda Galiza. Non foi sorpresa ninguna, entón, que en 1984 aparecese xunto a un humilde caseiro das Enchousas para impedir que fose desaloxado das súas terras. Ao ano seguinte colaborou nas seccións de gandeiros contra a restritiva cota do leite e nese mesmo ano viaxou a Suíza convidado polos centros galegos para impartir conferencias aos emigrantes dese país».* En 1987, aproveitando un ano sabático na Universidade Pontificia de Salamanca, realizou a tese ‘O compmromiso político dun prebístero nunha realidade concreta: Galiza’, que asinou o 23 de abril de 1989 en Vilar dos Comuneros.
Moncho Valcarce, que non abandonou nunca a súa loita contra a inxustiza, cumpriu os seus últimos anos destinado nas parroquias de San Pedro do Eume, Faiera e San Martín de Goente, integrado nun equipo pastoral na vila das Pontes. Antes da súa morte, que se demorou por mor dunha grave doenza, escribiu un xornal (Revolucionario e místico. Diario dunha doenza final) que foi publicado posteriormente pola revista Encrucillada. «A paz non é orde, senón xustiza» era unha das súas máximas.
E como diciamos ao principio, nestes días nos que batemos coa Igrexa máis recalcitrante, cómpre citar as palabras do propio Ramón Valcarce Vega, o cura das Encrobas, e sen dúbida, un dos máixmos expoñentes revolucionarios da historia de Galiza de todos os tempos: «Non sei o porqué do meu respecto á morte, ponme nervioso, inquedo. Nos enterros, acompañando o cadaleito á igrexa, ao cemiterio, ía calado, e preguntándome o porqué da morte, ía máis triste e concentrado ca os propios familiares. Non puiden acostumarme aos enterros, nin aos funerais, nin ao ruído da caixa empurrada polos familiares para metela no nicho. Cando remataba todo, soltaba un ‘por fin’ de alivio. Dábame rabia o falar dos acompañantes polo pouco respecto que demostran ao misterio da vida, como [dábanme] noxo os cregos que fan enterros coma se estivesen facendo filloas e están nos funerais coma se aquilo non fose con eles. Penso que con tanta pastoral funeraria perden a humanidade e ante a dor allea gañan bos pesos. Que prédicas non sentidas cheas de parvadas! Que ritos realizados de maneira que ofenden! Que maneira de berrar, de mirar para todos os sitios coma se buscasen algo ou alguén!».
Manuel María, un dos máis salientables líricos galegos, persoeiro tamén desaparecido, escribiu para o prólogo de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2003): «Estremece reler tantas testemuñas da loita valente e incansábel dunha persoa crucial na organización popular do movimento nacionalista galego dende os primeiros anos setenta, nestes tempos en que, por exemplo, aquel Baldaio polo que el tanto loitou, volve estar de loito pola contaminación que a poluída auga do mar lle achega, debido a unha nova e negra catástrofe ecolóxica, económica e, tamén, política, que, nestas datas, e baixo o nome de buque ‘Prestige’, asola Galiza». Brais do Castro [* Manuel Espiña Gamallo, Gran Enciclopedia Galega, Apéndices 2005]

jueves, 27 de diciembre de 2007


2008

Que é o que se lle podería pedir ao 2008? Talvez o primeiro sería a liberdade. A liberdade en ambos os dous sentidos: a liberdade física e a liberdade psíquica. A liberdade física para mellorar o modelo de vida individual que contempla a sociedade como un argumento plástico de propaganda e subordinación. E a liberdade psíquica para acadar estadios nos que a orixe da vida non predispoña sen máis ao contexto global da orientación dogmática.
Será isto unha grande esixencia?
O ano 2008 pertence ao século XXI e son vinte séculos de cen anos cada un, moito tempo para non reparar na fase na que nos achamos. Anos de 365 días, que suman numerosas horas nas que pasamos o tempo repetindo as repeticións. En suma, nunha sociedade na que tan só albiscamos parte das curiosidades tácticas reflectidas na propaganda ditada polos organigramas constituídos aleatoriamente para promulgar estratexias recorrentes. Non hai estado individual nin estadio presencial. As nosas diferenzas baséanse unicamente nas alternativas de movemento. Neste mundo que contemplamos sen ver, tan só estamos predispostos á suxestión que consideramos fórmula matemática para mostrar unha aparencia inexistente.
É posible que estas reflexións non combinen coas proposicións loxísticas argumentadas nestes tempos de desidia e fraxilidade. De seguro que tampouco coincidirían cos aqueloutros momentos pretéritos. E case con seguridade convirán menos co devir. Mais non nos enganemos. O noso pasado, presente e futuro non son nin máis nin menos ca o espello que nós mesmos esmiuzamos nos cantos das inquedanzas. E, queirámolo ou non, a nosa base natural non contempla un tránsito posibilitado pola condición sine qua non da inexplicable versión propiciada pola incerteza.
En todo caso, no 2008 mantemos a nosa aposta pola liberdade, malia que sexa un vocábulo inoperante ou esmagado por cantas veces foi maltratado, manipulado e aforcado. Alá. Neste pequeno país e nesta lingua de nai grande, vivamos a nación con valentía. A nación, con orgullo. A nación sen disimulo. Vivamos as Repúblicas Independentes. Todas sen distinción. Pese a todo. E pese a todos. Ata incluso sen bandeira, sen himno e sen marca. No noso propio corazón. E na nosa propia condición. OLLO CRÍTICO [Asemblea de Comunicación e Debate]

viernes, 9 de noviembre de 2007


‘MOBBING’ EN ISIDRO DE LA CAL

Na súa factoría de Bergondo (A Coruña), a empresa Isidro de la Cal segue a manter unha pauta de irregularidades. Á parte dos accidentes laborais, denunciados no seu día por este medio [imaxinario.blogspot.com, martes 28 de agosto de 2007], súmase agora o acoso ao que se achan sometidos varios dos seus traballadores. Entre as súas fórmulas de humillación ou ‘torturas contra a integridade moral’ dos traballadores [Proxecto de Lei de 15 de xaneiro de 2007 Modificación do Código Penal] salienta a de elevar a súa categoría para, logo dun tempo relativo, situalos novamente nas súas ocupacións primarias. Coa modificación do Código Penal castíganse, incluso con penas de prisión, aos ‘torturadores e abaixadores de empregados’, e vén tipificar o acoso «psicolóxico ou hostil nas relacións laborais, que humillan a quen as sufre, así como no marco doutras relacións contractuais, a alteración de condicións impondo situacións de grave ofensa á dignidade».
Con todo, Isidro de la Cal continúa coa súa política pretérita de menosprezo da dignidade da persoa, dado que supón unha clara ofensa á dignidade variar a categoría dun operario sen ningún tipo de explicación; menosprezo e humillación que estende a algúns dos seus empregados fieis que, sen atribución ningunha, se permiten exercer como ‘escravistas’ e incluso «despedir pola súa conta aos seus compañeiros». [en quince días, unha ‘operaria’ despediu a dous dos seus compañeiros]. Isto é, en Isidro de la Cal practicase o ‘mobbing’ en varias direccións.
A CUT (Central Unitaria de Traballadores), por outra parte, denunciou ante a Inspección de Traballo unha morea de irregularidades por parte da empresa: operarios accidentados por mor de ter que traballar en zonas destinadas a especialistas (corte con serra, etc.), horarios de traballo indiscriminados, contacto con líquidos fortemente contaminantes sen a debida protección, etcétera, etcétera. A Inspección de Traballo, logo de realizar a oportuna visita á empresa, segundo a CUT, non atopou «nada irregular; todos os traballadores consultados negaron realizar máis horas ca as contratadas». A inspectora, que parece que en lugar de inspeccionar pasou pola factoría a tomar un café e a condescender cos empresarios, quedou tan pancha coa resposta de que os tanques de lavado, con produtos químicos fortemente tóxicos (nun estraño idioma, talvez eslavo) non teñen ‘aditivo’ ningún. Saberá esa inspectora que son os aditivos e que son os produtos químicos perigosos? A esa mesma inspectora pareceulle ben tamén que un dos traballadores accidentados desacreditase as súas primeiras declaracións oficiadas ante a inspección. [informacións procedentes dos traballadores, que prefiren conservar o seu anonimato, salientan que este operario desdíxose debido a que a empresa acordou contratalo indefinidamente se ‘non denunciaba formalmente’]. Pese a todo, como sinala a CUT, «deuse un paso positivo: acadáronse botas de traballo, mandiletas para a auga, novos feches para os armarios roupeiros e estableceuse un calendario de traballo».
Con todo, o medo é a arma preponderante coa que conta a empresa, dado que ninguén ousa reclamar o establecido na Lei do Estatuto dos Traballadores ou no propio convenio. E a Inspección de Traballo argumenta, ante este tipo de argumentos sindicais, que «deberían denunciar os propios traballadores, cos seus nomes e apelidos», dado non «hai moitas posibilidades de sancionar ás empresas se estas son denunciadas só polos sindicatos». Seguindo esa análise, os ‘representantes dos traballadores’ serían innecesarios. E, ademais, os traballadores en xeral terían as de perder. Ou non? Información de Brais do Castro


DOCUMENTACIÓN. Isidro de la Cal recibiu en 2004 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha subvención de 419.632, 65 euros, e en 2005 a cantidade desembolsada pola consellería superou os sete millóns catrocentos mil euros. A finalidade (destas contribucións financeiras dun organismo público á empresa privada) era a de «incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura». A propia institución pública deberá desvelar se nos anos 2006 e 2007 este grupo de empresas recibiu subvencións semellantes ou superiores para o mesmo fin, dado que o Diario Oficial de Galiza áchase en mans privadas e hai que pagar por ‘descargar’. En calquera caso, polo menos na factoría de Bergondo (ou Cambre, segundo se mire), a maioría dos produtos que se manexan para a súa venda aos centros comerciais, veñen de países alleos ás nosas costas (Arxentina, Chile ou Perú). Por outra parte, unha factoría que apenas acaba de comezar (en 2006), produce cunha maquinaria obsoleta que necesita dun mantemento permanente. E, en xeral, a produción realízase nunhas condicións hixiénicas e sanitarias non compatibles coa empresa moderna do século XXI. En todo caso, as axudas que esta empresa recibe non se axustan para nada ao lema de ‘incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica’ propugnada para ser merecedores destas subvencións. Polo contrario, se a xustiza realizase o seu labor, debería pechalas ou transferilas a mans máis honorables.


jueves, 8 de noviembre de 2007


IBARRECHE NON SERÁ PENALIZADO POLA CONVOCATORIA DO REFERENDO POLA AUTODETERMINACIÓN

Se ben a Lei Orgánica 20/2003, de 23 de decembro [que modificaba a Lei Orgánica do Poder Xudicial e o Código Penal no seu artigo segundo], facultaba o seu procesamento a través do artigo 576 bis, ‘castigando’ con «penas de tres a cinco anos de prisión e inhabilitación á autoridade que, carecendo de competencia, convocase consultas electorais ou populares pola vía de referendo [...]», logo da súa derrogación mediante a Lei Orgánica 2/2005, de 22 de xuño [10621 BOE], desaparece tal posibilidade. Segundo a nova modificación do Código Penal, queda suprimido o artigo 576 bis [así como o 506 bis e o 521 bis], referidos a «condutas sen a entidade suficiente como para merecer o reproche penal e menos aínda se a pena contemplada é a prisión». Neste sentido, este novo concepto que derroga os parágrafos anteriores, no seu razoamento aprecia que o «dereito penal réxese polos principios de intervención mínima e proporcionalidade, segundo reflectiu o Tribunal Constitucional, insistindo en que non se pode privar a unha persoa do seu dereito á liberdade se non é estritamente imprescindible [...] Así, no exercicio das potestades para convocar ou promover referendos sen atribucións legais, existen vías diferentes ás penais».
Se o Partido Popular fose realmente un defensor da Constitución e do Estado de Dereito [non só dunha España, que só uns cantos manteñen de xeito contumaz na súa cabeza], debería adaptarse á lexislación vixente e aplicar os seus esforzos en situarse nun contexto lexislativo que, por outra parte, en xeral, funciona principalmente para favorecer os seus intereses. Brais do Castro

lunes, 8 de octubre de 2007


‘ERNESTO GUEVARA: UNHA LENDA VIVA’, artigo de Brais do Castro [deseño superior de Xavier Dans Mayor] en ‘Imaxinario’, con información complementaria sobre algúns dos persoeiros protagonistas daquel acontecer histórico. O 7 de outubro, o Che, a dous mil metros de altura, sinala no seu diario: Cumpríronse, sen complicacións, bucolicamente, os once meses da nosa inauguración guerrilleira; ata as 12.30, hora na que unha anciá, pastoreando as súas cabras, entrou no canón no que acamparamos e debemos prendela. A muller non ofreceu ningunha nova fidedigna sobre os uniformados, contestando a todo que non sabe, que hai tempo que non vai por alí. Só deu información sobre os camiños; de resultas do informe da anciá, despréndese que estamos, aproximadamente, a unha legua da Higuera e outra de Xagüei, e a unhas dúas horas de Pucará. Ás 17.30, o Inti, o Aniceto e o Pauliño achegáronse á casa da anciá, que ten unha filla enferma e outra medio anana; entregáronselle 50 pesos, co encargo de que non diga nin unha palabra, pero con pouca esperanza, pese ás súas promesas, de que así sexa. Saímos ás 17, cunha lúa moi cativa, e a marcha foi moi fatigosa, deixamos moito rastro polo canón no que estabamos (sen casas nas proximidades, pero si con sementes de ‘papa’ regadas por canles do mesmo regato). Ás dúas, paramos a descansar, pois xa era inútil continuar o avance. O Chinés convértese nunha verdadeira carga cando hai que camiñar de noite. O exército deu unha rara información sobre a presenza de 250 homes en Serrano para impedir o paso dos cercados, en número de 37, sinalando o noso acubillo entre o río Aceiro e o Ouro. A noticia parece querer enredar. Máis información en: http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 2 de octubre de 2007


Deseño de Xavier Dans Mayor.
Ver a tamaño orixinal en:
http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 11 de septiembre de 2007


Salvador Allende Gossens (Valparaíso, 1908; Santiago de Chile, 1973) foi presidente da República de Chile dende 1970 a 1973. O 11 de setembro, un golpe militar propiciado por un xeneral do Exército chileno, apoiado polos EE UU, deu ao traste cun intento revolucionario de socializar un país pola vía da transición pacífica. Texto completo en: http://imaxinario.blogspot.com/


miércoles, 5 de septiembre de 2007


Clelia Zucca mostra as súas imaxes
tiradas en Cuba en 2006 en:
http://cleliazuca.blogspot.com/

miércoles, 29 de agosto de 2007


‘Á ATENCIÓN DO SEÑOR CASTRO RUZ’,
carta de Brais do Castro:
«Señor don Fidel Alexandre Castro Ruz:
Nestes días nos que Cubavisión Internacional
solicita aos demócratas do universo que se dirixan
ao goberno dos EE UU solicitando a liberación
de Antón Guerrero, Fernando González,
Xerardo Hernández, Ramón Labañino
e René González, alegando que se tratou
'dun xuízo político, non un xuízo normal,
nin un xuízo con carácter común como
queren presentar estes xuízos, foi un xuízo
político de pés a cabeza e eses compañeiros
son presos políticos nos EE UU...',
pois señor presidente da República de Cuba,
nós, pese a que descoñecemos con exactitude
a realidade das faltas polas que se lles xulgou,
dende aquí dirixímonos formalmente
ao goberno dos EE UU solicitándolle
humildemente a liberación dos
cinco ‘antiterroristas’, tal e como os denominan
en Cubavisión Internacional.»
Texto completo en:
http://imaxinario.blogspot.com/


XV FESTIVAL DE CERCEDA
(A Coruña).
A Gresca tirou o programa do XV Festival
de Cerceda (A Coruña), no que participarán,
«logo da foliada desenvolvida o pasado ano
en Barcelona», artistas cataláns mesturados
con artistas galegos. Máis información

martes, 28 de agosto de 2007

No centro de Bergondo (A Coruña) de Isidro de la Cal, tres operarios (un home e dúas mulleres) que traballaban na serra de corte perderon parte dalgún dos seus dedos das mans, «algún incluso non se decatou nun primeiro momento ata que outro compañeiro atopou o dedo na luva». Isto aconteceu na penúltima semana do mes de agosto de 2007. Máis información en: http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 21 de agosto de 2007


‘A REVOLUCIÓN’, relato de Clelia Zucca.
«Aínda era noite pechada. A aeronave baixaba bruscamente buscando a pista de aterraxe. Para min, difícil, porque non albiscaba nada a través do ollo de boi do aparato. Cando por fin atinou, a pasaxe rompeu alborozada en vivas e aplausos. E eu estimei, entón, que aquilo debía ser cousa de moito risco, dado que doutro modo carecerían de sentido os escandalosos parabéns»: http://imaxinario.blogspot.com/



‘OS CALOTES DE ALCAMPO’.
Os consumidores reflícteno a través das súas queixas que «tampouco serven para gran cousa porque, logo de encher a folla de reclamacións, os organismos institucionais encargados de velar polos consumidores esquécense de todo. Ás veces pasan anos ata que aparece unha carta da Xunta na que salientan a imposibilidade de realizar ningún tipo de acción contra as empresas ‘por falta de probas’, argumentan».
Información de Ataúlfo de Ferabrás en: http://imaxinario.blogspot.com/

miércoles, 1 de agosto de 2007

Cuba: Máis de 200 persoas permanecen en prisión
por delitos políticos: http://imaxinario.blogspot.com/

lunes, 30 de julio de 2007

‘Atado e ben atado’, información de Brais do Castro
con ilustración de Xavier Dans Mayor:
http://imaxinario.blogspot.com/