Mostrando entradas con la etiqueta Galiza. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Galiza. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de marzo de 2009

ELECCIÓNS GALEGAS 2009


Un paso atrás,

dous adiante


Por CLELIA ZUCCA

A esquerda nacionalista debe reflexionar sobre o acontecido nas eleccións autonómicas de 2009, realizar unha profunda autocrítica e establecer novos criterios para xerar variables que contribúan á reformulación dun marco político dirixido ao cambio real da sociedade galega menos favorecida. Porque diso se trata? Ou non?

Primeiro debe preguntarse por qué non foi quen de acadar cotas máis salientables de representación no Parlamento galego e a quen representa verdadeiramente.

Galiza é un país que leva unha eternidade suxeito a manipulacións de todo tipo. Non é necesario arredarse moito para atopar as numerosas e singulares curiosidades que confiren especial atención á peculiaridade propia desta terra e das súas xentes. Aquela frase de Castelao «mexan por nós e dicimos que chove», na actualidade áchase rigorosamente ligada á idiosincrasia particular deste territorio. Cando un se descoida, aparecen ‘nubes’ a destro e sinistro, en forma de caciques, que mexan por riba das nosas cabezas.

E xa vai sendo hora de que isto remate definitivamente.

Pois a cuestión da autocrítica debe comezar agora mesmo. Sen agardar nin un minuto máis.

Por qué Galiza é novamente caldo de cultivo para a dereita non é difícil de albiscar. Neses catro anos nos que o nacionalismo de ‘esquerda’ gobernou co estatalismo, non só non contribuíu a fortalecer as súas posicións, senón que aproveitou o poder para situarse á mesma altura ca os seus contrincantes aos que tanto criticou, xustamente, con anterioridade.

E desexa realmente o Bloque, reconverterse, reflectirse noutro papel que non semelle unicamente unha formalidade electoral: unha formación centrista, que recolla o voto de todo canto se lle pegue, como se de un imán se tratase, perdendo a súa propia identidade, a súa vontade de unir a esa clase da sociedade que máis necesita de atención, dada a crueza do capitalismo, ou o Bloque só quere gobernar, ter o poder e conservalo pese a quen pese?

Esa é a pregunta. Se é afirmativa, está claro que o Bloque vai polo camiño adecuado, se ben debe disputar o poder ás dúas formacións estatais que o superan en escanos e que van en busca do mesmo, cos mesmos argumentos (PP e PSOE, malia que se lles adxudique o seu dirixismo dende Madrid), e debe loitar arreo e ser moito máis imaxinativo para acadar unha representación suficiente (con alianzas ou non). En todo caso, sería máis do mesmo.

No caso de que o Bloque (e máis claramente, a Unión do Pobo Galego) considerase outra opción, a alternativa á dereita, debería revisar toda a súa política: a) dirixirse unicamente aos máis desfavorecidos sen chiscarlle o ollo a outras capas sociais (ben representadas xa polas formacións de dereita); b) non buscar máis homologación que a promovida a través deses intereses máis cativos, agás acaso a dalgúns estamentos progresistas da sociedade, sen ánimo de lucro, e c) realizar unha política netamente de esquerda como primeiro paso, e de independencia sen ambaxes como continuidade dun fin que defina con claridade a realidade social que pretenden cambiar.

Sen dúbida, esta segunda opción sería moito máis lenta: o Bloque non lograría o poder a curto nin a medio prazo, se ben chegaríalle de seguro a oportunidade e sería a alternativa máis honrada.

Cómpre salientar tamén que o Bloque debería ter en conta a existencia doutros grupos, como Nós-Unidade Popular ou a Fronte Popular Galega, que configuran o panorama galego de esquerda e que pretenden a independencia. Tal e como está o deseño da política galega, así como a escasa conciencia colectiva sobre a súa realidade social, parece que estragar as posibilidades doutras formacións como as citadas, confírelle á dereita o referendo para estigmatizar a frase de Carlos Marx de que as eleccións burguesas só serven para que cada catro anos o pobo decida quen o vai a esmagar durante ese período de tempo.

jueves, 24 de julio de 2008

PATRIA GALEGA


A historia recente de Galiza oriéntanos sobre a imposibilidade galeguista de procurar a súa identidade. O réxime ditatorial do xeneral Franco impedía todo tipo de manifestación nese sentido. E sería a través dun fato de mozos integrados na Unión do Pobo Galego quen, coa colaboración da Asociación Democrática de Estudantes Galegos e a Fronte de Liberación Popular, convocase unha ‘concentración nacional’ en Compostela con motivo do 25 de xullo (1968) baixo a denominación de Día Nacional Popular.
«Viva Galiza ceibe e socialista» era a lenda da pancarta despregada ao carón dunha bandeira galega no paseo da Herradura de Compostela por un reducido grupo de mozos. Con todo, non sería ata 1974 cando a UPG salientase nun comunicado o Día da Patria, nunha análise sobre a situación política do país, se ben sen realizar chamamentos á concentración.
Un ano despois, a apenas creada Asemblea Nacional-Popular Galega encárgase de convocar o Día da Patria Galega mediante pintadas e pasquíns espallados por toda Galiza.
«Galiza, patria asoballada, patria das clases traballadoras, ten hoxe máis necesidade e máis posibilidades ca nunca de que unha rexa e patriótica conciencia colectiva das súas camadas populares reclame e loite pola solución dos seus problemas. A concentración de San Domingo vai ser a proba da vontade dos patriotas galegos de afirmármonos na nosa conciencia nacional e popular contra da asimilación e explotación ás que o Estado colonialista español nos está a someter», así rezaba o pasquín que levou a centos de persoas a Compostela, malia que o desenvolvemento da concentración viuse condicionado debido a fallos de organización e polo gran despregue policial.
En 1976 súmase ao Día da Patria algunha organización máis, se ben é a AN-PG quen se responsabiliza definitivamente da organización pese a estar prohibida polo Goberno Civil. Outras forzas políticas de distinto calado pronunciáronse a favor do Día de Galiza. Ambas manifestacións bateron coas forzas da orde pública, que se empregou coa máxima dureza.
Finalmente, en 1977 foi o Bloque Nacional-Popular Galego quen realizou a convocatoria de manifestación no Día da Patria Galega. Logo da manifestación celebrouse unha festa na horta de San Domingo, en Compostela, na que participaron Bautista Álvarez, Iñaki Martínez (EIA, vasco), Carlos Castellano (PSAN, catalán), Pedro Rocha (LCR), Xesús Arrizaldo (SOG), Francisco García Montes (ING) e o crego de Sésamo e Sueiro, e líder do movemento veciñal das Encrobas, entre outros.
[ATAÚLFO DE FERABRÁS]