lunes, 12 de enero de 2009

'PEACE, PLEASE'


Neste ano que comeza debemos pular para que todos os pobos do planeta acaden a súa independencia e sexan respectados con todas as garantías propias dunha sociedade global xusta e disposta a aceptar sen preámbulo ningún as realidades singulares de cada país.
O caso palestino, que non é o único, confirma a degradación da sociedade imperialista que segue a estourar con todo canto estorba aos seus fins.
Os argumentos de Israel para xustificar os seus terribles crimes coinciden en parte cos argumentos do nazismo contra os propios xudeus, que no seu día consideraron como xenocidio.
Os defensores da causa xudía consideran mesmo que a masacre palestina é necesaria dado que non conciben outro modo de atallar o ‘terrorismo’ árabe. Lembrar que, cando os xudeus loitaban por asentarse onde se achan na actualidade, o goberno clandestino xudeu (‘o Haganah’), na súa loita armada contra os británicos, colaborou cos grupos terroristas Irgún e Stern (1945), incluso voou con dinamita parte do hotel Rei David, en Xerusalén, causando preto dun centenar de mortos e algo máis de cen feridos. Varios terroristas xudeus, axustizados polo exército británico, foron considerados heroes polo Irgún.
Que defendían os xudeus? A súa independencia. E para logralo utilizaron todos os medios, incluído o denominado terrorismo. Que defenden os palestinos? A súa independencia.
De sentido común é procurar calquera meta sen empregar violencia. É máis xusto e máis positivo. Pero cando a miseria, a humillación e a escravitude percorren os corpos e as mentes dunha sociedade, o sentido común arrédase da propia natureza humana. Isto é, cando un pobo é maltratado ignominiosamente, deféndese coas súas propias armas.
A historia está aí. E é unha historia de iniquidades. Palestina loita contra o seu propio destino dende hai ben tempo. E xa vai sendo hora de cambiar a historia. De limpar os corazóns. De buscar a paz. De dialogar. E o primeiro paso debe dalo o máis forte. O débil bastante ten con sobrevivir. Peace, please.

viernes, 21 de noviembre de 2008

CURIOSIDADES 'MEDIÁTICAS'



A 'cultura' de EL PAÍS

Fratricida [do latín fratricīda]: persoa que mata ao seu irmán.


jueves, 13 de noviembre de 2008

CLELIA ZUCCA EXHIBE CON ÉXITO AS SÚAS IMAXES NO ÁGORA


A mostra fotográfica de Clelia Zucca 'Charamuscas cubanas', que permanecerá aberta no pub Ágora (rúa Orzán, 27, A Coruña) ata o vindeiro mes de decembro, asombrou aos asistentes á inauguración, que salientaban «a súa gran cor e luminosidade».
O cuartel Moncada, na actualidade denominado 26 de Xullo; o Concello de Santiago de Cuba, dende onde Fidel Castro proclamou o trunfo da Revolución; o lugar de Birán, na provincia de Holguín, onde naceu o comandante en xefe do exército rebelde, conforman parte do conxunto de imaxes inéditas da fotógrafa coruñesa. [http://www.cleliazuca.blogspot.com]


martes, 4 de noviembre de 2008

MOSTRA DE FOTOGRAFÍA SOBRE CUBA



A nosa compañeira Clelia Zucca
expón as súas imaxes no Ágora
(Orzán 27, A Coruña)

O próximo xoves día 6 de outubro, a nosa compañeira Clelia Zucca, actual coordinadora de OLLO CRÍTICO (ACE), presenta baixo o epígrafe ‘Charamuscas cubanas’ unha mostra plástica realizada integramente en Cuba (Santiago, Holguín, Trinidad, Pinar del Río, A Habana, etcétera).
A través dunha ollada fresca, a partir das oito da tarde no pub Ágora (rúa do Orzán, 27), a autora desprende, con sinxela sensibilidade e sen ánimo de crebar a harmonía natural da prosa xeográfica cubana, algunhas das faíscas captadas polo seu ‘ollo’ fotográfico.
Clelia Zucca (A Coruña, 1973), colaboradora gráfica da Gran Enciclopedia Galega e autora da cuberta do libro ‘Rebelde con causa?’ de Brais do Castro (Novos Vieiros, 2008), cultiva tamén a literatura e publicou varios contos na sección ‘Relatos de verán’ de La Voz de Galicia (‘Dúas e dúas’, 2004; ‘Camiño de Zoelae’, 2006; ‘A revolución’, 2007).

martes, 28 de octubre de 2008


QUEN MERECEN MÁIS RESPECTO:
OS VAGOS OU OS DELINCUENTES?


POR ATAÚLFO DE FERABRÁS
Xavier Gómez Navarro. Madrid (1945). Enxeñeiro Técnico Industrial, ligado ao mundo editorial (Cuadernos para el Diálogo, Tania, Viaxar e Fundación Ortega e Gasset) e ao turismo (Feira Internacional do Turismo, Viaxes Marsans), finalmente optou pola empresa promovendo a creación do Club de Empresarios (1985). Dende 1987 a 1993 converteuse en secretario de Estado para o Deporte, etapa na que os clubs de fútbol e baloncesto pasaron a establecerse como sociedades anónimas (agás algúns privilexiados como o Real Madrid, Barcelona ou Atlético de Bilbao), e exerceu como vicepresidente dos Xogos Olímpicos de Barcelona (1992).
Ministro de Comercio e Turismo nomeado por Filipe González (1993-96), dende 2005 é presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio.
Gómez Navarro, que dirixe as empresas MBD Consultores Business Intelligence, dedicada ao consello empresarial, e ALDEASA, exerce no seu tempo libre como patrón do Teatro Real.
MBD Consultores Business Intelligence aplica, segundo a súa web, «coñecementos contrastados para converter datos dos seus clientes en recomendacións e ferramentas estratéxicas e creativas capaces de orientar solidamente a toma de decisións». Que é o que queren dicir?
ALDEASA sinala que a súa liña principal de negocio é «a distribución comercial aeroportuaria, que supón o 97,7% dos ingresos. Durante 2007 a cifra de negocio do grupo ascendeu a 849,8 millóns de euros, cun incremento do 14,2% respecto ao ano anterior. Na actualidade, a compañía xestiona establecementos en 45 aeroportos nacionais e internacionais e dispón de 268 tendas en todo o mundo con máis de 53.000 metros cadrados dedicados ao comercio, e máis de 3.200 empregados despregados en 16 países».
O Teatro Real depende do Ministerio de Cultura, Educación e Deportes. E unha das actividades de ALDEASA é a xestión de espazos comerciais «en recintos culturais». E ALDEASA é a «única empresa do sector con presenza neste ámbito».
Quererá investigar isto algún medio de comunicación dos denominados ‘formais’?

jueves, 23 de octubre de 2008


AS ‘NAIS DO SÁBADO’ EN ISTAMBUL

Por Brais do Castro

Turquía non é Arxentina e quizais por iso non interese a súa grave problemática de morte e desaparición. Dise que a poboación kurda roldaba os corenta millóns antes de que for diseminada entre Turquía, Irán, Siria e Iraq. Na actualidade parece que moran en Turquía algo máis de vinte millóns de kurdos imposibilitados de exercer os seus dereitos como comunidade propia.
A partir do golpe de Estado de 1980 sucedéronse as masacres nas que padeceron represión, morte, desaparición e violacións de todo xénero milleiros de kurdos (incluídos anciáns, mulleres e nenos). E logo da desaparición, atribuída ao Estado, dun membro do comunidade kurda, Hassan Ocak, a súa familia iniciou unha campaña esixindo información, que xerou o comezo da loita organizada en contra das desaparicións en Turquía. Segundo o ICAD, Hassan Ocak, que foi torturado, apareceu morto nun cemiterio para descoñecidos logo de vintecinco días de busca. Dende 1995, as nais dos ‘desaparecidos’ nomeáronse as ‘Nais do Sábado’ e realizan manifestacións e concentracións cada sábado en Istambul, diante da escola Galatasarai.
Na actualidade, o Kurdistán sitúase entre Turquía, Irán, Irak e Siria. A súa orixe non deriva do resto dos pobos de Oriente Medio. O pobo kurdo posúe a súa propia cultura e a súa propia lingua. Referíndonos ao século XX, logo da primeira guerra mundial, hai indicios para concederlle a autodeterminación aos pobos baixo o imperio otomán, entre eles o pobo kurdo, se ben a partir do descubrimento dos grandes depósitos de petróleo, entre 1923 e 1926, no denominado Kurdistán iraquí, tanto o Reino Unido coma Francia crean directivas de influencia (en Iraq con dominio británico, e en Siria con dominio francés). A sinatura do tratado de Lausana propicia o Kurdistán actual baixo ocupación turca, siria, iraquí e iraniana.
O imperio otomán (1299-1923), no seu máximo esplendor, entre os séculos XVI e XVII estendíase por tres continentes e controlaba parte do sueste europeo, o Medio Oriente e o norte de África, limitaba ao oeste con Marrocos, ao leste co mar Caspio e ao sur con Sudán, Eritrea, Somalia e Arabia; constituíano 29 provincias, con Moldavia, Transilvania e Valaquia como vasalos.
Integrados nunha gran familia de pobos indoeuropeos, os kurdos asentáronse no espazo que ocupan na actualidade cara ao 2500 antes da Nosa Era. O Kurdistán antigo é unha rexión do suroeste de Asia que engloba territorios de varias nacións (Irak, Irán, Turquía, Armenia e Siria). O seu territorio salienta principalmente polas súas zonas montañosas formadas polos montes Taurus, ao sur de Turquía, Zagros e Elburz (suroeste e noroeste de Irán).
Algúns analistas calculan en 30.000 o número de persoas asasinadas dende 1980 ata a actualidade, millóns de kurdos deberon emigrar cara a outros países de Europa e preto de 3.000 aldeas e vilas foron destruídas polos uniformados. Sen dúbida, un xenocidio que aínda non foi recoñecido como tal polo denominado Tribunal Penal Internacional.
Pese a que a Unión Europea solicítalle a Turquía, coa boca pequena, unha democracia como condición ‘sine qua non’ para integrarse, a realidade é que a represión continúa con sistemática crueldade para a poboación kurda.

jueves, 9 de octubre de 2008


WILSON, Jack.

Por Ataúlfo de Ferabrás

Parece que nado (1858) e falecido en Nevada (Reserva Walker River, 1932). Fillo de Tävibo, coñecido tamén como Wovoka, era un nativo da zona. Feiticeiro, ao que se lle atribuíron poderes sobrenaturais, e líder relixioso, influído polos mormóns e cuáqueros, segundo algunhas fontes logo dun eclipse de sol preconizou a vitoria dos amerindios sobre os brancos, establecendo un movemento denominado ‘Ghostdance’. E parece que Wovoka converteu á nova relixión a algún salientable dirixente ‘indio’, como Touro Cadeirado, se ben tras os acontecementos de Wounded Knee (un grupo indíxena foi esmagado por soldados estadounidenses pese a lucir camisolas ‘espirituais’ como protección contra as balas) disolveuse o ‘movemento’. E finalmente Wovoka faleceu, no anonimato, na reserva de Walker River.
A batalla de Wounded Knee Creek (1890) foi a última librada polo exército estadounidense contra os indíxenas. Aconteceu o 28 de decembro. Un grupo de nativos foi trasladado a un campamento do exército da Unión. A batalla iniciouse, segundo algúns historiadores, cando un dos indios tirou unha frecha ao aire e feriu a un soldado. Os militares abriron fogo de inmediato e os guerreiros botáronse sobre eles con coitelos e machados de guerra. Alí pereceron entre 200 e 300 indios, segundo as fontes (mulleres, homes e nenos foron cribados a tiros). Esa batalla, definida polos nativos como a ‘masacre de Wounded Knee’, acabou coas inquedanzas de independencia dos auténticos propietarios daquela zona.
Cómpre salientar que miles de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos ás terras onde hoxe está situado o Estado de Nevada, a zona habitábana xa tribos integradas na familia lingüística dos uto-aztecas ou iuto-nahuas.
Segundo o etnólogo James Mooney, que investigou o movemento ‘Ghostdance’ (1891), Wovoka transmitiu a súa mensaxe sobre o ‘espírito da danza’ por vía oral, logo trasladada á escrita por un correlixionario que asistira á escola india, se ben con certas deficiencias lingüísticas.
O ‘Ghostdance’, que pasou a formularse como un movemento relixioso de ‘carácter mesiánico’, xurdiu entre os indios de Nevada. Algúns atribúeno ao feiticeiro Wodziwob (1869), quen profetizaba a volta á vida dos mortos. Para tal fin organizou unha serie de cerimonias e danzas nas que os participantes entraban en transo e o seu espírito trasladábase ao mundo dos mortos nun reencontro entendido como parte dunha renovación cósmica. A Wodziwob sucedeuno Wovoka a partir de 1889, adquirindo maior preponderancia logo da súa confesión de ter estado con ‘Deus’, que lle proporcionaría as instrucións concretas para realizar o ritual de danza cos espíritos.
O texto mesiánico, que reflicte a simplicidade natural de Wovoka ou Jack Wilson (parece que así foi bautizado), magnifica o amor aos semellantes e salienta a grande alegría que ‘invade o seu corazón polos dons recibidos’. Wovoka comprácese tamén en indicar que ‘non se esqueza que a morte é alegría para os que quedan’. E compele aos seus irmáns de tribo a non loitar e non danar nin ferir a ninguén. Con todo, segundo as notas de James Mooney, Wovoka, ao tempo que confirma a estancia de ‘Xesús’ na terra, profetiza que ‘non hai morte nin enfermidade e que retornará a xuventude para todos’.
Nesta mensaxe que Wovoka trasladou oralmente á escrita mercé a unha ‘man amiga’, recomenda que non se fale diso ‘coa xente branca’, pero insiste en que ‘se traballe para ela ata que chegue o momento, cando treme a terra, que virá o novo mundo’. Wovoka teima, mesmo, en que non hai que ter medo: «ninguén poderá facernos mal ningún».
Todo isto, xunto ao correspondente ritual para despexar as dúbidas (a danza cada seis semanas, baile, alimentos, baño, etcétera), relatouno Wovoka ao seu ‘escribente’, que, naturalmente, o segundo logo axustaría á súa maneira.

lunes, 29 de septiembre de 2008

ISIDRO DE LA CAL CONTINÚA COA 'LIMPEZA'
Os tres candidatos da CIG que se presentaron ás eleccións fican fóra da empresa
(A Coruña, Por Ataúlfo de Ferabrás).- Pendentes da formalidade do fallo de Maxistratura, que debe decidir nas próximas semanas se readmite as dúas traballadoras despedidas incluídas nas listas da CIG na segunda quenda electoral (unha delas, elixida delegada), Isidro de la Cal ‘desfíxose’ do terceiro representante desta organización sindical, e a cuarta candidata na primeira quenda está a ser acosada sistematicamente.
Por outra parte, os representantes da CUT non son mellor tratados: A Mónica María Caridad (elixida delegada na primeira quenda) ‘rebaixárona’ das súas funcións como encargada de liña e, logo de que denunciou o comportamento violento dunha operaria ao seu cargo, «foi mobilizada do seu labor anterior e illada a zonas arredadas». Incluso, cunha alta inestabilidade alérxica, risco que a empresa coñece, «obrígana a realizar traballos, baixo ameazas solapadas, con determinados produtos químicos». En varias ocasións ‘suxeríronlle’ «a saída voluntaria da empresa». Fontes solventes aseguran, así mesmo, que a empresa está a realizar unha limpeza xeral de traballadores incluídos nas listas electorais, agás dos da UXT, «central que representa ao sector administrativo e directivo».

A ISIDRO DE LA CAL
A CONSTITUCIÓN
IMPÓRTALLE UN CARALLO

POR BRAIS DO CASTRO
braisdocastro@gmail.com

A que de primeiras foi unha empresa de corte familiar que se estableceu mercé á benevolencia da ditadura franquista, co devir foise reconvertendo sen abandonar os seus modos ditatoriais herdados do anterior réxime. Na actualidade, a situación laboral no centro de Isidro de la Cal de Cambre (A Coruña) é alarmante. Se hai días denunciabamos a política pouco menos que escravista desta empresa e a abulia das institucións garantes dos dereitos dos traballadores (Inspección de Traballo), hoxe debemos insistir en que esta actitude contumaz de ‘ordeno e mando’ debe pararse.
Isidro de la Cal parece intocable. Ningún medio de comunicación privado ousa informar sobre o que acontece nese establecemento. Tampouco se investiga o destino das subvencións proporcionadas pola Xunta de Galiza a través dos fondos da UE. Os traballadores entran e saen a cotío. As ‘empresas’ de traballo temporal (como Ábside, por exemplo) procuran que se manteñan os tránsitos nesa barreira que non acada os 50 traballadores necesarios para constituír un comité de empresa con cinco representantes. Con todo, incluídas as dúas traballadoras despedidas, no momento das eleccións a empresa superaba os 51 traballadores. A fraude é evidente.
A historia sindical de Isidro de la Cal no centro de Cambre é moi significativa e debe ser investigada a fondo. En 2002 falábase xa dun grande investimento para a construción dun centro dedicado a actividades mariñas, que xerou certas perspectivas no ámbito laboral. En 2008 a empresa non dispuña de representantes legais dos traballadores e debeu ser un grupo reducido quen as reclamase mediante a recollida das sinaturas necesarias. Á empresa non lle agradou o asunto, pero debeu admitir a convocatoria de eleccións, se ben contaba cun as na manga: sería para delegados, porque o número de traballadores ‘fixos’ da empresa non superaba os 49.
Foi unha trangallada: por parte dos sindicatos, que descoñecen (ou non traballan arreo para informarse) que tamén son traballadores da empresa aqueles cunha antigüidade dun ano (sexan ‘indefinidos’ ou temporais) e que, polo tanto, no momento da convocatoria electoral o número superaba os cincuenta. Isto é, deberían ser eleccións para comité de empresa (cinco) e non ‘parciais’ para elixir tres delegados.
Outra cuestión é a de fondo. A CIG esqueceuse da cuestión electoral. Debeu ser unha traballadora quen puxese ao tanto a esa central, que realizou a súa aparición logo da constitución da mesa. Que pasa? Antes estiveron durmindo?
Coas eleccións en marcha, a empresa despediu a tres traballadoras, se ben só unha delas era afiliada á CIG e á terceira nin sequera lle interesaban as eleccións.
A empresa viu a oportunidade para o despedimento das tres dunha tacada, así ninguén podería dicir que era unha manobra ‘política’. A CIG, fiel ao seu oportunismo, impugnou as eleccións, pese a que a CUT (unha central de clase coma a CIG, pero menos influínte) acadou dous representantes, por un que lle correspondeu a UXT (central que representaba á empresa, é dicir, aos traballadores de ‘alto standing’). Repetíronse as eleccións coas candidatas da CIG despedidas, e a CIG acadou un delegado (outro a CUT, que perdeu un pero recibiu máis votos, e outro UXT).
Hai uns días a empresa botou ao número tres da lista da CIG. E na actualidade, formalmente, ata que Maxistratura falle, non queda na empresa ningún dos candidatos da CIG presentes na súa segunda lista electoral.
A conclusión final é que os traballadores da empresa seguen sen representación sindical. Polo tanto, unha vez máis quen perderon foron os traballadores.
Esta é a grandes trazos a empresa Isidro de la Cal. E a grandes trazos a actuación sindical. E a parsimonia das autoridades laborais, como a Inspección de Traballo, que cando inspecciona, en lugar de inspeccionar parece que avisa, e a empresa pon en marcha os seus mecanismos de defensa.
E agora fagámonos unha pregunta: É isto o que realmente acontece na maioría das empresas e nas institucións que deben velar polos dereitos laborais ou é só un caso illado?
Quedamos á espera das novas dos próximos días. Pero moito nos tememos que algúns traballadores máis de Isidro de la Cal deberá aclarar as súas dúbidas na Maxistratura de Traballo da Coruña.

lunes, 15 de septiembre de 2008

RELATO DE XAVIER DANS MAYOR**


O FILLO DE WOVOKA*

«Oh meu pai! Por Grande Espírito de praderías! Eu contar irmáns meus que ver en terra home branco. Min traer lonxe por ser primeiro Paiute aprender escribir. Saber que eu non ver máis onde min nacer, eu morrer doenza meniños, chamar varíola. Fin non apropiado para guerreiro que só ten que atopar morte por ferro en batalla (...) En aldea rostro pálido non haber acougo, ser todo ir e vir; trasfega sen repouso e non natureza: quizais eu ser salvaxe sen cultura. Abraiar a min ver cousa marabillosa, verdade falar que no país home branco vivir pel vermella. Chamar xitanos, pero ser nación calé. Eles viaxar, asentar en poboado coma campamento noso, acender lumes e bailar e cantar ó redor coma nós a danza espiritual; ter sentido da tribo e da vida coma as nacións paiute, cheiene, sioux (...) e lingua propia, o caló; coñecer rostro pálido por paio igual nós dicir whasichu. Home branco non querer xitanos, amorear afastados en chabola como a nós en reserva. Porén pobo calé ter leis súas, chamar lei xitana (...) Eu avisar: rostro pálido nunca respectar liberdade e xustiza nosa. Aquí irmáns estar baixo xugo e non oportunidade; eles non casa, non traballo, non home medicina, non escola, non zapato; ter apenas catro farrapos e anaco pan; eles ter que pedir esmola, entón beber auga de fogo e roubar; logo presos, da familia arredados; pero vivir orgullosos de seu e conservar tradición (...) Eu logo preguntar, se calés levar séculos en vello mundo, que ser de nós? Que reservar a nós con promesas home branco? Con mentiras e pau de trono querer dominar e terra nosa apropiar; non paz até nós vencidos e sometidos, aniquilados: pobo indíxena desenterrar machado guerra; loitar, resistir ou morrer! Eu dicir que pensar, eu fitar ós ollos, eu falar fronte a fronte. Eu soñar (...)».

*Nota do tradutor: Esta carta nunca chegou ó seu destino; achada hai pouco nunha estafeta, extraviouse en 1898 probablemente por mor do seu contido, se cadra, incómodo para as autoridades do seu tempo. Con todo, os seus destinatarios, Reserva Paiute Río do Camiñante, non a entenderían xa que eran analfabetos.

**Nota de OLLO CRÍTICO (ACD): Este traballo de Xavier Dans Mayor foi desbotado na selección de 'Relatos de Verán' de La Voz de Galicia, talvez pola coincidencia do seu contido co que está a acontecer a diario con algúns sectores da poboación, ou quizais porque aos cordinadores de dita sección as árbores impedíronlles albiscar o bosque.


jueves, 11 de septiembre de 2008

SALVADOR ALLENDE


O 11 de setembro cúmprense 35 anos

do golpe militar en Chile

Por BRAIS DO CASTRO


O presidente chileno Salvador Allende Gossens (Valparaíso, 1908-Santiago, 1973) faleceu en Chile o 11 de setembro de 1973 logo dun golpe de Estado apoiado pola CIA e dirixido polo xeneral Augusto Pinochet.
Co apoio das organizacións de esquerda integradas na Unidade Popular, Salvador Allende acadou os votos necesarios para establecer un goberno alternativo que levase ao país cara á denominada ‘vía chilena ao socialismo’. Unha das primeiras medidas do goberno popular foi a nacionalización do cobre, algo que os EE UU non estaban dispostos a consentir.
A estas alturas sábese xa con certeza que a folga do transporte foi patrocinada pola axencia de contraespionaxe estadounidense. E coa axuda da ala máis dura do exército chileno aprobouse o golpe de Estado que establecería en Chile unha das ditaduras militares máis sanguentas e abafantes do século XX.
Con todo, Salvador Allende, que na súa etapa como senador encargouse de facilitar a saída aos sobreviventes da guerrilla do Che Guevara en Boliva, defendeuse no pazo presidencial coas armas na man xunto a un grupo de colaboradores. Finalmente, dado que non contaba co apoio apropiado para defender a Constitución, quitouse a vida nunha das estancias do pazo.
Salvador Allende, que se dirixiu á poboación a través de Radio Corporación ás 7:55 da mañá cun chamado aos traballadores para «que ocupen os seus postos de traballo, que concorran ás súas fábricas, que manteñan a calma e a serenidade», nese momento aínda coidaba que a gornición de Santiago achábase acuartelada con normalidade. E insistía en que, «en todo caso, eu estou aquí, no pazo de goberno, e aquí quedarei defendendo ao goberno que represento pola vontade do pobo». O presidente constitucional solicitaba unicamente que os traballadores estivesen atentos e vixilantes e que evitasen provocacións. Na súa inxenuidade, aínda agardaba pola resposta dos ‘rebeldes’, «que espero sexa positiva, dado que os soldados da patria xuraron defender o réxime establecido, expresión da vontade social, e agardo que cumpran coa doutrina que prestixiou a Chile e prestixia o profesionalismo das forzas armadas. Nestas circunstancias teño a certeza de que os soldados cumprirán coa súa obriga». Non obstante, coidaba que, no caso contrario, «débese mobilizar activamente o pobo e os traballadores, se ben nos seus lugares de traballo, escoitando o chamado do compañeiro presidente da República coas instrucións precisas».
Pese a que, coma sempre, o pobo pedía armas coas que se defender, a ética de Salvador Allende non contaba con que a insurrección fose xeral e efectiva. E ás 8:15 insistía en que «se respectará a vontade do pobo», coidando que «as forzas leais acatarán o xuramento de obediencia e, ao carón dos traballadores organizados, afastarán o golpe fascista que ameaza á patria».
Ás 8:45 Salvador Allende falaba xa de enfrontamento contra a maioría do exército chileno. Ás 9:03, dende Radio Magallanes, salientaba o paso dos avións sobre o pazo presidencial, sinalando que «pagarei coa miña vida a defensa dos principios, que son caros a esta patria», pero mantiña á cidadanía fóra do conflito propiamente dito: «O pobo debe estar alerta e vixilante. Non debe facer fronte ás provocacións, nin tampouco deixarse masacrar, se ben debe defender as súas conquistas: o dereito a construír co seu esforzo unha vida digna e mellor». Mais o pobo seguía desarmado.
Ás 9:10, Allende coñecía xa o alcance do golpe e insistía en que «o pobo debe defenderse [...] pero non sacrificarse. O pobo non debe deixarse esmagar nin martirizar, pero tampouco debe humillarse».
Estaba claro que Salvador Allende non estaba conforme co golpe militar, mais tampouco quería que o exército esnaquizase á poboación. E pese a que os seus socios de goberno (o Movemento de Esquerda Revolucionaria e o Partido Comunista, entre outros) había ben tempo que lle solicitaran que se armase á cidadanía, o presidente chileno optou ata o final pola vía ‘pacífica’ que finalizou co seu último discurso: «Traballadores da miña patria: Teño fe en Chile e no seu destino. Outros homes superarán este momento gris e amargo no que se pretende a imposición da traizón. Saiban vostedes que máis cedo ca tarde abriranse novamente as grandes alamedas polas que camiñará o home libre para construír unha sociedade mellor. Viva Chile. Viva o pobo. Vivan os traballadores. Estas son as miñas derradeiras palabras, coa certeza de que o meu sacrificio non será en van. Sei que, polo menos, será unha lección moral que castigará a felonía, a covardía e a traizón».

jueves, 4 de septiembre de 2008

'CAL VIVO, CAL MORTO, A DERRADEIRA FESTA'



Estrea en Compostela o 11 de setembro

Por BRAIS DO CASTRO

‘Cal vivo, cal morto, a derradeira festa’, documental realizado por Mariano Casas e Duarte Fernández (48 minutos), será estrea en Compostela o próximo xoves 11 de setembro ás nove da noite no Teatro Principal de Compostela [coincidindo coa data do asasinato de Salvador Allende Gossens, en Chile].
Subvencionado pola Consellería de Cultura, trátase dun traballo que reflicte a historia dos últimos ‘caleiros’ que sobreviviron nun oficio milenario, se ben obsoleto na actualidade. O documento, que xa for presentado con anterioridade en Mondoñedo e Ourense, segundo os realizadores, «mostra cómo estes sobreviventes cocen a pedra calcaria durante uns días nunha gran cheminea e así producen o cal (noutrora, unha industria da que viviu moita xente na zona da Mariña Central). Os últimos caleiros, hoxe xa octoxenarios, celebran unha derradeira ‘queima’, co fin de que o seu oficio e o dos seus antepasados non morra canda eles. Dita queima será unha gran festa que os veciños do Masma (Mondoñedo) aproveitarán para narrar en primeira persoa cómo desenvolvían o seu antigo labor».
Mariano Casas (Madrid, 1971) dirixiu as curtametraxes ‘Sirenas’ (2003) e ‘Plans de voda’ (2005).

CADERNO DE BITÁCORA

Martes, día 2 de setembro

Por PAÍS DA NACIÓN
A estancia en Londres foi produtiva: moita calor, semellaba Sevilla. Tivemos que agocharnos no Museo de Cera de Dona Mathausen (quén sabe cómo se escribe) para acubillarnos dos preto de 30 graos. A experiencia foi gratificante. O primeiro abandono do Gran Irmán Asia 2008 foi o mago Tato, que retornou á Coruña, imposibilitado por esixencias profesionais a continuar a viaxe. Logo de trece horas de voo chegamos a Singapur e as calores aumentaron considerablemente. A cidade é Nova York en Asia, con grandes avenidas e xente moi amable por todas partes. Aquí cumprimos o encargo do druída Eloi: mercámoslle a cámara de fotos (tira unhas fotos de moito carallo). Á saída de Singagur cara a Malasia, perfecta, pero en Malasia foi unha aventura alugar un carro para seis persoas e unha morea de maletas. Hoxe chegamos a Kuala Lumpur; semella que respiras auga e a roupa pégase á pel coma se fose ‘superglú’, Dende a fiestra do hotel observamos as xigantescas torres ‘petronas’ e parece que se poden tocar. Á noitiña, a cidade é maxestosa. Os petrodólares malaios parece que se invisten no pobo. Árabes, indios, budistas e orixinarios procuran convivir en harmonía. Hai boas autoestradas e moi baratas (300 quilómetros, aproximadamente, 9 euros) e a gasolina custa uns 50 céntimos o litro. A paisaxe de Singapur a Kuala Lumpur é impresionante: quilómetros e quilómetros de outeiros e chairas de vexetación exuberante, con bosques e palmeiras ‘inverno verde Galiza’.
(Nas aduanas de Singapur e Malasia a visa é gratuíta e a entrada do país é inmediata).

miércoles, 27 de agosto de 2008

ISIDRO DE LA CAL


PESE Á PROPOSTA DE DIVISIÓN DA CIG,
A CUT GAÑA NOVAMENTE AS ELECCIÓNS


(A Coruña, por Clelia Zucca). Na factoría de Isidro de la Cal (Cambre, A Coruña) repetíronse as eleccións sindicais logo de que a CIG impugnase as anteriores xa gañadas pola CUT. Os traballadores representados por esta central sindical acadaron 40 votos (o 36,6%) fronte aos 35 da UXT (32,11%) e 34 da CIG (31,1%). A CIG, que presentou como candidata a dúas traballadoras que están á espera da resolución dos seus despedimentos pola Maxistratura de Traballo, acadou pese a todo un delegado. Cunha participación de 81,7% do conxunto de traballadores, malia certos impedimentos para que se votase en horas laborais como é preceptivo (Lei do Estatuto dos Traballadores), finalmente haberá que agardar á resolución de Maxistratura para que os delegados electos vexan reflectida a súa condición dada a impugnación dos anteriores comicios.

martes, 26 de agosto de 2008

CUBA NO CORAZÓN! [II]

CUBA NO CORAZÓN! [I]

lunes, 25 de agosto de 2008

INFORMACIÓN OU PROPAGANDA?


INFORMACIÓN OU PROPAGANDA?

BRAIS DO CASTRO
braisdocastro@gmail.com

A afección dos medios de comunicación pola propaganda é tal que cando deben informar non saben, dado que carecen de sentido deontolóxico. A mostra foi a ‘información’ facilitada ao pouco do accidente de Barajas, que finalmente resultou tráxico.
A primeira noticia sobre o suceso trasladouna a SER a través do seu programa deportivo das 15:00 horas (sobre os Xogos Olímpicos de Pequín), dando fe do accidente, «parece que sen vítimas mortais». A televisión pública estatal, nun primeiro momento, cifrou en «sete os falecidos», logo ampliou o número a vinte ou corenta. As emisoras privadas tampouco estiveron moi lúcidas e cada una deu unha versión distinta e singular.
Sobre o por qué do accidente case todos os propagandistas estiveron predispostos a contar a mesma canción sen agardar a ter contrastada a noticia e soamente coa ansia de espallala ao azar a ver se atinaban.
Isto que significa? Pois, primeiro, que os familiares dos pasaxeiros pasaron por unha, dúas ou tres fases antes de coñecer a realidade do accidente, co que iso supón. E por último atopáronse coas consecuencias definitivas: algunhas das persoas que viaxaban no avión sinistrado morreron máis dunha vez para os seus achegados.

jueves, 31 de julio de 2008


CURIOSIDADES ALIMENTARIAS

O consumidor mercou un sábado en ALCAMPO unha bandexa de froita e o luns, ao abrila, quedou coa boca aberta.