lunes, 30 de marzo de 2009


'Mirada allea'

A traballar, carallo!

Por XOÁN XOSÉ MILLÁS

No que a acción política ten de relato, aparecen insoportables mostras de esgotamento. Non é posible ofrecer aos espectadores (a iso quedamos reducidos os votantes) o mesmo guiso narrativo, requentado ao microondas, durante semanas (caso, por exemplo, do asunto de Kosovo). Métanse vostedes, os actores (a iso quedaron reducidos os políticos) nos zapatos dun cidadán en paro que leva sete días escoitando que se Kosovo si, que se Kosovo non, que se as formas, que se o fondo, que se agora estamos de acordo, que se agora discrepamos. E así un día e outro, unha hora e outra. Semella unha serie de TV atascada, unha serie de repetición, unha merda. Se iso ocorre nun asunto no que están de acordo, que tortura non nos infrinxirán cando discutan? Non hai nada peor para un relato que a previsión e son vostedes máis previsibles ca un mal chiste.

Tan previsibles son que nos acaban de confirmar o que sospeitabamos: que de 350 deputados só 34 teñen dedicación exclusiva (o resto vai cando hai votacións). Polo visto, corenta e seis millóns de cidadáns non se merecen 350 representantes a xornada completa. Resulta que o escano é unha chave para abrir portas, para sacar un sobresoldo. Iso si que é un escándalo, iso si que merecería dúas semanas de debate. Aí teñen a Michavila forrándose, a Pizarro forrándose, a López-Amor forrándose, a Ánxelo Aceves forrándose... Un comprende que lles falte tempo para construír o noso benestar, que (falando de incompatibilidades) é incompatible co seu. Pero vostedes coñecen a situación? Están ao tanto do que pasa? Teñen idea do que é o medo a quedarse sen traballo, o pánico á cola do paro, o terror a que o caixeiro automático devolva a túa tarxeta de crédito? Xa abonda, carallo, póñanse a traballar.
[Publicado en El País, venres 27 de marzo de 2009 / Orixinal da montaxe fotográfica: El País]

miércoles, 25 de marzo de 2009

ISIDRO DE LA CAL


Por que agora e para que?

Segundo publica El País (martes 24 de marzo de 2009), o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) concederá avais por algo máis de vintecatro millóns de euros a tres grupos empresariais, entre eles a Isidro de la Cal. Seguindo a información do citado rotativo, o conselleiro Fernández Antonio xustificouno nas actuacións dirixidas a facilitar o acceso ao financiamento das empresas galegas para ‘manter o emprego’ e a actividade económica: «salvaranse [con esta inxección] máis de 300 postos de traballo», concreta o xornal.
A pregunta é: Cantos deses 300 postos de traballo corresponderanlle a Isidro de la Cal? Corenta? Trinta? Vinte? Ningún? E é seguro que eses cartos se destinarán xustamente á salvación de emprego? Porque ao señor Fernández Antonio, practicamente ex conselleiro, hai que preguntarlle se coñece que a empresa Isidro de la Cal (no seu centro de Cambre, A Coruña, rúa Zeppelin 11-12-13) vén realizando despedimentos de traballadores con contratos indefinidos dende hai un ano?

viernes, 20 de marzo de 2009

REPRESIÓN POLICIAL


‘¡Mucha policía,
poca diversión!’


Así avisaba un popular grupo de rock de recoñecido prestixio no campo da marxinalidade: La Polla. ‘Policía asasina!’ figurou tamén en moitas páxinas da historia dos enfrontamentos entre os defensores do capital e os escravos con pretensións de resistencia. E, en efecto, hai moita policía, sobre todo para reprimir, bater nos lombos e disparar cando a situación o demande. E moita tamén para defender aos políticos de primeira división e aos seus representados (banca, multinacionais, etcétera), pero pouca, ás veces ningunha, ao servizo do escravo, que é, en definitiva, quen constrúe o mundo dos primeiros.

miércoles, 18 de marzo de 2009


Fotografía recollida de sutra0.blogspot.com


Batemos coa Igrexa!

Por BRAIS DO CASTRO




A penúltima do coro empresarial católico, apostólico e romano foi comparar a extinción do lince coa da humanidade. A delegación española de dita multinacional non dubidou en gastar os cartos dos seus accionistas en publicidade estática (amén da promovida a través dos seus propios ‘medias’), tal coma se de un partido político se tratase. A multinacional, coa súa campaña, pretende o enfrontamento directo co Estado laico. Non podía ser doutra forma, dada a súa pobre e raquítica mentalidade.

A multinacional debe descoñecer que a poboación mundial superará os nove mil millóns de habitantes en 2050. Tampouco, debido ás súas curtas miras ou a non se sabe qué intereses, coñece que preto de mil millóns de persoas, isto é unha sexta parte da poboación mundial, vive con algo menos dun euro ao día: nin sequera cubre as necesidades básicas (alimentación, saúde e educación).

Os seis países máis poboados do planeta (China, India, Indonesia, Paquistán, Brasil, EE UU), que superan os tres mil millóns de habitantes, na actualidade totalizan máis da metade da poboación mundial. E mentres algúns países, coma os europeos, manteñen en cero a taxa de natalidade, noutros acadan altos índices debido, xustamente, á falta dunha política de planificación familiar, nalgúns casos propiciada directamente polos distintos sistemas relixiosos.

En África, o terceiro continente en canto a número de poboación (13,6% da poboación mundial), a multinacional que nos ocupa promoveu, ao carón do máis feroz capitalismo, as guerras que desembocaron na escaseza de alimentos e a aparición de todo tipo de enfermidades derivadas do contubernio entre relixión e capital monopolista. Países como Angola, Burundi, Chad, Liberia, Ruanda, Serra Leona, Somalia e Sudán víronse confundidos en sanguentas e interminables guerras denominadas civís, pero cunha orixe claramente definida: o saqueo. Con todo, no continente africano nacen a diario centos de nenos que dispoñen de pouco ou nada que levarse á boca.

En Asía residen preto de 4.000 millóns de habitantes, máis da metade da poboación mundial. Neste continente aparecen pobos moi diversos, con culturas linguas e relixións moi variadas, pero sempre inmersos no condicionamento da explotación do home polo home: relixión e capitalismo monopolista (nalgún país, como China, cambia o nome polo capitalismo comunista). Relixións como o budismo, hinduismo, confucianismo, sintoísmo, islamismo, etcétera, propoñen fórmulas para adurmiñar colectivamente en vida.

En América Latina hai preto de 300 millóns de persoas que viven na pobreza, que superan o 40% dos habitantes da zona, e preto de cen millóns son indixentes. Países como O Salvador, Ecuador, Guatemala, México, Nicaragua e a República Dominicana presentan o maior índice de desigualdade en América Latina. A Igrexa Católica Apostólica e Romana realiza pingües negocios nas súas sucursais con niveis de pobreza extrema de Bolivia, Nicaragua e Paraguai (non hai moito, ditaduras apoiadas pola multinacional), cunha alta porcentaxe de poboación que non cubre nin sequera as súas necesidades básicas.

Pois isto é o que parece descoñecer a Igrexa, pese á súa modernización (no Vaticano véndese de todo a través das máis modernas tecnoloxías). Carafio, batemos coa Igrexa! Con ela non se pode. De seguro que o lince desaparecerá. Pero desaparecerán tamén todo tipo de animais, incluídos os curas, os bispos e os cardeais. E o papa. Que non se diga. Todos metidos nunha garrafa. E sen botarlles alcol nin prenderlles lume, que sería o máis adecuado.

jueves, 12 de marzo de 2009

ALBERTE NÚÑEZ FEIJÓO


Fotografía de CLELIA ZUCCA

Comezamos' mal

Por NEALÚM TASCRO
nealumtascro@gmail.com


Alberte Núñez Feijóo aínda non é presidente do goberno galego e xa vén incumprindo, polo miúdo, a Lei sobre Financiamento dos Partidos Políticos. ‘Público’ [
http://www.publico.es/208015] sinala incluso un posible fraude fiscal ou financiamento irregular.


Segundo a información de referencia, Núñez Feijóo, no caso de ter utilizado o vehículo prestado por Citröen gratuitamente para o seu uso persoal, tería defraudado a Facenda por non telo declarado como renda en especie. «E se o automóbil recibiuno o PP galego como doazón, tería incumprida a Lei sobre Financiamento de Partidos». Polo tanto, «ou hai fraude fiscal ou financiamento irregular».


Este préstamo, que durou algo máis de tres anos, deu paso a outro, un Citröen C6, tamén gratis, pouco antes de iniciarse a campaña electoral galega. Segundo a información de Público, «este modelo utilízao tamén o presidente francés e é o que Núñez Feijóo elixiu como o seu coche oficial, pese a que prometeu que se serviría dun dos modelos fabricados na factoría galega: a ‘limousine’ que encargou prodúcese unicamente en Francia».
Comezamos mal.


Se durante toda a campaña, e antes da campaña, o que se estendía á opinión pública eran os excesos dos políticos, sobre todo en tempos de crise, resulta certamente revelador cal será o camiño do PP nesta lexislatura. Cando se comeza mal, normalmente, se acaba peor. E isto sabíase de antemán. Pena que os modelos da dereita sexan copiados a cotío pola ‘esquerda’ cando ocupa o poder.

martes, 10 de marzo de 2009

DÍA DA CLASE OBREIRA GALEGA


Isidro de la Cal rexeita

os certificados médicos de baixa

Por BRAIS DO CASTRO
braisdocastro@gmail.com


A última falcatruada de Isidro de la Cal no seu centro de Cambre (A Coruña), sito na rúa Zeppelin, 11-12-13, consiste en rexeitar os certificados médicos de baixa dos seus traballadores, tal e como se mostra nas imaxes superiores.

Á empresa, dedicada á comercialización de peixe en frío, semella que non lle basta coa regulación de emprego encuberta que está a realizar (despedimento de boa parte dos traballadores indefinidos), senón que aos que están de baixa pretende botalos coa mínima consideración, isto é, actuando de xeito torto para que os despedimentos non lle resulten moi gravosos.

O caso do rexeitamento das cartas, que inclúen certificados médicos de baixa, debe ser a súa nova fórmula para completar unha limpeza que Isidro de la Cal iniciou hai case un ano coincidindo coas eleccións sindicais.

jueves, 5 de marzo de 2009

'SETEMBRO'


Xosé Manuel Bazarra Maneiro 'Sepi',
autor de 'Setembro'
(Fotografía de CLELIA ZUCCA)
Marcelino Magán
convídanos a rectificar

«Nunha nova con data 4 de febreiro sobre o proxecto de longametraxe (‘Setembro, 5 pezas’), observo con sorpresa que aproveitades para soltar unha serie de difamacións sobre min e sobre a produtora na que traballo [Directo: http://www.directoproducciones.com]: ‘irregularidades de xestión, despedimentos’, e dades o nome dun antigo administrador da empresa [Pastor Lorenzo Sola: http://www.academicostv.es] que dende 2005 non ten vinculación ningunha con nós. Ante este marabilloso exercicio de rigor profesional e ética xornalística, pregúntovos: En nome de que ou quen tendes o valor de publicar semellantes falacias e falsidades? Convídovos á rectificación ou simplemente a que me ignoredes, dado que nin nos coñecemos nin creo que as vosas fontes resulten axeitadas. Marcelino Magán».
Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate), na data reflectida polo responsable actual de Directo Producións, baixo a sinatura de Ataúlfo de Ferabrás, publicou o seguinte:
Pese aos atrancos, ‘Sepi’ insiste con ‘Setembro’. O autor do guión ‘Setembro’, proxecto de longametraxe baseado en ‘cinco historias’, que mereceu a atención da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura (2008), presentou en Compostela unha preliminar (‘cinco pezas’, uns 16 minutos no seu conxunto) coa pretensión, segundo os organizadores, de propiciar o movemento dun traballo que se foi arredando das súas orixes debido a distintas circunstancias.
Cinco curtametraxes, procesadas a través da agonía propia das limitacións do campo audiovisual e, sobre todo, concibidas coa frescura e flexibilidade marcadas pola fraxilidade temporal.Con todo, os asistentes á presentación salientaron que pagou a pena atopar algo novo que mirar nunha sala repleta de amigos e inimigos, que de todo había, pero en xeral abertos e con gana de abrir fiestras ao aire fresco.
DOCUMENTACIÓN. O guión de ‘Setembro’ foi representado por Marcelino Magán (Directo Producións) como a primeiro traballo en formato de longametraxe de Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’, co fin de acceder ás subvencións da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que se lle concederon divididas en tres anualidades (uns 50 millóns de pesetas, aproximadamente).As irregularidades de xestión de Marcelino Magán provocaron a perda dalgunha partida económica destinada á produción da película. No outono de 2008 o equipo de rodaxe quedou ao pairo e, pese a realizar parte da preprodución, debeu abandonar o proxecto. Marcelino Magán despediu a todo o equipo.Directo Producións é unha empresa do audiovisual, na que figura como administrador único Pastor Lorenzo Sola e como director xerente Marcelino Magán Nogueira. O primeiro desempeña dende 2005 o posto de director de Comunicación e Relacións Externas da Radiotelevisión de Galicia.A Consellería de Cultura concedeulle varias subvencións.
Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) ratifícase en todo canto antecede, coa única excepción de que Pastor Lorenzo Sola non figura como administrador único, senón que ‘figuraba como administrador único’, se ben continúa mantendo ‘excelentes relacións’ coa produtora en cuestión.
Pese a que na actualidade, o director e autor da escrita do guión de ‘Setembro’ promove as ‘negociacións’ coa produtora en cuestión (tratando de atopar unha saída digna para o desenvolvemento do seu proxecto), a realidade supera amplamente o publicado por Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate).


martes, 3 de marzo de 2009

ELECCIÓNS GALEGAS 2009


Un paso atrás,

dous adiante


Por CLELIA ZUCCA

A esquerda nacionalista debe reflexionar sobre o acontecido nas eleccións autonómicas de 2009, realizar unha profunda autocrítica e establecer novos criterios para xerar variables que contribúan á reformulación dun marco político dirixido ao cambio real da sociedade galega menos favorecida. Porque diso se trata? Ou non?

Primeiro debe preguntarse por qué non foi quen de acadar cotas máis salientables de representación no Parlamento galego e a quen representa verdadeiramente.

Galiza é un país que leva unha eternidade suxeito a manipulacións de todo tipo. Non é necesario arredarse moito para atopar as numerosas e singulares curiosidades que confiren especial atención á peculiaridade propia desta terra e das súas xentes. Aquela frase de Castelao «mexan por nós e dicimos que chove», na actualidade áchase rigorosamente ligada á idiosincrasia particular deste territorio. Cando un se descoida, aparecen ‘nubes’ a destro e sinistro, en forma de caciques, que mexan por riba das nosas cabezas.

E xa vai sendo hora de que isto remate definitivamente.

Pois a cuestión da autocrítica debe comezar agora mesmo. Sen agardar nin un minuto máis.

Por qué Galiza é novamente caldo de cultivo para a dereita non é difícil de albiscar. Neses catro anos nos que o nacionalismo de ‘esquerda’ gobernou co estatalismo, non só non contribuíu a fortalecer as súas posicións, senón que aproveitou o poder para situarse á mesma altura ca os seus contrincantes aos que tanto criticou, xustamente, con anterioridade.

E desexa realmente o Bloque, reconverterse, reflectirse noutro papel que non semelle unicamente unha formalidade electoral: unha formación centrista, que recolla o voto de todo canto se lle pegue, como se de un imán se tratase, perdendo a súa propia identidade, a súa vontade de unir a esa clase da sociedade que máis necesita de atención, dada a crueza do capitalismo, ou o Bloque só quere gobernar, ter o poder e conservalo pese a quen pese?

Esa é a pregunta. Se é afirmativa, está claro que o Bloque vai polo camiño adecuado, se ben debe disputar o poder ás dúas formacións estatais que o superan en escanos e que van en busca do mesmo, cos mesmos argumentos (PP e PSOE, malia que se lles adxudique o seu dirixismo dende Madrid), e debe loitar arreo e ser moito máis imaxinativo para acadar unha representación suficiente (con alianzas ou non). En todo caso, sería máis do mesmo.

No caso de que o Bloque (e máis claramente, a Unión do Pobo Galego) considerase outra opción, a alternativa á dereita, debería revisar toda a súa política: a) dirixirse unicamente aos máis desfavorecidos sen chiscarlle o ollo a outras capas sociais (ben representadas xa polas formacións de dereita); b) non buscar máis homologación que a promovida a través deses intereses máis cativos, agás acaso a dalgúns estamentos progresistas da sociedade, sen ánimo de lucro, e c) realizar unha política netamente de esquerda como primeiro paso, e de independencia sen ambaxes como continuidade dun fin que defina con claridade a realidade social que pretenden cambiar.

Sen dúbida, esta segunda opción sería moito máis lenta: o Bloque non lograría o poder a curto nin a medio prazo, se ben chegaríalle de seguro a oportunidade e sería a alternativa máis honrada.

Cómpre salientar tamén que o Bloque debería ter en conta a existencia doutros grupos, como Nós-Unidade Popular ou a Fronte Popular Galega, que configuran o panorama galego de esquerda e que pretenden a independencia. Tal e como está o deseño da política galega, así como a escasa conciencia colectiva sobre a súa realidade social, parece que estragar as posibilidades doutras formacións como as citadas, confírelle á dereita o referendo para estigmatizar a frase de Carlos Marx de que as eleccións burguesas só serven para que cada catro anos o pobo decida quen o vai a esmagar durante ese período de tempo.

viernes, 27 de febrero de 2009

miércoles, 25 de febrero de 2009

FORTIFICACIÓNS DA CORUÑA


Que vai pasar cos restos
da muralla do Parrote?


Por ATAÚLFO DE FERABRÁS

Os restos da muralla medieval do século XVIII, descubertos logo das obras realizadas para a construción dun aparcamento subterráneo no Parrote, móstranse como sinal da inutilidade dos responsables de cultura municipais e autonómicos. Paráronse os traballos e os restos permanecen expostos como se non pertencesen á contorna natural e histórica da zona. O lugar, destinado a albergar coches e producir pingües beneficios a un determinado sector empresarial en conivencia coa Autoridade Portuaria e o propio municipio, agarda, en teoría, a que os técnicos do departamento da Consellería de Cultura determinen se os restos son merecedores de se conservar.

E así van pasando os meses...

E claro que non vai ser fácil ditaminar se quedan ou desaparecen: os algo máis de dezaseis mil metros cadrados proxectados, que incluirían preto de seiscentas prazas de aparcamento, veríanse minguados substancialmente, o que orixinaría unha sensible perda no negocio establecido inicialmente e que debería ter rematado en marzo de 2008.

Segundo a Gran Enciclopedia Galega, parece que foi en 1840 cando a cidade coruñesa perdeu parte das fortificacións: «Caen as dúas primeiras liñas de muralla do recinto da Cidade Alta, pola parte que miraba á Pescadería, e entre as portas denominadas Real e de Aires». Con todo, este derrubamento semella que non altera especialmente a antiga demarcación cidadá, se ben «considérase un trunfo entre as xentes progresistas, que ven un símbolo opresor na conservación das fortificacións».

miércoles, 18 de febrero de 2009

CEMENTO ARMADO





'O canto do aquele'

Por BRAIS DO CASTRO


FEIJOO, TOURIÑO, QUINTANA:

REFERENCIA E EXEMPLO DE HONESTIDADE

Mentres boa parte dos asalariados galegos non supera os 11.000 euros anuais, tres vidas exemplares discorren cómo aumentar os seus gananciais empolicándose á parte máis alta da pirámide. Para eles non existe nin recesión, nin paro, nin crise, nin cousa parecida. Para eles hai unicamente bule que bule, rasca que rasca, corre que corre, colle que colle.
Emilio Pérez Touriño meteu no peto, nestes catro anos nos que exerceu como executivo maior, 330 mil euros (máis dietas e quilometraxes); Anxo Manuel Quintana González fíxose con 300.000 (máis dietas e quilometraxes), e Alberte Núñez Feijoo con outros 300.000 (privilexios a maiores, como non estar suxeita a retención a metade da súa soldada).
Billete arriba, billete abaixo (sóbranlles para prender o habano).
Pero iso non é todo. Para máis aldraxe á sociedade galega menos favorecida, nos períodos electorais gastan e gastan (o que logo din que non hai para fins máis loables) en propaganda, que só serve para axigantar máis os seus propios egos.
Pois estes son os candidatos que din querer ‘salvar’ á sociedade galega, unha sociedade manifestamente prolixa en observar, agardar, temperar e, finalmente, comprender que ‘son os mesmos de sempre’, rosmen o que rosmen e berren o que berren.
Na etapa de goberno do PP abastecéronse os seguidores desa formación (prebendas e consideracións cos amigotes), e na etapa do PSOE e Bloque situáronse os seus próximos (non precisamente os máis intelixentes). Baste con ver as falcatruadas que uns e outros realizan a cotío (o do Bloque é máis grave dado que manifestan unha militancia de esquerdas, cun partido comunista, Unión do Pobo Galego, integrado na coalición).
Son, como mínimo, ruíns, malvados, vampiros e estafadores* a grande escala. Estafan á sociedade baixo o abeiro de que foron elixidos ‘democraticamente’ para realizar esa fin. No reino dos cegos o torto é o rei.
Á merda con todos eles. Abramos os ollos dunha puta vez.

*Estafar: enganar a alguén no prezo, en cantidade, calidade, etcétera.

lunes, 9 de febrero de 2009


Xosé Manuel Bazarra Maneiro 'Sepi',
autor de 'Setembro'
[fotografía de CLELIA ZUCCA]






PESE AOS ATRANCOS,
‘SEPI’ INSISTE CON ‘SETEMBRO’

O autor do guión ‘Setembro’, proxecto de longametraxe baseado en ‘cinco historias’, que mereceu a atención da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura (2008), presentou en Compostela unha preliminar (‘cinco pezas’, uns 16 minutos no seu conxunto) coa pretensión, segundo os organizadores, de propiciar o movemento dun traballo que se foi arredando das súas orixes debido a distintas circunstancias.

Cinco curtametraxes, procesadas a través da agonía propia das limitacións do campo audiovisual e, sobre todo, concibidas coa frescura e flexibilidade marcadas pola fraxilidade temporal.

Con todo, os asistentes á presentación salientaron que pagou a pena atopar algo novo que mirar nunha sala repleta de amigos e inimigos, que de todo había, pero en xeral abertos e con gana de abrir fiestras ao aire fresco.

DOCUMENTACIÓN. O guión de ‘Setembro’ foi representado por Marcelino Magán (Directo Producións) como a primeiro traballo en formato de longametraxe de Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’, co fin de acceder ás subvencións da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que se lle concederon divididas en tres anualidades (uns 50 millóns de pesetas, aproximadamente).
As irregularidades de xestión de Marcelino Magán provocaron a perda dalgunha partida económica destinada á produción da película. No outono de 2008 o equipo de rodaxe quedou ao pairo e, pese a realizar parte da preprodución, debeu abandonar o proxecto. Marcelino Magán despediu a todo o equipo.
Directo Producións é unha empresa do audiovisual na que figura como administrador único Pastor Lorenzo Sola e como director xerente Marcelino Magán Nogueira. O primeiro desempeña dende 2005 o posto de director de Comunicación e Relacións Externas da Radiotelevisión de Galicia.
A Consellería de Cultura concedeulle varias subvencións.

[Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS]

miércoles, 4 de febrero de 2009

O PRÓXIMO VENRES, ÁS NOVE DA NOITE



PRESENTACIÓN DE ‘5 PEZAS’
NO PRINCIPAL DE COMPOSTELA

O próximo venres 6 de febreiro de 2009 ás nove da noite, Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’ presenta no Teatro Principal de Compostela cinco curtametraxes englobadas baixo o lema ‘5 pezas’.

Coa colaboración de A Caldeirada de Pedro Botero, Teatro Principal e Concello de Santiago, logo da exhibición de ‘5 pezas’ a organización convida aos asistentes a unha festa caldeirada na rúa de San Pedro, amenizada por García (Dios Ke te crew) e o Colectivo Oruga.

lunes, 2 de febrero de 2009


Rouco Varela, defensor dos poderosos
Crítica allea

Sorpresa

Por XOÁN XOSÉ MILLÁS

Ignoro se era a intención dos anunciantes, pero o do autobús ateo parece unha resposta irónica e amable a séculos de intolerancia relixiosa. O cardeal Rouco Varela, pola súa idade, debe recordar perfectamente cando neste país pedíanche o certificado de bautismo ata para ir ao baño (o de penais e o de bautismo, non sempre nesta orde). Quizais expedíaos e cobrábaos tamén o propio Rouco, dado que custaban uns cartos. Pola súa idade debe lembrar mesmo os días nos que a Igrexa dispuña do monopolio absoluto da educación (que non se trataba precisamente dunha educación para a cidadanía). Talvez non esqueceu os métodos violentos (tanto dende o punto de vista físico coma psicolóxico) cos que che incrustaban a idea de Deus (do seu Deus) por onde che entrase. Non é tan ancián como para non ter visto as procesións nas que Franco era acompañado baixo palio xunto ao Altísimo. Quizais el mesmo sostivo algún dos paus do dosel. Aínda sen coñecer a ciencia certa a súa data de nacemento, estou seguro de que lle chegaron novas das barbaridades perpetradas polos curas castrenses no exército do Xeneralísimo. Acaso nalgún momento de insomnio (á súa idade abundan) véñanlle á memoria os tribunais eclesiásticos, auténticas tabernas xurídicas nas que os ricos anulaban os seus matrimonios mentres aos pobres prohibíaselles o divorcio. Dadas as súas responsabilidades actuais, o Rouco non pode ignorar as dificultades que a Igrexa lle pon a quen, tendo sido bautizados á forza, pretenden apostatar dese Deus tan simpático (e tan hábil para os negocios). E conste que non falamos do Galileo nin da Inquisición, senón de onte mesmo, de cousas que viron persoas coma min. De aí que sorprenda tanto a súa virulenta reacción fronte a unha campaña inxenua e nada agresiva en absoluto.
[Publicado en El País, o venres 6 de xaneiro de 2009. Fotografía recollida de: www.aciprensa.com]

lunes, 26 de enero de 2009

WILLY ÉTER, A IRREALIDADE NA ESCURA REALIDADE


Por Brais do Castro

Nestes días nos que todo é rebumbio, confirmación da sinuosidade, inclemencia sobre a sensibilidade, dereitos comprimidos e dilatacións varias sobre as outras realidades que non se citan e se miran mais non se ven, quero falar de Willy Éter, dun monstro da reinvención, do reinicio, dos desgastes e do principio e do fin do espectáculo con letras douradas (que son as que máis salientan).

Definido por algúns como un ‘enfant terrible’ do teatro, noutrora «guapo, vicioso e con aire aristocrático», comezou de pallaso, cantou en grupos de rock, traballou como camareiro en lugares con nomes indefinibles e logo morreu o conto, coma quen di.

Da escaseza, inventou un tránsito, reciclouse premendo a primeira nota, a segunda e así sucesivamente: «Varrín coas miñas mans os escenarios para que actuasen outros e comecei a rematar as miñas obras».

Willy Éter iniciou unha nova xeira, trepidante, logo de ter sido unha estrela apenas nada, con renovada enerxía. E ese monstro encarcerado, coma el mesmo sentenza, polo desterro e o silencio, ademais de pola súa propia incomprensión, retornou ás táboas estremecendo as cinzas da civilización, coa teima de desviar o curso natural da sociedade.

Hai que velo e padecelo. Sentilo e atopalo nas súas bifurcacións estratosféricas. Actor atípico e irreal, ás veces irredento e iconoclasta, pronuncia frustracións a cada segundo mentres revela inxerencias producidas a golpe de latexos. Como autor, desvela páxinas poucas veces esculcadas no panorama literario da escena galega. E como director acelerou o curso das peculiaridades propias dos inquisidores burocráticos do espectáculo neste país.

En definitiva, trátase dun reconvertido con máis táboas ca Carracuca, como diría un espía; trátase dun produtor do esperpento mesturado coa irrealidade, coa xenerosidade propia dos comprometidos coa arte máis terrible e definitiva: a escena.

‘Naceu unha estrela (hai ben anos)’, ‘Willy Éter (o terror personificado)’, ‘A morte fuma opio en Whun-Yhu (2008)’ e ‘Hospital de sangue’ (2009), as súas últimas producións, reflicten parte do seu traballo no eido da escena en calidade de autor e director.

[Na imaxe de CLELIA ZUCCA, Willy Éter, segundo pola dereita, nunha das actuacións de Manicómicos en xaneiro de 2009]

lunes, 19 de enero de 2009

CURIOSIDADES URBANAS


Nas instantáneas de Clelia Zucca aprécianse as irregularidades da obra en cuestión (dous sotos, planta baixa e tres andares, nos arredores do polígono de Matogrande). Data de expedición da licenza, 9 de novembro de 2005; prazo de execución, 24 meses. Isto é, o 9 de novembro de 2007, se ben como reflicten as fotografías (esquerda), aínda nin se comezou.
A licenza, responsabilidade do Concello da Coruña, promóvea o Ministerio de Fomento.

lunes, 12 de enero de 2009

'PEACE, PLEASE'


Neste ano que comeza debemos pular para que todos os pobos do planeta acaden a súa independencia e sexan respectados con todas as garantías propias dunha sociedade global xusta e disposta a aceptar sen preámbulo ningún as realidades singulares de cada país.
O caso palestino, que non é o único, confirma a degradación da sociedade imperialista que segue a estourar con todo canto estorba aos seus fins.
Os argumentos de Israel para xustificar os seus terribles crimes coinciden en parte cos argumentos do nazismo contra os propios xudeus, que no seu día consideraron como xenocidio.
Os defensores da causa xudía consideran mesmo que a masacre palestina é necesaria dado que non conciben outro modo de atallar o ‘terrorismo’ árabe. Lembrar que, cando os xudeus loitaban por asentarse onde se achan na actualidade, o goberno clandestino xudeu (‘o Haganah’), na súa loita armada contra os británicos, colaborou cos grupos terroristas Irgún e Stern (1945), incluso voou con dinamita parte do hotel Rei David, en Xerusalén, causando preto dun centenar de mortos e algo máis de cen feridos. Varios terroristas xudeus, axustizados polo exército británico, foron considerados heroes polo Irgún.
Que defendían os xudeus? A súa independencia. E para logralo utilizaron todos os medios, incluído o denominado terrorismo. Que defenden os palestinos? A súa independencia.
De sentido común é procurar calquera meta sen empregar violencia. É máis xusto e máis positivo. Pero cando a miseria, a humillación e a escravitude percorren os corpos e as mentes dunha sociedade, o sentido común arrédase da propia natureza humana. Isto é, cando un pobo é maltratado ignominiosamente, deféndese coas súas propias armas.
A historia está aí. E é unha historia de iniquidades. Palestina loita contra o seu propio destino dende hai ben tempo. E xa vai sendo hora de cambiar a historia. De limpar os corazóns. De buscar a paz. De dialogar. E o primeiro paso debe dalo o máis forte. O débil bastante ten con sobrevivir. Peace, please.

viernes, 21 de noviembre de 2008

CURIOSIDADES 'MEDIÁTICAS'



A 'cultura' de EL PAÍS

Fratricida [do latín fratricīda]: persoa que mata ao seu irmán.


jueves, 13 de noviembre de 2008

CLELIA ZUCCA EXHIBE CON ÉXITO AS SÚAS IMAXES NO ÁGORA


A mostra fotográfica de Clelia Zucca 'Charamuscas cubanas', que permanecerá aberta no pub Ágora (rúa Orzán, 27, A Coruña) ata o vindeiro mes de decembro, asombrou aos asistentes á inauguración, que salientaban «a súa gran cor e luminosidade».
O cuartel Moncada, na actualidade denominado 26 de Xullo; o Concello de Santiago de Cuba, dende onde Fidel Castro proclamou o trunfo da Revolución; o lugar de Birán, na provincia de Holguín, onde naceu o comandante en xefe do exército rebelde, conforman parte do conxunto de imaxes inéditas da fotógrafa coruñesa. [http://www.cleliazuca.blogspot.com]


martes, 4 de noviembre de 2008

MOSTRA DE FOTOGRAFÍA SOBRE CUBA



A nosa compañeira Clelia Zucca
expón as súas imaxes no Ágora
(Orzán 27, A Coruña)

O próximo xoves día 6 de outubro, a nosa compañeira Clelia Zucca, actual coordinadora de OLLO CRÍTICO (ACE), presenta baixo o epígrafe ‘Charamuscas cubanas’ unha mostra plástica realizada integramente en Cuba (Santiago, Holguín, Trinidad, Pinar del Río, A Habana, etcétera).
A través dunha ollada fresca, a partir das oito da tarde no pub Ágora (rúa do Orzán, 27), a autora desprende, con sinxela sensibilidade e sen ánimo de crebar a harmonía natural da prosa xeográfica cubana, algunhas das faíscas captadas polo seu ‘ollo’ fotográfico.
Clelia Zucca (A Coruña, 1973), colaboradora gráfica da Gran Enciclopedia Galega e autora da cuberta do libro ‘Rebelde con causa?’ de Brais do Castro (Novos Vieiros, 2008), cultiva tamén a literatura e publicou varios contos na sección ‘Relatos de verán’ de La Voz de Galicia (‘Dúas e dúas’, 2004; ‘Camiño de Zoelae’, 2006; ‘A revolución’, 2007).