martes, 29 de julio de 2008

ELECCIÓNS BORRASCOSAS EN ISIDRO DE LA CAL



Elíxense hoxe tres delegados

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Os traballadores de Isidro de la Cal de Espírito Santo (A Coruña) elixen hoxe [29 de xullo] a tres delegados para completar o comité de empresa. En principio, representando a estes traballadores están as centrais CUT e UXT. A CIG, que sen respecto ningún pola representación da CUT (3 delegados, no centro do porto) conseguiu o despedimento de tres traballadores aos que utiliza como ‘mártires’, aínda non sabía [á unha da tarde de onte] se presentaba ou non candidatura, se ben internamente, no centro de traballo, promovía a abstención.
A historia destas eleccións é borrascosa: convocadas pola CUT, aproveitounas a CIG para dividir aos traballadores. E de aí xurdiron tres despedimentos pouco antes de se proclamar a mesa electoral. Segundo unha operaria, «a CIG, como mínimo, unha vez que a empresa botou ás compañeiras, debería ter falado coa CUT para estudar as accións a realizar ata acadar a súa readmisión. Pero non o fixo, aproveitándose da súa estrutura para confundir ao persoal, actuando illadamente, ‘tocando o bombo’ ás portas da empresa nunha actitude manifesta de soberbia sindical». A CUT, por outra parte, que se «solidariza cos traballadores despedidos», confirmou que «a día de hoxe aínda non recibimos ningunha chamada da CIG para nos xuntar e realizar accións legais conxuntas contra o despedimento das tres traballadoras».
«O que pretende a CIG», segundo esta operaria, «é dilatar as eleccións, impugnándoas unha vez celebradas, isto é, atrasalas indefinidamente ata aburrir ao persoal e que desista das súas decisións. Entre a empresa, que nestes días vixía cada movemento dos traballadores con máis celo ca nunca [a través das cámaras ilegais] e as centrais sindicais, que andan cada unha polo seu lado sen ter en conta quen somos, estannos a amolar. De seguir así, divididos, perderemos todos os nosos dereitos e finalmente será a empresa quen gañe».
Por outra parte, os traballadores aínda non percibiron os haberes correspondentes á paga extraordinario de xullo. E, segundo relatou unha voceira da empresa a un representante sindical, «este mes aínda non pagamos a cota relativa á seguridade social».


(Opinión)

'O canto do aquele'

Que pensan os empresarios e que fan os sindicatos?
Os traballadores deben cumprir uns horarios e realizar o labor sinalado no seu contrato e a cambio reciben un salario, a maior parte das veces ínfimo.
Non é cuestión de explicar cánto recibe un representante social (concelleiro, parlamentario, ministro, etcétera), porque algúns salientaríano como demagóxico. Pero si que, xa que está estipulado que se o traballador cumpre o contrato pola súa banda, a empresa debería aboarlle os seus haberes puntualmente.
Pero parece que tanto ás empresas coma aos sindicatos todo isto parécelles unha cousa nimia, cativa, de pouco brillo. As empresas incumpren as leis e non pasa nada. Os sindicatos con tal de acadar a porcentaxe da subvención fan a vista gorda.
E así sucede o que sucede. Por exemplo, en Isidro de la Cal (que por certo ningún medio de comunicación quere saber o que pasa alí) aínda non aboaron aos traballadores a paga extraordinario de xullo [a día 29]. A empresa non di nada. E os traballadores calan. E os representantes sindicais tamén. Esa é a realidade. Pero logo veñen os sindicalistas e pretenden solucionar o problema electoral, é dicir, o seu propio asunto da porcentaxe para acadar maiores subvencións institucionais. E logran o despedimento de tres traballadoras. E tratan de boicotear as eleccións non se sabe para qué nin por qué. Pero é o que fan. E trátase dun sindicato que di defender aos menos favorecidos. O seu nome Central Intersindical Galega. Pero o que consegue e dividir aos traballadores e que rifen entre eles. Unha tal Elisa Trento, pola que pide a CIG a súa readmisión, ameaza a unha compañeira para que desapareza das listas da CUT. Un tal Salvador, membro liberado da CIG, fai o traballo sucio proporcionando as fórmulas para que os traballadores se maten entre eles en lugar de defenderse contra as irregularidades da empresa. E van algúns nomes, porque é vergoñento que se chegue a isto. Nas empresas, sobre todo na maioría das empresas, xa sabemos como as gastan. Pero no sindicalismo que se di ‘de clase’ ímolo sabendo agora. E, falando en prata, é unha merda cagada nun pau. Non serán todos, pero é a desculpa. E por algo se empeza. E parece que o aburguesamento só proporciona desligamentos sociais. E, finalmente, quen perden son os de sempre, os pobres. [BRAIS DO CASTRO]

jueves, 24 de julio de 2008

PATRIA GALEGA


A historia recente de Galiza oriéntanos sobre a imposibilidade galeguista de procurar a súa identidade. O réxime ditatorial do xeneral Franco impedía todo tipo de manifestación nese sentido. E sería a través dun fato de mozos integrados na Unión do Pobo Galego quen, coa colaboración da Asociación Democrática de Estudantes Galegos e a Fronte de Liberación Popular, convocase unha ‘concentración nacional’ en Compostela con motivo do 25 de xullo (1968) baixo a denominación de Día Nacional Popular.
«Viva Galiza ceibe e socialista» era a lenda da pancarta despregada ao carón dunha bandeira galega no paseo da Herradura de Compostela por un reducido grupo de mozos. Con todo, non sería ata 1974 cando a UPG salientase nun comunicado o Día da Patria, nunha análise sobre a situación política do país, se ben sen realizar chamamentos á concentración.
Un ano despois, a apenas creada Asemblea Nacional-Popular Galega encárgase de convocar o Día da Patria Galega mediante pintadas e pasquíns espallados por toda Galiza.
«Galiza, patria asoballada, patria das clases traballadoras, ten hoxe máis necesidade e máis posibilidades ca nunca de que unha rexa e patriótica conciencia colectiva das súas camadas populares reclame e loite pola solución dos seus problemas. A concentración de San Domingo vai ser a proba da vontade dos patriotas galegos de afirmármonos na nosa conciencia nacional e popular contra da asimilación e explotación ás que o Estado colonialista español nos está a someter», así rezaba o pasquín que levou a centos de persoas a Compostela, malia que o desenvolvemento da concentración viuse condicionado debido a fallos de organización e polo gran despregue policial.
En 1976 súmase ao Día da Patria algunha organización máis, se ben é a AN-PG quen se responsabiliza definitivamente da organización pese a estar prohibida polo Goberno Civil. Outras forzas políticas de distinto calado pronunciáronse a favor do Día de Galiza. Ambas manifestacións bateron coas forzas da orde pública, que se empregou coa máxima dureza.
Finalmente, en 1977 foi o Bloque Nacional-Popular Galego quen realizou a convocatoria de manifestación no Día da Patria Galega. Logo da manifestación celebrouse unha festa na horta de San Domingo, en Compostela, na que participaron Bautista Álvarez, Iñaki Martínez (EIA, vasco), Carlos Castellano (PSAN, catalán), Pedro Rocha (LCR), Xesús Arrizaldo (SOG), Francisco García Montes (ING) e o crego de Sésamo e Sueiro, e líder do movemento veciñal das Encrobas, entre outros.
[ATAÚLFO DE FERABRÁS]


lunes, 21 de julio de 2008

URXENTE / URXENTE / URXENTE

OUTRO DESPEDIMENTO
EN ISIDRO DE LA CAL

E van tres dende que se abriu o prazo

para realizar as eleccións sindicais

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Xa son tres os despedimentos improcedentes no centro de Isidro de la Cal de Bergondo (A Coruña). A última hora da mañá de hoxe (21 de xullo de 2008), a mencionada empresa botou a María Xesús Mosquera, encargada de liña.
No momento de redactar esta información [contra as 14:00 horas], os sindicatos CUT e CIG están reunidos con representantes da empresa frigorífica. Dáse a circunstancia de que hoxe debía convocarse a mesa electoral, pero segundo información telefónica recibida a través dunha traballadora da candidatura da CUT, «aínda non sabemos o que vai pasar. Iso si, agora mesmo estou a agardar polo meu representante sindical, que está reunido coa empresa».

domingo, 20 de julio de 2008

LIMPEZA SINDICAL EN ISIDRO DE LA CAL


Nunha semana, a empresa xa botou a dúas

traballadoras con contrato indefinido

(A Coruña, por Clelia Zucca).-
Dende a denuncia realizada pola CUT para convocar eleccións parciais en Isidro de la Cal a primeiros de mes, a empresa de Bergondo (A Coruña) xa botou a dúas traballadoras: Elisa Trento e Olga Rodríguez.
Á segunda, «á que se lle ofreceu a baixa como despedimento improcedente, cos cartos enriba da mesa», segundo fontes solventes, comunicóuselle no seu enderezo a través dun burofax mentres gozaba das vacacións.
Por outra parte, a CIG, que entrou en Isidro de la Cal como un elefante nunha tenda de louza, cando se decatou por unha das súas afiliadas (Olga Rodríguez) que a CUT convocara eleccións, aproveitou para impoñer a súa política oportunista e conseguiu xustamente mártires para a súa causa, o contrario do que se pretendía ao convocar eleccións.
No pé da fotografía publicada pola CIG no seu voceiro oficial Avantar, suxire que ‘traballadores’ [de Isidro de la Cal?] maniféstanse no seu establecemento de Bergondo (ou Espírito Santo, porque a día de hoxe a empresa nin sequera sabe onde está) polo despido de Elisa Trento, a primeira das traballadores despedida, que nin sequera era afiliada á CIG.
Logo, nun reparto de pasquíns, que o propio veceiro publica como ‘contido do panfleto repartido pola CIG-Servizos na protesta’ [deles mesmos, claro], deslizan unha proclama de corte puramente dirixista, utilizando expresións como ‘medo á liberdade, medo aos traballadores, o medo produce represión, non imos permitir impunemente’, etcétera. Semella que están no século XII.
En fin, a empresa está a facelo mal, moi mal, pero a CIG está a facelo peor. E os traballadores polo medio, que finalmente son quen pagan a louza escachada. Os da CIG continuarán co seu salario de ‘liberados’ ou funcionarios acomodados e a empresa seguirá a pedir subvencións á Xunta para investigacións en Galiza e para manter a máis traballadores indefinidos, que polo que se ve a indefinición é moi singular.




viernes, 18 de julio de 2008

A CUT CONVOCA ELECCIÓNS PARCIAIS EN ISIDRO DE LA CAL

Na factoría de Bergondo (A Coruña)

A Coruña (Por Ataúlfo de Ferabrás).- No establecemento de Bergondo (A Coruña) de Isidro de la Cal votarase nos próximos días para elixir tres delegados sindicais que completen o comité de empresa (que xa dispón de tres delegados da CUT no establecemento do peirao coruñés).
A CUT, que foi quen convocou as eleccións dado que, pese ao elevado número de traballadores do establecemento de Bergondo, non foron reclamadas por ningunha outra organización sindical maioritaria, está representada por unha traballadora que xa realizara varias denuncias ante a Inspección de Traballo debido ás múltiples irregularidades e accidentes producidos nun curto espazo de tempo.
Por outra banda, segundo información facilitada por esta traballadora, algúns operarios con certa responsabilidade na empresa están a ameazar aos candidatos desta central sindical co despido, «se te presentas». E, xustamente neses días, a empresa botou a unha traballadora, coa escusa de que non realizaba con atino o seu traballo «e tiña certo favoritismo con algunhas das súas compañeiras», ao observala a través das cámaras internas de vixilancia.
Isidro de la Cal, que incumpre sistematicamente as normativas laborais (Lei de Estatuto dos Traballadores e Convenio), mantén unha política de selección de persoal ligada a empresas de traballo temporal con contratos de fin de obra, cando en realidade a obra non finaliza nunca.

viernes, 27 de junio de 2008



CALOTE TRAS CALOTE

Por Ataúlfo de Ferabrás

O goberno estatal non para de mentir. Presidente e vicepresidenta levan na súa conciencia o mesmo uniforme: a mentira. Tanto o primeiro coma a segunda responderon o mesmo no Congreso (25 de xuño de 2008): que toman medidas contra a ‘crise’, reducindo o IRPF, entre outras cuestións tamén indefinibles. Isto non é certo: o IRPF non se reduciu neste ano 2008, senón que aumentou. Polo tanto esas medidas que os representantes da administración estatal din establecer parece que máis ben encamíñanse ao lucimento de vestiario da vicepresidenta ca a outra cousa. Dan noxo, tanto un coma a outra; tanto noxo como daba o iluminado do bigote, pero coa diferenza de que estes denomínanse ‘progresistas’. A xustiza, se a hai, debería encadealos: retirarlles a inmunidade, por ladróns.

viernes, 20 de junio de 2008



Galicia ou Galiza?

Parece que o dilema de fondo é cómo nos definimos como nación: Galicia ou Galiza? E tal dilema non é fácil de resolver debido ao intricado do asunto.
Galicia está regulamentada formalmente no estatuto, naquel estatuto que se confeccionou a trancas e barrancas dadas as urxencias estatais da posditadura. A iso refírense os ‘institucionalistas’, os representantes do ‘Estado’ do que depende Galiza. E o quid da cuestión vai ligado efectivamente a iso: á representación. E a pregunta agora sería: Representan a Galiza quen asumiron o seu nome sen consultalo?
Galiza, sen dúbida, é a Galiza de Castelao, daqueles que se enfrontaron ao poder central manipulador, dos que deixaron incluso a súa vida para revitalizar o seu nome. Exemplos desa Galiza hainos dabondo, sobre todo de persoas que creron nela, que tiveron ‘fe no seu pobo’, con animo de servila e non de se aproveitar dela. A cuestión de conciencia, pois, debe ser, como mínimo, a primeira reflexión para entender o porqué do seu nome.
En segundo lugar, miremos por onde miremos, na actualidade aínda carecemos de datos que definan con exactitude se Galicia ou Galiza correspóndense co orixinario nome da nación asentada no noroeste da denominada península Ibérica. Hai indicios gregos e romanos, etcétera, e logo portugueses e casteláns. A influencia portuguesa aproxímase máis a Galiza ca a Galicia. Con todo, a cuestión aínda non está clara nin sequera para os especialistas que, nunha normativa ‘de consenso’ (Academia Galega e Instituto da Lingua Galega) consideran que pese a que Galicia é a «denominación oficial do país», o termo Galiza «é tamén unha forma lexitimamente galega, amplamente documentada na época medieval».
Polo tanto, dende a nosa posición de espectadores, o único que podemos dicir é que, dado que non hai acordo entre técnicos e políticos, o adecuado sería promover unha consulta popular para que sexa a sociedade galega quen decida cómo debe denominarse a súa nación. [BRAIS DO CASTRO]

martes, 17 de junio de 2008



CURIOSIDADES URBANAS

Instantáneas de CLELIA ZUCCA
tomadas no paseo Marítimo da Coruña
(Xuño 2008)

martes, 10 de junio de 2008

jueves, 5 de junio de 2008


OS SERVIDORES PÚBLICOS TEÑEN BULA?

É unha parvada preguntalo, porque acudirán á cuestión da ‘urxencia’, malia que non empregaron os medios externos (serea ou luces). E anteporán que, segundo a normativa, non hai nada que o impida. E case terán razón, salvo ese suposto no que para o cambio de sentido «a manobra obrigue a dar marcha atrás», suposto que con seguridade empregarían os recadadores contra calquera usuario na maioría dos casos. Pois ese é o exemplo que dan os servidores públicos. E reiteramos a pregunta: Acaso teñen bula?
O título segundo, capítulo 1, artigo 33 (Prohibicións cambio de sentido e marcha) e apartados seguintes estipúlase a prohibición de efectuar manobras de cambio de sentido nos seguintes supostos: en vías sinalizadas con placas ou pintura no pavimento que indiquen dirección obrigada ou a prohibición de cambio de sentido ou de dirección; nos tramos de vía nos que para realizar a manobra sexa preciso atravesar unha liña de trazo continuo; nos lugares nos que estea prohibido o adiantamento; nas curvas e cambios de rasante; nas pontes e túneles; nos cruces e bifurcacións que non estean debidamente acondicionadas para permitir a manobra; en calquera suposto no que a manobra obrigue a dar marcha atrás, agás que se trate dunha rúa sen saída; en calquera outro lugar onde a manobra implique o risco de constituír un obstáculo para os demais usuarios.
É certo que a normativa de circulación non estipula debidamente as manobras de cambio de sentido, porque coa escusa de «se non hai perigo» pódese facer calquera cousa, ou a prohibición de cambio de dirección tan ambigua como «colocar o vehículo no lugar adecuado». Cal é o lugar adecuado? Ou o cambio de sentido «sen advertir aos usuarios de dita manobra». E se non hai usuarios á vista? Etcétera. O código está cheo de lagoas e parece que a propósito para se salvar aqueles que o redactaron, isto é, quen dispoñen de bula.

jueves, 22 de mayo de 2008



INDEPENDENCIA!

«Só independentes seremos iguais»

BRAIS DO CASTRO.- A declaración de independencia dos Estados Unidos de América (4 de xullo de 1776), expresa o seguinte: «Cando no decurso dos acontecementos humanos se fai necesario para un pobo disolver os vínculos políticos que o tiñan ligado a outro e acomodar entre todas as nacións da terra o posto arredado e igual ao que as leis da natureza e o deus desa natureza danlle o dereito, un xusto respecto ao xuízo da humanidade esixe que declare as causas que o impulsan ao arredamento». Isto é: os Estados Unidos de América declaraban, por medio dos seus representantes, que non lle recoñecían ao Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte máis ca a súa posición como país igual, pese a que a monarquía británica consideraba que ‘as colonias’ pertencían ao seu imperio, que eran parte da súa nación. Nesa mesma declaración, no preámbulo, engádese «que todos os homes son creados iguais [...] con certos dereitos inalienables, que entre estes están a vida, a liberdade e a busca da felicidade, e que para garantir estes dereitos establécense os gobernos entre os homes, gobernos que derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados, e que cando calquera forma de goberno destrúa estes principios, o pobo ten o dereito de reformala ou abolila e instituír un novo goberno que se funde neses principios e a organizar os seus poderes na forma que ao seu xuízo ofreza as maiores posibilidades de acadar a súa seguridade e felicidade». Incluso para que non apareza ningún sego de extremismo, Thomas Jefferson, un dos principais autores da declaración, matiza: «A prudencia, claro está, aconsellará que non se muden gobernos establecidos de antigo por motivos leves e transitorios. E, en efecto, a experiencia demostrou que a humanidade está máis afeita a padecer, mentres os males sexan tolerables, ca a facer xustiza abolindo as formas á que se acha acostumada. Pero cando unha longa serie de abusos e usurpacións, dirixidos invariablemente ao mesmo obxectivo, evidencia o designio de someter ao pobo a un despotismo absoluto, ‘é o seu dereito, é o seu deber, derrocar ese goberno’ e provir de novas salvagardas para a súa futura seguridade».
Esta, dalgún xeito, foi a explicación dada polos ‘independentistas’ para desfacerse da monarquía británica, logo unha longa serie de abusos e usurpacións, o dereito do pobo é derrocar ese goberno. Dereito que utilizaron acadando finalmente a independencia.
A Constitución dos Estados Unidos de América (1787), unha das máis salientadas polo conservadorismo de facto, mantén que o pobo ten o dereito de defenderse ante calquera perigo ou ameaza contra a súas liberdades e incluso concede aos seus cidadáns potestade para portar armas. Tal consideración obedece, sobre todo, á preservación da súa independencia, lograda logo dunha cruenta guerra que finalmente acabou arredando aos ‘monárquicos’ obsoletos e orixinando unha nova carta de identidade social que pouco ou nada tiña que ver coa configuración gobernamental do imperio británico: «Nós, o pobo dos Estados Unidos de América, coa fin de constituír unha Unión máis perfecta, establecer xustiza, afirmar a tranquilidade interior, acomodar a defensa común, promover o benestar xeral e asegurar para nós mesmos e para os nosos descendentes os beneficios da liberdade, estatuímos e sancionamos esta Constitución para os Estados Unidos de América».
Malia que o método ‘democrático’ non deixa de ser, de momento, outro elo máis para impedir que a sociedade avance no seu conxunto (Por que uns poucos si e uns moitos non?) e para que decidan só os grupos organizados arredor dos intereses minoritarios, a teoría é positiva, dado que posibilita a rebelión.
Ben, isto acontece nos Estados Unidos de América. E parece que tomaron boa nota nun lugar denominado España, cando un grupo de rebeldes alzouse contra o goberno lexitimamente constituído a través das furnas permanecendo no poder ata a morte do seu patrón. Aquela Constitución (1931), consideraba no seu artigo 1: «España é unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de liberdade e de xustiza. Os poderes de todos os seus órganos emanan do pobo». E a cuestión é: se os poderes emanan do pobo cómo un fato de militares pagados pola banca catalá e outras se atreveron a rebelarse?
E outra pregunta: Tiñan razón os rebeldes? Porque se a tiñan e obraban en consideración coa súa condición de salvadores dos dereitos individuais da sociedade, deberían ser considerados heroes e benfeitores da patria. Polo contrario, se non tiñan razón e o seu foi só un enfrontamento para salvagardar uns determinados intereses deberían ser xulgados e encadeados e toda a súa descendencia arredada dos seus dereitos e bens.
Mais sabemos que nada diso aconteceu. Coñecemos a historia. O mesmo ca antes era contada dun determinado xeito, na actualidade parece quererse contar doutro, pero finalmente ambos os dous coinciden: España, unha grande e libre.
E hai algo que non cadra: se o xeneral Franco era un terrorista, por qué o seu sucesor aparece na cúpula do Estado español? Acaso hai distintos matices para o termo terrorismo? Vale para uns e non vale para outros?
E unha anécdota máis. A Hispania dos fenicios, dos romanos, a provincia do imperio, a España dos Reis Católicos que ten que ver co século XXI? Na actualidade, numerosos países que no pretérito non dispuñan de identidade propia tenden á busca da súa independencia. A historia mostra a cotío exemplos deste tipo. Pasou antes, pasará agora e será no futuro. A historia faise así. A cambios. Non hai ningún arame que poida soportar a forza da natureza. E cando alguén se empecina en loitar contra a corrente, finalmente sae malparado.
En definitiva, ese papel pechado, escrito e confabulado polo medo a perder o que xa non había, volveunos novamente orfos das iniquidades do pretérito e lévanos unha vez máis aos tempos de Castela e Aragón: ás ditaduras (á Inquisición formalizada). Está claro que na teoría achámonos no século XXI e que a sociedade ‘avanzou’ e que as revolucións carecen de sentido, as revolucións de antano, as de matar e morrer. O que non está tan claro é que debamos esquecer as revolucións, as revolucións das ideas que, finalmente, son quen marcan as pautas.
Pois ben, vindo ao principio, non é necesario ningún papel, ningún escrito que explique os nosos dereitos, os dereitos individuais, universais. Cando algo se escribe e se pecha é porque carece de confianza. Ningunha constitución, regulamento, normativa, decreto, etcétera, pode máis ca cada un de nós. Os nosos dereitos non están en papel ningún. Están nos nosos corazóns. Que é o único que o ser humano posúe en liberdade. E os nosos corazóns din que non hai ningunha Hispania (como a denominaban antigamente, ou España, como a sinalan agora) que nos impida considerarmos independentes desa ‘unha grande e libre’.
É certo que Galiza soportou e aínda soporta toda clase de aldraxes externos. E ben seguro que deberá soportar algúns máis. Pero como dicía Castelao (nada sospeitoso de terrorismo, como na actualidade interpretan calquera opinión contraria á dos grupos de presión establecidos): «Hoxe temos fe no noso pobo, e máis logo o noso pobo terá fe en nós». Ou Ramón Cabanillas: «Coa estrela nunha man, coa fouce noutra; berremos alto e forte: A nosa terra é nosa!». E ninguén vainos impedir que quedemos canda ela.
Conclusión: Galiza non é España. Galiza é Galiza. Sen exércitos imperiais nin territoriais, nin cousas polo estilo dos séculos pasados. Galiza, máis cedo ca tarde, será independente. E sen violencia. Pese a quen pese.

martes, 13 de mayo de 2008


Espectáculo: ‘Deprimidos ao río’, de Willy Éter.
Día: xoves 22 de maio de 2008.
Lugar e hora: Foro Metropolitano da Coruña ás oito e media do serán.
Prezos: 5 euros carné novo e 3 euros maiores de 65 anos.
Despacho de localidades: Foro Metropolitano dende unha hora antes do comezo do espectáculo ou na praza de Ourense, de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 horas. Mesmo a través da liña telefónica 902 504 500.



‘Deprimidos ao río’,
novo traballo de Willy Éter e ‘Manicómicos’

Dende 1988 Willy Éter (A Coruña, 1962) vén realizando ininterrompidamente espectáculos teatrais, ben de xeito illado ou ben integrado en grupos como Manicómicos. Nos últimos anos, maioritariamente xa como autor ou director, levou á escena pezas como Solo, enfermo, atormentado y… ¡¡criminal!! (espectáculo músico-teatral baseado no humor negro con tinxidos agónicos) ou O caso das paxaras metafísicas, obras coas que procura non pasar inadvertido para o espectador nun campo tan esixente como é o da escena.
Deprimidos ao río, segundo o propio autor, «non é un espectáculo. Trátase dun congreso no que o psiquiatra de sona, o doutor Mortimer, explicará aos congresistas —colegas vindos de todos os países do planeta— os seus métodos ‘revolucionarios’ para curar as patoloxías mentais máis frecuentes que supoñan unha ameaza para os habitantes do século XXI». Os métodos do doutor Mortimer, prohibidos nalgúns países e admirados noutros, «non deixan indiferente a ninguén dado o sinistro encanto que desprende cos seus estraños experimentos o singular Cornelius Mortimer».
Paco Alvarellos, Xosé Amado, Marcial Blanco, Natalia Varela, Vera López, Willy Éter, Luís Quinteiro e Cristina Rabuñal integran o elenco. Producido por Manicómicos, o espectáculo —dirixido por Carlos Sante— pretendía ser «total, coa inclusión de ensaio, música en vivo, danza, teatro físico, circo e efectos pirotécnicos», se ben debido a problemas de orzamento quedarase, como moito, «en parcial e aínda menos mal».

Manicómicos. Asociación cultural creada na Coruña (2004) por un grupo de actores, directores e artistas vinculados ás artes escénicas (pallasos, malabaristas, acróbatas, etc.) co propósito de difundir a comedia e toda forma de arte escénica relacionada co humor, o riso e a fantasía. Desde o seu inicio a asociación organizou na Coruña, no verán, festivais ‘Manicómicos’, contratando a figuras de recoñecida sona internacional no eido da comedia, que ademais impartían cursos de formación tanto a artistas da asociación coma aos de fóra da comunidade (profesionais e afeccionados). Polos festivais de Manicómicos pasaron Carlo Colombaioni (mítico clown italiano, que colaborou con Fellini), Johnny Melville, Josep Collard, Virxinia Imaz, Ánxelo Burgos e outros profesores e artistas que deixaron patente a súa calidade como cómicos e pedagogos. Manicómicos promoveu e produciu tamén espectáculos creados polos seus socios, como Casting (variedades), Os Colombaíños (clowns, dirixido por Colombaioni), Cabaret, etcétera. Os integrantes de máis sona da asociación son: Carlos Sante, Paulo Sánchez, Willy Éter, Xoanillo Esteban, David Pernas, David Perdomo, Xosé Leis, Vanessa Rivas e Xisela Moura. [Información de CLELIA ZUCCA / Gran Enciclopedia Galega]

martes, 6 de mayo de 2008



Un globo, dous globos, tres globos...
Por ROI CARBALLIDO

Superada a lembranza dun caricaturesco e vergoñento ditador que rexeu o destino dos españois con man férrea á par ca divertida ―dende o punto de vista dos especialistas en humor negro que terán traballo durante moitos anos grazas a el―. Superada unha posguerra ―tan arredada coma irreal para as novas xeracións, como os contos de ‘Cuchifritín’―, os adultos que conforman a denominada sociedade do benestar, fillos de familias atentas que fixeron canto puideron para cubrir as carencias alimenticias, sociais ou económicas da súa descendencia, creceron nun contorno socioeconómico crecente, incluso cheo de oportunidades, e desta forma xurdiron os novos produtos audiovisuais, os targets, os estudos de mercado e todas esas trangalladas.
Neste contexto chegou a época dourada da televisión: os 80, anos nos que se trataba como atrasados ou saído reprimidos aos adultos a través dos produtos televisivos dirixidos a estes. Con todo, os programas orientados á mocidade eran moito máis intelixentes, creativos e estimulantes culturalmente. Lembremos programas como A bola de cristal, Un globo, dos globos, tres globos, Sabadabadá, espazos que de golpe e porrazo procuraban a modernidade que o sistema prohibira en épocas pretéritas; que incluían persoeiros tan surrealistas como Horacio Pinchadiscos, que amosaban ao público infantil cómo apreciar a música clásica, ou nos que se tentaba incentivar a súa imaxinación, acostumándose incluso a realizar apoloxía da lectura: «Este home non le» (foto de Superman); «Este home si que le» (foto do ‘home lobo’). Os ‘electroduendes’ presentaban vídeos dos Stones ou miúdas pezas teatrais cheas de poesía e de vangarda.
Apenas hai vinte anos desta televisión que trataba aos raparigos coma se fosen seres intelixentes, algo impensable na actualidade dado que nin sequera é posible cos adultos. A estas alturas xa non é novidade ningunha que uns e outros compartan bazofia catódica no sobremesa, tal coma ‘o tomate’ ―agora reconvertido nas ‘gafas de angelino’ e cun novo estilo tan cutre e canalla coma o anterior, só que cun 70% máis de pederastia e de ‘cabronería’.
Queremos enganchar aos nosos infantes a semellante casca? Pois, vaia, ese produto parece feito xusto para iso... Coma tantos outros que aparecen nesa franxa do tan manido denominado horario infantil... Que foi do defensor do espectador? Talvez debemos perseguilo, meterlle lume e colgalo do pau da bandeira no medio da praza do Concello? Á fin de contas son os valores que se estilan ultimamente entre nós, situación que á modiño achéganos aos uns e aos outros cada día máis, de xeito que os maiores somos cada vez máis parvos e os meniños máis fillos de puta. Situación delicada para orientar aos nenos cara a unha educación ética debido a que xa comparten os nosos ‘valores’. E desa maneira endexamais recoñecerán a filosofía duns pais que non dispoñen de ‘nada novo’ que transmitirlle aos seus fillos.
Non debemos sorprendernos, entón, que os lectores que roldan os trinta (escasos, por certo) sexan quen de meterse entre peito e costas as aventuras do neno Potter mentres manteñen a firme convicción de que A montaña máxica de Man ou A metamorfose de Kafka supoñen «pallas mentais» intragables. Os mesmos que vemos nos informativos, acampados ante os despachos do estadio de quenda para mercar uns pases para o último concerto do ídolo de masas que dirixe o mainstream do momento, máis semellantes, máis politicamente correctos, máis mastigables, máis triturables, máis cuspidos.

martes, 29 de abril de 2008


PRIMEIRO DE MAIO
DÍA INTERNACIONAL DE LOITA CONTRA O NAZISMO

O capitalismo, que non é unha expresión manida nin surrealista, significa acumulación de riqueza por uns poucos (banca e multinacionais, sobre todo, que provocan todas as incertezas denominadas, con eufemismo, ‘desaceleración’, crises, etcétera). O capitalismo, que vén enriquecéndose dende tempos inmemoriais grazas á numerosa man de obra universal que procura exclusivamente a supervivencia, establece todos os principios negativos da sociedade (antes, agora e logo): contaminación (subministra o consumo masificado para producir máis ataduras), ‘terrorismo’ (establecendo a desigualdade social en todos os campos da educación, negando ou establecendo un determinado tipo de cultura), inestabilidade (acumulando bens de consumo para orixinar inflacións), etcétera.
O capitalismo, que se acha establecido na sociedade dende a aparición da propiedade privada, estableceu un sistema de control a través da denominada ‘libre competencia’, que non é nin máis nin menos ca fórmula para o enriquecemento duns poucos en menoscabo dunha gran maioría. Así vemos como, na actualidade, países de África, Asia ou América Latina, ou incluso Europa, se achan en condicións infrahumanas sen apenas posibilidades reais de supervivencia.
A propaganda dos medios de comunicacións capitalistas e tan sangrante, tan descarada, tan nazi, que a estas alturas parece que non existe posibilidade algunha de contrarrestar tal escalada de malformación e desinterese xeral pola situación real de gran parte da humanidade. Os estados capitalistas, a través da ONU (organización nazi universal), en lugar de sentarse a negociar e constituír elementos de produción básicos nestas áreas deprimidas, apoian a gobernos monicreques, que se enriquecen a través de concertos unilaterais, mentres as súas poboacións morren a cotío sen acadar máis, nalgúns casos, ca uns grans de arroz ou cousas polo estilo. Esta é nin mais nin menos ca a realidade. O mundo dos ricos (poucos) e o mundo dos pobres (moitos). Acaso non son redutos semellantes aos propiciados polos nazis durante a guerra europea denominados campos de concentración?
E o primeiro de maio de 1886 parece que está presente en 2008. Case a mesma situación, a mesma historia: o acoso sistemático aos traballadores. Como expresaba humoristicamente un presentador iconoclasta nun programa de televisión, «debemos montar un banco para que nos boten unha man». Tal acontece nesta ‘perfecta’ sociedade ou sucidade capitalista: Nos EE UU botan man á caixa e ‘inxectan’ moreas de cartos ás entidades financeiras. O mesmo acontece no Reino Unido. Por que ás sociedades financeiras? Porque o capitalismo é así, apóianse uns a outros. E porque os gobernos non os nomea o pobo ―coma eles din―: noméaos o capitalismo, que é quen lles concede eses créditos tan xenerosos para realizar esa espléndida propaganda das campañas electorais. Iso si, para a precariedade non queda nada.
Pois a iso íamos. O primeiro de maio debe ser o día da conciencia, o día no que o mundo tome boa nota e prohiba con todas as súas letras este tipo de aberracións. O día de que a propaganda nazi deixe de esmagar os sentimentos dos seres oprimidos. A redución do horario laboral a oito horas que esixía Alberte Parsons, líder da organización Cabaleiros do Traballo de Chicago, talvez pasou á historia nalgúns países capitalistas. Sen embargo noutros aínda traballan quince ou vinte horas diarias. E nalgúns incluso escravizados. E hainos tamén que escravizan a menores.
Con todo, a historia que mostrou sempre que a única maneira para acadar un anaco de mellora era a loita contra as imposicións, o primeiro de maio de 2008 debe servir para acabar coa propaganda do nazismo capitalista. Para que se esquezan de tratármonos coma parvos. Non teñen perdón. Son traizoeiros, ruíns e merecerían estar encadeados.

viernes, 25 de abril de 2008



25 DE ABRIL
O 25 de abril de 1974 un grupo de capitães do exército portugués ―que participaron na guerra colonial africana― decide rebelarse e enfrontarse á ditadura de Marcelo Caetano(1), substituto (dende 1968, primeiro debido a unha enfermidade, e finalmente tras a súa morte, en 1970, xa como xefe do goberno portugués) de António de Oliveira Salazar(2).
Portugal, que contemplaba unha forte inflación derivada do seu desgaste coa guerra colonial en África, mantíñase practicamente recluído nunha gaiola, coas liberdades básicas erosionadas: agás unha tímida apertura de prensa, o pobo portugués achábase totalmente falto de xustiza en todas as súas ordes. Os militares que cumprían grandes quendas de servizo na guerra de África e non vían que a situación puidese mellorar a curto prazo, decidiron mostrar a súa oposición ao goberno a través dun golpe militar organizado por un grupo de oficiais do exército. A data indicada foi o 25 de abril de 1974. Finalmente, Marcelo Caetano foi derrocado e debeu exiliarse en Brasil. A este enfrontamento denominóuselle ‘a revolución dos caraveis’. Os rebeldes, malia que se opuxeron co seu armamento militar, apenas o utilizaron. Pódese dicir, que botaron ao ditador ‘sen disparar un só tiro’.
Por esas datas celebrábase un ‘Encontro da canção portuguesa’ no que participaba o cantautor José Afonso(3). A censura só permite que cante dúas cancións: Milho Verde e Grândola, vila morena. O público pídelle que repita unha e outra vez Grândola. Poucos días antes do ‘Golpe dos Capitães’ canta en Santiago.
O momento sinalado para o comezo da operación rebelde era precisamente a súa canción Grândola que debía soar a través das ondas. E así aconteceu. E así quedou para a historia unha ‘revolución’ identificada cunha canción que, entre outras cousas, dicía así: «Grândola, vila morena, terra da fraternidade, o pobo é quen máis ordena [...] Em cada esquina un amigo, en cada rostro igualdade [...]».
O 25 de abril cólleo en Lisboa durmindo na casa dun amigo que lle dera refuxio porque a PIDE quería prendelo. Non dá creto ao que ve ata albiscar o asalto á sede da propia PIDE. Tampouco é consciente do fenómeno que significa ter sido usada a Grândola como contrasinal do golpe ata que os diversos intentos involucionistas posteriores posibilitan que o pobo utilice a canción como arma democrática. A partir dese momento, a actividade do Zeca Afonso multiplícase tanto dentro coma fóra do país, axudando ás incipientes cooperativas agrarias, consolidando as liberdades, nun exercicio lúcido e total de entrega solidaria da súa existencia, como home e como artista. No fin dese ano crucial grava Coro dos Tribunais. Tamén ese ano impulsa, xunto cos compañeiros de canción (entre os que estaban J. Mário Branco, Adriano Correia de Oliveira, Vitorino, Júlio Pereira, Fausto e Luís Cilia) o “Colectivo de Acção Cultural” coa procura de loitar colectivamente polas reivindicacións dos traballadores e do movemento democrático popular. [Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS / GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA]

1.- Marcelo das Neves Alves Caetano (Lisboa, 1906; Río de Xaneiro, 1980) cursou estudos de Dereito. Estreito colaborador de António de Oliveira Salazar, en 1933 participou na elaboración do texto constitucional de 1933 e entre 1944 e 1947 exerceu como ministro das Colonias. Presidente da Cámara Corporativa (1950-55), ministro adxunto á presidencia (1955-58) e reitor da Universidade de Lisboa. Derrocado pola ‘revolución de abril’, malia que adoptou no seo do réxime posicións de moderado aperturismo con tímidas críticas aos excesos do ditador Salazar, logo de ser elixido xefe do goberno (1970) continuou coa liña antidemocrática do seu antecesor, arruinando coas guerras coloniais as finanzas estatais.
2.- António de Oliveira Salazar (Santa Comba Dão, 1889; Lisboa, 1970) cursou estudos de Economía na Universidade de Coímbra. Nomeado ministro de Finanzas (1928) polo xeneral António Óscar de Fragoso Carmona logo de se facer co goberno portugués (1926). Presidente do consello de ministros seis anos despois, en 1933 estableceu unha nova constitución que promovía un réxime corporativo e de partido único. Cun réxime de terror policial a través da PIDE, a súa policía política, creou un sindicato mediante o apoio de banqueiros e industriais que eliminaba a posibilidade de protesta. Suprimiu o dereito de folga e a liberdade de prensa. E nas colonias portuguesas de África reprimiu os movementos nacionalistas. En 1968 sufriu un ataque de apoplexía e foi substituído provisoriamente por Marcelo Caetano.
3.- José Manuel Alonso Cerqueira dos Santos (Aveiro, 1929; Azeitão, 1987) foi cantor, poeta e compositor antifascista portugués que tivo unha notable influencia na música e canción populares en Galiza a partir dos anos 70. Logo dunha infancia a cabalo entre África (Angola e Mozambique) e a metrópole, instálase na casa dunha tía en Coimbra onde coñece ao guitarrista António Portugal. En 1949 comeza a destacar como cantor de fado de Coimbra, modalidade musical exclusiva da zona. Contacta alí con nomes importantes da vida académica e con músicos non profesionais como o guitarrista Flavio Rodrigues (barbeiro) ou Cristina Matos (cantadeira popular). Viaxa en 1952 a Galiza por primeira vez como membro da Tuna de Coimbra, visita que non lle dá oportunidade de contactar coa realidade galega. Inicia unha atribulada carreira de profesor de ensino secundario que o leva por varios puntos do país. En 1958 grava o seu primeiro disco, Baladas de Coimbra, con temas alleos, propios do xénero, e participa en Lagos no movemento creado en torno da candidatura do xeneral Humberto Delgado ás eleccións presidenciais (o xeneral sen medo sería asasinado pola PIDE, policía política do réxime de Salazar, en terras de Badaxoz en febreiro de 1963). O Zeca, como era coñecido popularmente, grava Balada de Outono, primeiro disco con temas propios, que pode considerarse como o primeiro fito da revolución musical que se estaba xestando en Portugal. En 1960 o movemento democrático estudiantil de Coimbra axítase e as cancións Os Vampiros de J.A. e Trova do tempo que passa de Adriano Correia de Oliveira convértense en auténticos himnos de liberación.




miércoles, 23 de abril de 2008


A Consellería de Cultura promove a falsidade

A Axencia Galega do Audiovisual —a través da súa páxina— publica, sen rigorosidade ningunha, informacións que non coinciden coa realidade. Así, na ‘entrada’ relativa a Sepi Bazarra, entre outras cousas, sinala que é o «guionista e realizador do documental de vídeo Moncho Valcarce, o cura das Encrobas» —producido por Novos Vieiros, 2003—. Sen embargo, dito traballo —tal e como se indica no elenco― realizouno e produciuno Roi Carballido logo de terllo encargado a mencionada editora.
Brais do Castro, autor do guión, solicitoulle a Axencia Galega do Audiovisual que rectificase a entrada, sen obter resposta ningunha ao respecto. Dirixiuse entón á propia consellería —dado que a axencia depende da mesma— e produciuse a mesma circunstancia.
Finalmente, nin unha nin outra realizaron rectificacións. E, como mínimo, esquecéronse da cortesía que debe ser propia das institucións e dependencias gobernamentais. Nese aspecto, débese entender que tanto a consellería coma a axencia dedican os seus aparatos á promover a falsidade. Información de CLELIA ZUCCA, coordinadora de OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate)


Crítica A INCULTURA DA SEÑORA BUGALLO

A señora Bugallo, a quen arrepían os correos electrónicos —a súa secretaria salientou que o seu correo propio na consellería «é para cousas máis íntimas», tal cal—, móstrase tan irresponsable coma os seus antecesores, blíndase ante calquera acción directa mediante os filtros de sempre xerados polo protocolo de sempre. E iso tradúcese en incultura, dado que se arreda das cuestións máis sinxelas, esquecéndose da realidade diaria.
A señora Bugallo, polo tanto, descoñece canto sucede arredor dos mecanismos inseridos no seu departamento e non sabe ou non quere saber cómo se promoven ou pronuncian as ‘células’ dependentes da súa competencia. E iso tamén é incultura.
BRAIS DO CASTRO

domingo, 13 de abril de 2008






VIVA A REPÚBLICA!

A partir da proclamación da Segunda República [14 de abril de 1931] comezou un proceso de cambios lexislativos renovadores nos eidos educativo, agrario ou territorial, acelerados coa vitoria das candidaturas da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936. En Galiza díxose si tamén á autonomía. E Castelao advertiu que cando a dereita «decatouse de que sabiamos e queriamos nos gobernar, de que non eramos tan parvos, chamou polas catro bestas do ‘apocalipse’ e desatou o terror». Segundo Máiz Vázquez, a escusa proporcionouna o trunfo da ‘fronte popular’, que agudizou a «forte tensión social e política que se viña arrastrando dende abril de 1931». Foron uns «militares afeitos ao intervencionismo político, en conivencia cos sectores máis conservadores, reaccionarios e tradicionalistas da sociedade civil e a bendición da Igrexa católica» quen estragaron as liberdades constitucionais. Con anterioridade, en agosto de 1932, o xeneral Sanjurjo xa tentara derrocar a nova República «co esquema clásico do pronunciamento militar do século XIX, o mesmo que o xeneral Primo de Rivera reproducira con éxito en 1923, malia que poucos seguiron a Sanjurjo e tomou o camiño do exilio».
A belixerancia entre os antirrepublicanos contra as organizacións de esquerda sinalou novamente a Galiza quen, xunto con Asturias [outubro de 1934], produciu máis accións revolucionarias. «Esas conspiracións militares con apoio civil comunicáronselle reiteradamente ao goberno [da República] a través das organizacións políticas e sindicais agrupadas na Fronte Popular da Coruña, Vigo e Ferrol, que percibiron axitación nos cuarteis dende os días finais de febreiro, en marzo e nos inicios de abril de 1936; reunións nos cuartos de bandeiras dos cuarteis do Exército e nas comandancias da garda civil da Coruña e Ourense, consignas golpistas que circulaban en determinados medios da Armada, fascistas que se armaban, etcétera». Pero aínda que se descubriu a conspiración nun primeiro momento, tampouco parece que o goberno lexítimo a tomara moi en serio, malia que si o era. « A práctica totalidade dos xefes e oficiais do Exército, da Armada e das forzas policiais, por convición ou por unha absurda obediencia á disciplina
xerárquica, participaron na rebelión». Parece que apenas dous xenerais, un contraalmirante, tres coroneis, un capitán de navío, dous tenentes coroneis, sete comandantes, catorce capitáns, dous tenentes de navío, máis oficiais menores e suboficiais mantiveron o seu xuramento de fidelidade á legalidade republicana, fidelidade que lles custou a vida ou a perda de liberdade.
De aí que mentres nas rúas producíanse atentados e enfrontamentos entre os fascistas e as milicias obreiras, entre os días 5 e 12 de xullo de 1936, «durante unhas manobras militares no daquela Marrocos español, os enlaces dos conspiradores deran xa os últimos toques». Sábese que o día 11 saíra de Londres rumbo ás Canarias o avión inglés que transportaría a Franco a Marrocos. O xeneral, que se denominaría logo ‘xeneralísimo’, destruiría á República e todo canto significaba. E á súa morte sucederíao un monarca instituído por el mesmo, sen sinal ningunha de protesta polos denominados políticos ‘da transición’.
En 2008 aínda non foi restaurada esa República democrática. E no seu lugar o Estado dispón dos restos daquel ditador que morreu de vello: un monarca. Iso si, a algúns xuíces preocúpalles o que sucedeu noutros lugares (Arxentina ou Chile), pero non o que aconteceu no seu propio país. BRAIS DO CASTRO. Fontes: Gran Enciclopedia Galega / BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ.

viernes, 11 de abril de 2008


ASÍ TRATAN AOS TRABALLADORES

Entre empresa, mutua e institucións laborais incúmprense todo tipo de normativas. O caso da traballadora mancada por unha máquina peladora (en Isidro de la Cal, Bergondo, A Coruña) supón unha mostra máis sobre as inxustizas no eido laboral.
E é así como trataron a unha operaria na mencionada empresa. Primeiro impídenlle a asistencia sanitaria no lugar máis próximo ao seu centro de traballo e logo a mutua dáa de alta aínda sen ter sido debidamente curada.
A Central Unitaria dos Traballadores (CUT), que presentou hai un mes unha queixa ante a Inspección de Traballo da Coruña ―dada á consideración de accidente ‘leve’ consignado pola mutua―, insiste na incapacidade desta institución: tardou máis dun mes en presentarse na empresa. Posteriormente, a traballadora accidentada, citada pola inspección, foi ‘asesorada’ pola empresa para que a desgaxase da súa responsabilidade. Sábese que nesa empresa cámbiase continuamente de dirección e que os responsables dos mecanismos de produción descoñecen as normas mínimas de seguridade e hixiene no traballo. Por outra parte, a mutua coñecendo cál é o labor que realiza esta operaria (traballo nunha zona húmida, con risco de infeccións de todo tipo) procede a asignarlle a alta cando a ferida aínda non cicatrizara. Isto, unido á pésima actuación da Inspección de Traballo, que se limita a confrontar cos responsables empresariais sen realizar unha investigación a fondo sobre os sistemas de produción, relega aos traballadores á mingua, como mínimo, dos seus dereitos constitucionais. [Informción de BRAIS DO CASTRO]

miércoles, 2 de abril de 2008

O CONFLITO GRUPAL
Por Xavier Dans Mayor

O conflito é un dos problemas máis frecuentes que xorden na dinámica dos grupos. Todo grupo está, constantemente, resolvendo problemas e tomando decisións. Pero cando se fai cargo dunha tarefa, moitas veces, adoitan enfrontarse a certas dificultades internas que poden ter unha repercusión negativa no desenrolo do seu traballo e no seu rendemento.

Que é?
Entendese por conflito de grupo as disparidades de opinións, a amplificación da carga afectiva nas relacións, a tensión, a impaciencia, a falla de disposición, a falla de interese por escoitar e por comprometerse, a falla de acordos e as mutuas e recíprocas acusacións e reproches. Pódese entender o conflito social como unha loita, unha loita polos valores, polo poder ou polos medios, unha loita na que os intereses en mutua contradición se neutralizan reciprocamente, se lesionan ou se exclúen. Pero o conflito, ademais, pode ser positivo, pode servir para eliminar os elementos que separan e restablecer a unidade no grupo. O conflito pode levar a unha solución das tensións.

Síntomas xerais do conflito:
―Os membros móstranse impacientes uns cos outros.
―Atácanse as ideas, aínda que non estean totalmente desenroladas.
―Os membros toman partido e néganse a ceder.
―Os membros non se poñen de acordo sobre propostas e planos.
―As opinións expóñense con agresividade.
―Danse entre os membros ataques persoais dun xeito solapado.
―Critícase o grupo e a súa capacidade.
―Ponse en dúbida a autoridade do director do grupo.
―Os membros do grupo repróchanse mutuamente de non entender a verdadeira natureza do problema.
―Negan reciprocamente as contribucións de cada quen.

Formas de tratar os conflitos:
Realmente só existe interese na resolución dun conflito cando se desexa a continuidade do grupo. A continuación expoñemos, en grao crecente de madurez, as diversas respostas coas que un grupo pode afrontar o conflito:
―Evitación: O conflito negase ou encóbrese.
―Eliminación: A oposición vese na obriga de abandonar o grupo.
―Opresión: Domínase á minoría con todos os medios do poder do grupo.
―Consentimento: A maioría imponse pero a minoría acata sen se humillar
―Alianza: As partes non ceden pero se poñen de acordo transitoriamente para acadar o obxectivo común. Conxélase o conflito.
―Compromiso: As partes, respectando as diferenzas, chegan a un pacto de convivencia; ceden, mais sen abandonar as súas posicións.
―Integración: Nesta forma de solucionar o conflito as opinións contraditorias discútense, equilíbranse e formúlanse de novo. O grupo como conxunto elabora unha solución, que pon de acordo a todos e mellora as propostas parciais. Porén esta solución é a máis madura, pero tamén a máis difícil de acadar.
En resumo, o conflito haino que remitir a intolerancia dos sistemas sociais. A mellor protección contra os conflitos esta en asumilos e en sabelos abordar e planear.

martes, 25 de marzo de 2008


‘Rebelde con causa?’, novo traballo de Brais do Castro

O autor de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2004) acaba de tirar ao prelo un novo traballo sobre o Che: Rebelde con causa? Trátase dunha proposta na que se proxectan as distintas etapas do mítico revolucionario a través dunha singular fórmula na que flúen algúns dos persoeiros participantes nas distintas xeiras da súa vida (Cuba, o Congo e Bolivia) mesturadas cun aire histórico que reflicte o acontecer daqueles momentos no que o mundo procuraba novas propostas sobre a súa identidade. Rebelde con causa? ―interrogante difícil de contestar― propón unha mirada allea a todo canto identifica ao popular ‘guerrilleiro’ e promove a crítica sobre as configuracións totalitarias aínda establecidas como progresistas nalgúns países. O libro, editado por Novos Vieiros, con fotografías de Clelia Zucca e unha ilustración de Xavier Dans Mayor, poderá adquirirse na Feira do Libro de Compostela (do 5 ao 13 de abril de 2008).

domingo, 9 de marzo de 2008


A CANLE PRIVADA ‘INTERECONOMÍA’ ROMPE AS REGLAS DE XOGO ELECTORAIS

Contra as dúas da tarde do 9 de marzo, cando a meirande parte dos votantes aínda non acudiran ás furnas, a canle ‘Intereconomía’ [próxima ao Partido Popular] aproveitou no seu programa ‘Vox Populi’ para propagar a mensaxe solapada sobre a quén dirixir o voto. A pregunta rotulada na pantalla [na fotografía] ‘Por que rompe con Zapatero?’ foi respondida por un fato de persoas de clara tendencia dereitista. Isto, como mínimo, debería ser revisado polos responsables electorais dado que creba coas normas de xogo ao establecer criterios orientados á crítica dunha soa formación política a medio camiño do peche dos centros de votación. Información de Brais do Castro.

jueves, 6 de marzo de 2008


Novo 'accidente' laboral en Isidro de la Cal

A finais de febreiro (2008) unha traballadora sufriu unha ferida incisa con perda de substancia (dende o pulso ata a curva do cóbado) na súa man esquerda provocada pola afiada folla dunha máquina peladora desprovista de protección.
O que se denunciou hai uns meses segue a acontecer na empresa Isidro de la Cal (Bergondo, A Coruña) pese aos oficios da CUT (Central Unitaria de Traballadores) ante a Inspección de Traballo. Segundo información proporcionada por varias operarias, na factoría, que incumpre reiteradamente a normativa laboral, «practícase o acoso laboral e hai unha gran presión en todos os ámbitos de traballo, polo que non é de estrañar que ocorran este tipo de accidentes».
A citada traballadora, que logo de retirar o brazo do artefacto debeu conformarse con cubrir a esgazadura cun uniforme da empresa «dado que na caixa dos primeiros auxilios non dispuñan de vendas ou útiles necesarios para estes casos», en lugar de transportala axiña nunha ambulancia ao centro sanitario máis próximo (Xoán Canalejo, por exemplo), foi trasladada por unha compañeira de traballo a unha clínica privada, coa escusa da patronal de que «é con ese centro médico co que a empresa ten concertados os servizos sanitarios».
A accidentada, que precisou de cirurxía e posterior implante, chegou á clínica contra as seis da mañá. Logo de terlle realizado as primeiras curas, «mandárona para a casa debido á ausencia no centro médico de especialistas de garda», coa recomendación de que se presentase novamente «cando se reincorporase o cirurxián».
Ingresada posteriormente, foi intervida cirúrxicamente e permaneceu na clínica durante tres días, incluso pasou algún tempo na UCI debido a unha reacción alérxica de orixe descoñecida. [Na fotografía, a mencionada traballadora logo da intervención cirúrxica]
Isidro de la Cal, segundo a CUT «considera este accidente como leve, de aí que a empresa non dese parte á Inspección de Traballo». Con todo, o representante da CUT enviou un novo oficio ao estamento oficial no que implica á inspección por entender que se trata «dun grave accidente, dado que a máquina case esmaga o brazo da traballadora», insistindo ademais en que «nos últimos oito meses producíronse seis graves accidentes laborais».
Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS


viernes, 1 de febrero de 2008


O 1 de febreiro cúmprense quince anos logo da súa morte

Ramón Valcarce Vega: A Igrexa revolucionaria

Nestes días nos que o terrorismo dos patróns da Igrexa impregna os miolos da sociedade, cómpre salientar a un dos persoeiros que desenvolveron a súa vida xustamente no sentido contrario aos xerarcas do dogmatismo católico.
Moncho Valcarce (A Coruña, 5-9-1935; 1-2-1993), popularmente coñecido como o ‘cura das Encrobas’, cursou estudos de Dereito e logo ingresou no Seminario Maior de Compostela. Na Universidade Gregoriana de Roma formouse como teólogo e finalmente, malia que con moitas dificultades debido ao seu carácter revolucionario, recibiu as ordes sacerdotais (1969) que o levarían exercer como responsable da Igrexa nas parroquias de Sésamo e Sueiro (Culleredo, A Coruña).
«Dende o primeiro momento desempeñou unha acción pastoral moi distinta da usual. A súa preocupación máis fonda era o respecto á liberdade das conciencias: retirou os confesionarios, e as súas prácticas, moi sinxelas e concretas, provocaban a participación dos feligreses».* Gandhi, Castelao, Basilio Álvarez, Camilo Torres, Paulo Freire e o propio Che Guevara foron algunhas das fontes nas que bebeu para realizar o seu labor pastoral. Ataviado cunha boina coa estrela vermella, mentres a cúpula eclesial adoraba ao ditador Francisco Franco, Moncho Valcarce encarouse coa ditadura. A súa reitoral de Sésamo «era coma un oasis no medio do deserto. A porta da súa casa sempre estaba aberta a todos, aberta na literalidade: alí non se coñecía a prudencia nin o medo. Moncho non dubidou en agochar nos baixos da reitoral o aparello de propaganda do Partido Comunista, e alí aconteceron moitas das primeiras reunións de Comisións Labregas e foi el mesmo quen nomeou a cabeceira do ‘Voceiro Labrego’, boletín do sindicato agrario nacionalista, e mesmo acubillou ao militante da Unión do Pobo Galego Moncho Reboiras cando era buscado pola policía franquista».*
En 1974 foi detido en Betanzos (A Coruña) logo dunha reunión clandestina. Con todo, a nova non sorprendeu a ninguén dado que foi algo case agardado «e especialmente significativo como reflectiron as manifestacións dos propios veciños de Sésamo e Sueiro a favor da súa liberación».* A partir de aí a súa casa de Sésamo estará vixilada día e noite pola garda civil. Non obstante continuará celebrando reunións cos labregos. «E pódese dicir que alí naceu o sindicato Comisións Labregas, ao que se incorporu formalmente en 1976, ano no que participou en distintas manifestacións (As Encrobas, Baldaio, Loño, Xove, etcétera) e foi maltratado polas forzas de orde pública, multado, detido e encadeado. Sen embargo, xamais mostrou odio a ninguén e soportou as vexacións coa maior naturalidade. Cando se lle advertía do perigoso da súa actuación, afirmaba con seguridade e, sobre todo, con fundamento cristián, que ‘os curas que din que non se meten en política, menten’, engadindo que se ‘eu son utilizado, tamén son utilizados os que están situados na estrutura dominante e, polo tanto, colaborando coa política represiva do poder’».*
Moncho Valcarce, que foi elixido concelleiro por Culleredo en 1979 representado ao Bloque Nacional-Popular Galego [na actualidade Bloque Nacionalista Galego], foi obrigado pola xerarquía católica practicamente ao abandono da súa responsabilidade pastoral nas súas parroquias (agás duns ‘servizos mínimos’). «As súas reivindicacións foron moitas en toda Galiza. Non foi sorpresa ninguna, entón, que en 1984 aparecese xunto a un humilde caseiro das Enchousas para impedir que fose desaloxado das súas terras. Ao ano seguinte colaborou nas seccións de gandeiros contra a restritiva cota do leite e nese mesmo ano viaxou a Suíza convidado polos centros galegos para impartir conferencias aos emigrantes dese país».* En 1987, aproveitando un ano sabático na Universidade Pontificia de Salamanca, realizou a tese ‘O compmromiso político dun prebístero nunha realidade concreta: Galiza’, que asinou o 23 de abril de 1989 en Vilar dos Comuneros.
Moncho Valcarce, que non abandonou nunca a súa loita contra a inxustiza, cumpriu os seus últimos anos destinado nas parroquias de San Pedro do Eume, Faiera e San Martín de Goente, integrado nun equipo pastoral na vila das Pontes. Antes da súa morte, que se demorou por mor dunha grave doenza, escribiu un xornal (Revolucionario e místico. Diario dunha doenza final) que foi publicado posteriormente pola revista Encrucillada. «A paz non é orde, senón xustiza» era unha das súas máximas.
E como diciamos ao principio, nestes días nos que batemos coa Igrexa máis recalcitrante, cómpre citar as palabras do propio Ramón Valcarce Vega, o cura das Encrobas, e sen dúbida, un dos máixmos expoñentes revolucionarios da historia de Galiza de todos os tempos: «Non sei o porqué do meu respecto á morte, ponme nervioso, inquedo. Nos enterros, acompañando o cadaleito á igrexa, ao cemiterio, ía calado, e preguntándome o porqué da morte, ía máis triste e concentrado ca os propios familiares. Non puiden acostumarme aos enterros, nin aos funerais, nin ao ruído da caixa empurrada polos familiares para metela no nicho. Cando remataba todo, soltaba un ‘por fin’ de alivio. Dábame rabia o falar dos acompañantes polo pouco respecto que demostran ao misterio da vida, como [dábanme] noxo os cregos que fan enterros coma se estivesen facendo filloas e están nos funerais coma se aquilo non fose con eles. Penso que con tanta pastoral funeraria perden a humanidade e ante a dor allea gañan bos pesos. Que prédicas non sentidas cheas de parvadas! Que ritos realizados de maneira que ofenden! Que maneira de berrar, de mirar para todos os sitios coma se buscasen algo ou alguén!».
Manuel María, un dos máis salientables líricos galegos, persoeiro tamén desaparecido, escribiu para o prólogo de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2003): «Estremece reler tantas testemuñas da loita valente e incansábel dunha persoa crucial na organización popular do movimento nacionalista galego dende os primeiros anos setenta, nestes tempos en que, por exemplo, aquel Baldaio polo que el tanto loitou, volve estar de loito pola contaminación que a poluída auga do mar lle achega, debido a unha nova e negra catástrofe ecolóxica, económica e, tamén, política, que, nestas datas, e baixo o nome de buque ‘Prestige’, asola Galiza». Brais do Castro [* Manuel Espiña Gamallo, Gran Enciclopedia Galega, Apéndices 2005]

jueves, 27 de diciembre de 2007


2008

Que é o que se lle podería pedir ao 2008? Talvez o primeiro sería a liberdade. A liberdade en ambos os dous sentidos: a liberdade física e a liberdade psíquica. A liberdade física para mellorar o modelo de vida individual que contempla a sociedade como un argumento plástico de propaganda e subordinación. E a liberdade psíquica para acadar estadios nos que a orixe da vida non predispoña sen máis ao contexto global da orientación dogmática.
Será isto unha grande esixencia?
O ano 2008 pertence ao século XXI e son vinte séculos de cen anos cada un, moito tempo para non reparar na fase na que nos achamos. Anos de 365 días, que suman numerosas horas nas que pasamos o tempo repetindo as repeticións. En suma, nunha sociedade na que tan só albiscamos parte das curiosidades tácticas reflectidas na propaganda ditada polos organigramas constituídos aleatoriamente para promulgar estratexias recorrentes. Non hai estado individual nin estadio presencial. As nosas diferenzas baséanse unicamente nas alternativas de movemento. Neste mundo que contemplamos sen ver, tan só estamos predispostos á suxestión que consideramos fórmula matemática para mostrar unha aparencia inexistente.
É posible que estas reflexións non combinen coas proposicións loxísticas argumentadas nestes tempos de desidia e fraxilidade. De seguro que tampouco coincidirían cos aqueloutros momentos pretéritos. E case con seguridade convirán menos co devir. Mais non nos enganemos. O noso pasado, presente e futuro non son nin máis nin menos ca o espello que nós mesmos esmiuzamos nos cantos das inquedanzas. E, queirámolo ou non, a nosa base natural non contempla un tránsito posibilitado pola condición sine qua non da inexplicable versión propiciada pola incerteza.
En todo caso, no 2008 mantemos a nosa aposta pola liberdade, malia que sexa un vocábulo inoperante ou esmagado por cantas veces foi maltratado, manipulado e aforcado. Alá. Neste pequeno país e nesta lingua de nai grande, vivamos a nación con valentía. A nación, con orgullo. A nación sen disimulo. Vivamos as Repúblicas Independentes. Todas sen distinción. Pese a todo. E pese a todos. Ata incluso sen bandeira, sen himno e sen marca. No noso propio corazón. E na nosa propia condición. OLLO CRÍTICO [Asemblea de Comunicación e Debate]

viernes, 9 de noviembre de 2007


‘MOBBING’ EN ISIDRO DE LA CAL

Na súa factoría de Bergondo (A Coruña), a empresa Isidro de la Cal segue a manter unha pauta de irregularidades. Á parte dos accidentes laborais, denunciados no seu día por este medio [imaxinario.blogspot.com, martes 28 de agosto de 2007], súmase agora o acoso ao que se achan sometidos varios dos seus traballadores. Entre as súas fórmulas de humillación ou ‘torturas contra a integridade moral’ dos traballadores [Proxecto de Lei de 15 de xaneiro de 2007 Modificación do Código Penal] salienta a de elevar a súa categoría para, logo dun tempo relativo, situalos novamente nas súas ocupacións primarias. Coa modificación do Código Penal castíganse, incluso con penas de prisión, aos ‘torturadores e abaixadores de empregados’, e vén tipificar o acoso «psicolóxico ou hostil nas relacións laborais, que humillan a quen as sufre, así como no marco doutras relacións contractuais, a alteración de condicións impondo situacións de grave ofensa á dignidade».
Con todo, Isidro de la Cal continúa coa súa política pretérita de menosprezo da dignidade da persoa, dado que supón unha clara ofensa á dignidade variar a categoría dun operario sen ningún tipo de explicación; menosprezo e humillación que estende a algúns dos seus empregados fieis que, sen atribución ningunha, se permiten exercer como ‘escravistas’ e incluso «despedir pola súa conta aos seus compañeiros». [en quince días, unha ‘operaria’ despediu a dous dos seus compañeiros]. Isto é, en Isidro de la Cal practicase o ‘mobbing’ en varias direccións.
A CUT (Central Unitaria de Traballadores), por outra parte, denunciou ante a Inspección de Traballo unha morea de irregularidades por parte da empresa: operarios accidentados por mor de ter que traballar en zonas destinadas a especialistas (corte con serra, etc.), horarios de traballo indiscriminados, contacto con líquidos fortemente contaminantes sen a debida protección, etcétera, etcétera. A Inspección de Traballo, logo de realizar a oportuna visita á empresa, segundo a CUT, non atopou «nada irregular; todos os traballadores consultados negaron realizar máis horas ca as contratadas». A inspectora, que parece que en lugar de inspeccionar pasou pola factoría a tomar un café e a condescender cos empresarios, quedou tan pancha coa resposta de que os tanques de lavado, con produtos químicos fortemente tóxicos (nun estraño idioma, talvez eslavo) non teñen ‘aditivo’ ningún. Saberá esa inspectora que son os aditivos e que son os produtos químicos perigosos? A esa mesma inspectora pareceulle ben tamén que un dos traballadores accidentados desacreditase as súas primeiras declaracións oficiadas ante a inspección. [informacións procedentes dos traballadores, que prefiren conservar o seu anonimato, salientan que este operario desdíxose debido a que a empresa acordou contratalo indefinidamente se ‘non denunciaba formalmente’]. Pese a todo, como sinala a CUT, «deuse un paso positivo: acadáronse botas de traballo, mandiletas para a auga, novos feches para os armarios roupeiros e estableceuse un calendario de traballo».
Con todo, o medo é a arma preponderante coa que conta a empresa, dado que ninguén ousa reclamar o establecido na Lei do Estatuto dos Traballadores ou no propio convenio. E a Inspección de Traballo argumenta, ante este tipo de argumentos sindicais, que «deberían denunciar os propios traballadores, cos seus nomes e apelidos», dado non «hai moitas posibilidades de sancionar ás empresas se estas son denunciadas só polos sindicatos». Seguindo esa análise, os ‘representantes dos traballadores’ serían innecesarios. E, ademais, os traballadores en xeral terían as de perder. Ou non? Información de Brais do Castro


DOCUMENTACIÓN. Isidro de la Cal recibiu en 2004 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha subvención de 419.632, 65 euros, e en 2005 a cantidade desembolsada pola consellería superou os sete millóns catrocentos mil euros. A finalidade (destas contribucións financeiras dun organismo público á empresa privada) era a de «incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura». A propia institución pública deberá desvelar se nos anos 2006 e 2007 este grupo de empresas recibiu subvencións semellantes ou superiores para o mesmo fin, dado que o Diario Oficial de Galiza áchase en mans privadas e hai que pagar por ‘descargar’. En calquera caso, polo menos na factoría de Bergondo (ou Cambre, segundo se mire), a maioría dos produtos que se manexan para a súa venda aos centros comerciais, veñen de países alleos ás nosas costas (Arxentina, Chile ou Perú). Por outra parte, unha factoría que apenas acaba de comezar (en 2006), produce cunha maquinaria obsoleta que necesita dun mantemento permanente. E, en xeral, a produción realízase nunhas condicións hixiénicas e sanitarias non compatibles coa empresa moderna do século XXI. En todo caso, as axudas que esta empresa recibe non se axustan para nada ao lema de ‘incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica’ propugnada para ser merecedores destas subvencións. Polo contrario, se a xustiza realizase o seu labor, debería pechalas ou transferilas a mans máis honorables.


jueves, 8 de noviembre de 2007


IBARRECHE NON SERÁ PENALIZADO POLA CONVOCATORIA DO REFERENDO POLA AUTODETERMINACIÓN

Se ben a Lei Orgánica 20/2003, de 23 de decembro [que modificaba a Lei Orgánica do Poder Xudicial e o Código Penal no seu artigo segundo], facultaba o seu procesamento a través do artigo 576 bis, ‘castigando’ con «penas de tres a cinco anos de prisión e inhabilitación á autoridade que, carecendo de competencia, convocase consultas electorais ou populares pola vía de referendo [...]», logo da súa derrogación mediante a Lei Orgánica 2/2005, de 22 de xuño [10621 BOE], desaparece tal posibilidade. Segundo a nova modificación do Código Penal, queda suprimido o artigo 576 bis [así como o 506 bis e o 521 bis], referidos a «condutas sen a entidade suficiente como para merecer o reproche penal e menos aínda se a pena contemplada é a prisión». Neste sentido, este novo concepto que derroga os parágrafos anteriores, no seu razoamento aprecia que o «dereito penal réxese polos principios de intervención mínima e proporcionalidade, segundo reflectiu o Tribunal Constitucional, insistindo en que non se pode privar a unha persoa do seu dereito á liberdade se non é estritamente imprescindible [...] Así, no exercicio das potestades para convocar ou promover referendos sen atribucións legais, existen vías diferentes ás penais».
Se o Partido Popular fose realmente un defensor da Constitución e do Estado de Dereito [non só dunha España, que só uns cantos manteñen de xeito contumaz na súa cabeza], debería adaptarse á lexislación vixente e aplicar os seus esforzos en situarse nun contexto lexislativo que, por outra parte, en xeral, funciona principalmente para favorecer os seus intereses. Brais do Castro

lunes, 8 de octubre de 2007


‘ERNESTO GUEVARA: UNHA LENDA VIVA’, artigo de Brais do Castro [deseño superior de Xavier Dans Mayor] en ‘Imaxinario’, con información complementaria sobre algúns dos persoeiros protagonistas daquel acontecer histórico. O 7 de outubro, o Che, a dous mil metros de altura, sinala no seu diario: Cumpríronse, sen complicacións, bucolicamente, os once meses da nosa inauguración guerrilleira; ata as 12.30, hora na que unha anciá, pastoreando as súas cabras, entrou no canón no que acamparamos e debemos prendela. A muller non ofreceu ningunha nova fidedigna sobre os uniformados, contestando a todo que non sabe, que hai tempo que non vai por alí. Só deu información sobre os camiños; de resultas do informe da anciá, despréndese que estamos, aproximadamente, a unha legua da Higuera e outra de Xagüei, e a unhas dúas horas de Pucará. Ás 17.30, o Inti, o Aniceto e o Pauliño achegáronse á casa da anciá, que ten unha filla enferma e outra medio anana; entregáronselle 50 pesos, co encargo de que non diga nin unha palabra, pero con pouca esperanza, pese ás súas promesas, de que así sexa. Saímos ás 17, cunha lúa moi cativa, e a marcha foi moi fatigosa, deixamos moito rastro polo canón no que estabamos (sen casas nas proximidades, pero si con sementes de ‘papa’ regadas por canles do mesmo regato). Ás dúas, paramos a descansar, pois xa era inútil continuar o avance. O Chinés convértese nunha verdadeira carga cando hai que camiñar de noite. O exército deu unha rara información sobre a presenza de 250 homes en Serrano para impedir o paso dos cercados, en número de 37, sinalando o noso acubillo entre o río Aceiro e o Ouro. A noticia parece querer enredar. Máis información en: http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 2 de octubre de 2007


Deseño de Xavier Dans Mayor.
Ver a tamaño orixinal en:
http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 11 de septiembre de 2007


Salvador Allende Gossens (Valparaíso, 1908; Santiago de Chile, 1973) foi presidente da República de Chile dende 1970 a 1973. O 11 de setembro, un golpe militar propiciado por un xeneral do Exército chileno, apoiado polos EE UU, deu ao traste cun intento revolucionario de socializar un país pola vía da transición pacífica. Texto completo en: http://imaxinario.blogspot.com/


miércoles, 5 de septiembre de 2007


Clelia Zucca mostra as súas imaxes
tiradas en Cuba en 2006 en:
http://cleliazuca.blogspot.com/

miércoles, 29 de agosto de 2007


‘Á ATENCIÓN DO SEÑOR CASTRO RUZ’,
carta de Brais do Castro:
«Señor don Fidel Alexandre Castro Ruz:
Nestes días nos que Cubavisión Internacional
solicita aos demócratas do universo que se dirixan
ao goberno dos EE UU solicitando a liberación
de Antón Guerrero, Fernando González,
Xerardo Hernández, Ramón Labañino
e René González, alegando que se tratou
'dun xuízo político, non un xuízo normal,
nin un xuízo con carácter común como
queren presentar estes xuízos, foi un xuízo
político de pés a cabeza e eses compañeiros
son presos políticos nos EE UU...',
pois señor presidente da República de Cuba,
nós, pese a que descoñecemos con exactitude
a realidade das faltas polas que se lles xulgou,
dende aquí dirixímonos formalmente
ao goberno dos EE UU solicitándolle
humildemente a liberación dos
cinco ‘antiterroristas’, tal e como os denominan
en Cubavisión Internacional.»
Texto completo en:
http://imaxinario.blogspot.com/


XV FESTIVAL DE CERCEDA
(A Coruña).
A Gresca tirou o programa do XV Festival
de Cerceda (A Coruña), no que participarán,
«logo da foliada desenvolvida o pasado ano
en Barcelona», artistas cataláns mesturados
con artistas galegos. Máis información

martes, 28 de agosto de 2007

No centro de Bergondo (A Coruña) de Isidro de la Cal, tres operarios (un home e dúas mulleres) que traballaban na serra de corte perderon parte dalgún dos seus dedos das mans, «algún incluso non se decatou nun primeiro momento ata que outro compañeiro atopou o dedo na luva». Isto aconteceu na penúltima semana do mes de agosto de 2007. Máis información en: http://imaxinario.blogspot.com/

martes, 21 de agosto de 2007


‘A REVOLUCIÓN’, relato de Clelia Zucca.
«Aínda era noite pechada. A aeronave baixaba bruscamente buscando a pista de aterraxe. Para min, difícil, porque non albiscaba nada a través do ollo de boi do aparato. Cando por fin atinou, a pasaxe rompeu alborozada en vivas e aplausos. E eu estimei, entón, que aquilo debía ser cousa de moito risco, dado que doutro modo carecerían de sentido os escandalosos parabéns»: http://imaxinario.blogspot.com/



‘OS CALOTES DE ALCAMPO’.
Os consumidores reflícteno a través das súas queixas que «tampouco serven para gran cousa porque, logo de encher a folla de reclamacións, os organismos institucionais encargados de velar polos consumidores esquécense de todo. Ás veces pasan anos ata que aparece unha carta da Xunta na que salientan a imposibilidade de realizar ningún tipo de acción contra as empresas ‘por falta de probas’, argumentan».
Información de Ataúlfo de Ferabrás en: http://imaxinario.blogspot.com/

miércoles, 1 de agosto de 2007

Cuba: Máis de 200 persoas permanecen en prisión
por delitos políticos: http://imaxinario.blogspot.com/

lunes, 30 de julio de 2007

‘Atado e ben atado’, información de Brais do Castro
con ilustración de Xavier Dans Mayor:
http://imaxinario.blogspot.com/


jueves, 26 de julio de 2007

Dende o día 21 ata o 27 de xullo
máis de setecentas mil persoas
gozarán cos carnavais
en Santiago de Cuba: http://imaxinario.blogspot.com/


martes, 24 de julio de 2007

sábado, 21 de julio de 2007

‘Liberdade de expresión’, con ilustración de Xavier Dans: http://imaxinario.blogspot.com/

lunes, 9 de julio de 2007

'Historias de Galiza', por Xavier Dans Mayor, en Imaxinario.

viernes, 8 de junio de 2007

lunes, 4 de junio de 2007

‘Violencia estatal’, artigo de Brais do Castro: http://imaxinario.blogspot.com/


Os automóbiles ocupan as beirarrúas: http://imaxinario.blogspot.com/

lunes, 28 de mayo de 2007

O Servizo Provincial de Consumo da Coruña
non responde ás denuncias:

http://imaxinario.blogspot.com/

miércoles, 23 de mayo de 2007

martes, 22 de mayo de 2007

Teatro: ‘O estraño caso das paxaras metafísicas’, de Willy Éter:http://imaxinario.blogspot.com/

sábado, 19 de mayo de 2007

XOSÉ BOCIXA REI: “As subvencións non chegan nin para pipas”. En http://imaxinario.blogspot.com/

viernes, 18 de mayo de 2007

'O espírito anormal do corpo xurídico',
artigo de Xavier Dans Mayor en: http://imaxinario.blogspot.com/