viernes, 5 de febrero de 2010

lunes, 23 de noviembre de 2009

viernes, 20 de noviembre de 2009

TEATRO PRINCIPAL DE COMPOSTELA



'Sesión especial' Cine Europa

Na XXIII edición de Cineuropa, un dos encontros do audiovisual máis salientables de Compostela (do 4 de novembro ao 2 de decembro), veranse máis dun milleiro de filmes distribuídos en catro salas (Teatro Principal, Salón Teatro, Aula Sociocultural Caixa Galicia e Fundación Caixa Galicia). O cine emerxente ten tamén a súa oportunidade e conta coa presenza de Xosé Manuel Bazarra Maneiro Sepi, que presentará no Teatro Principal (venres, 20 de novembro de 2009, as dez da noite) catro dos seus traballos.

viernes, 13 de noviembre de 2009

INCUMPRIMENTO


Na instantánea de Clelia Zucca obsérvase
o coidado e esmero que lle poñen os militares
aos símbolos franquistas

31 de decembro de 2009.

Data final para que Defensa retire os símbolos franquistas suxeitos á Lei da Memoria Histórica, caso da Biblioteca Histórico-Militar da Coruña.

Así o afirmou Constantino Méndez, secretario de Estado de Defensa. QUE SE INCUMPRÍU.


miércoles, 4 de noviembre de 2009

'Contos incendiarios'


Ilustración de XAVIER DANS MAYOR

O paradoxo dos detidos *
Por XAVIER DANS MAYOR

Transcorría o ano 2059 e dous republicanos anarquistas estaban a beber uns viños nunha adega en compaña duns compañeiros cos que mantiñan un triste faladoiro. Chegado o momento e para animar á conversación, ó que lle chamaban “Linguasolta”, espetou ós presentes co principio dun dito que aínda que ben sabido era por todos prudentemente ignorado:
―O mundo non coñecerá a xustiza ata que…
E como agochando a man despois de tirar a pedra, en contra do que era costume nel, calou, deixando a frase sen rematar, e ficou fitando ós ollos a o bo de “Bocapechada”, como agardando que completase a súa ocorrencia. “Bocapechada”, que permanecía como ausente do grupo, en troques do que lle era habitual , e para sorpresa da concorrencia, continuou e espontaneamente completou o dito:
―…o derradeiro rei morra estrangulado polo carallo do derradeiro cura.
Xa vos podedes imaxinar a gargallada xeral que provocou esta ocorrencia nos presentes, non tanto polo seu sentido, que era por todos coñecido, senón polas súas circunstancias: que “Linguasolta”, que tan paroleiro e charlatán adoitaba ser, calara, e que “Bocapechada”, tan comedido e prudente, falara sen medida. Os parabéns, os risos e os brindes sucedéronse e o bo humor retornou á xuntanza. Pero a esmorga durou pouco tempo, e os laios seguiron ás chanzas. Dous corpulentos cabaleiros, de garabata e vestidos de gris, que permanecían circunspectos nunha mesa próxima, se achegaron á xuntanza e berraron:
―Documentación!
De socato formouse un gran rebumbio. Os reunidos puxéronse axiña de pé. Con grande estrépito as cadeiras e as mesas, as xerras e as cuncas deron co chan vertendo polo andar todo o seu contido de viño e cervexa. Entrementres trataron de fuxir. A meirande parte dos camaradas o acadaron e liscaron, quitando a “Bocapechada” e “Linguasolta”, que foron presos ó ser collidos con forza polo pescozo. A súa resistencia foi inútil e inevitable a súa detención. Seica as súas consecuentes protestas e proclamas de liberdade resultaron ineficaces e soamente contribuíron a agravar a situación:
―Habédevos de arrepentir!
E sen máis preámbulos os cabaleiros de gris conduciron ós bos de “Linguasolta” e “Bocapechada” ata o cuartel máis próximo. Os dous sospeitosos foron encarcerados e arredados un do outro. O xuíz foi informado dos feitos, e aínda que estaba seguro de que eran culpables, sabía que a proba de cargo, a frase inxuriosa contra a autoridade que dixeron en público, se coñecía por casualidade e que as únicas testemuñas eran os gardas. Entón, xa que non tiña probas suficientes para culparlles durante un proceso, esixiu ós presuntos culpables que confesasen polo seu propio ben. Por separado, a cada un dos detidos, díxolles:
―Tendes dúas opcións evidentes, colaborar e delatar ó voso cómplice ou non confesar o delito e asumir as consecuencias. A policía está segura de que o cometestes. No caso de que ningún dos dous confese, declarareivos culpables, sen oportunidade de apelación, dos cargos de desordes públicas e resistencia á autoridade, imputacións que vos suporán de dous a tres anos de cadea. Se ambos os dous confesades, someterémosvos a xuízo, pero non se vos imporá a pena maior, uns seis anos a cada un, por ter colaborado coa xustiza. Poren, se un confesa e o outro non, o que confese recibirá un castigo moi leve, uns tres meses de privación da liberdade, xa que o proceso se resolvería antes; mais o que non colabore, que se vaia preparando: o castigo será exemplar, porque será axustizado na forca.
Cando “Bocapechada” ficou só no seu calabozo considerou a súa situación: «Debo confesar ou non? Unha cousa é certa, a sentenza non vai depender de min mesmo, depende tamén do que vai facer “Linguasolta”. Se minto e me nego a confesar e o meu amigo fai o mesmo a pena será a menor posible e poderemos dármonos por satisfeitos. Pero de sobra coñezo a “Linguasolta”, sei que, paroleiro de máis, non é quen de gardar un segredo. De certo que vai cantar ‘O miudiño’ ás primeiras de cambio. E logo, que me queda? Coñezo por adiantado a súa resposta, vai cantar; e se eu canto podrecemos os dous durante seis anos na cadea. Mais se eu calo e non confeso xa me podo dar por morto. Na miña man está a miña propia salvación. Pero, se por un aquel “Linguasolta” calara? Se calara e eu confesara o morto seria el. Pero el non merece morrer, ninguén merece morrer. Ben é certo que rexeito a mentira sobre tódalas cousas. Que dilema! Mentir e non confesar supón traizoar o que en min hai de máis humano. Pero a verdade condónanos a ambos os dous. Ben é certo que a honestidade e a sinceridade son uns dos alicerces nos que se fundamenta a miña persoa; son as candelas que alumean o meu espírito e rexen o meu comportamento. Pero, se tivera o valor de non seren un escravo da verdade? Ademais, para que necesitan os xuíces saber que é o que digo entre amigos? Se eu quixera que souberan, teríallo dito eu mesmo como llo dixen ós meus camaradas. Entremetéronse no noso círculo de amigos sen os ter chamados nós e sen que os teñamos feito os nosos confidentes. Arróganse o dereito de intervir nun asunto privado sen seren chamados. A autoridade quere saber, a toda costa, baixo ameazas de castigo, o que eu quero ocultar; non respecta a opinión pública; nin tan sequera a liberdade de pensamento individual. Así pois, adiante, vós, os que queredes violentar a miña vontade coa vosa. Aplicade as vosas malas artes. Interrogádeme, torturádeme, ameazádeme co escarnio público, coa condena terreal e coa condenación eterna. Podedes obrigarme a prestar un xuramento falso; pero xamais, xamais, tiraredes de min a verdade, pois eu quero mentir porque non sodes os donos da miña sinceridade. Non! Unha e mil veces non. Non atoparedes en min a un escravo da verdade, senón a un traidor á súa vontade. Cando pronunciamos aquelas palabras que poderían supor un delito de alta traizón, non queriamos que vós souberades delas. Agora mesmo hei manter a mesma vontade e non me deixarei amedrentar pola condenación, humana ou divina, da mentira. Aínda que “Linguasolta” cantara, non tanto porque sexa incapaz de gardar un segredo, senón porque non ten nada que agochar, xa que de feito non chegou a pronunciar ofensa algunha, pois o único que dixo foi o de que “o mundo non coñecería a xustiza ata que...”, e iso non e un delito polo que debera ser castigado. Eu, eu non, abofé que non confesarei unha verdade espuria que me tratan de impoñer aínda que a miña propia mentira me leve o cadaleito. A sorte está botada. Se teño que pagalas todas por todos, adiante; que paguen mentireiros por sinceros, e aquí condenación e no ceo gloria».
Esa noite “Bocapechada” durmiu placidamente, non podería seren doutro xeito, pois tiña a conciencia tranquila. Á maña seguinte, os gardas fórono espertar para levalo perante o xuíz. ”Bocapechada” acompañounos coa cabeza alta, seguro da súa determinación, cunha expresión de orgullo e honestidade, afrontando a morte cun ollar de vitoria. Entrou na sala da xunta, cego, coa mirada chantada no ceo, sen se apercibir do que os seus ollos reflectían; de feito non se decatou do sorriso de complicidade do seu compañeiro de infortunio. De contado o xuíz dirixiuse a el con gravidade:
―Xa temos a declaración do seu socio de falcatruadas, ten algo que declarar?
“Bocapechada”, branco coma un allo, estaba seguro de que “Linguasolta” tiña cantado e que a única maneira de salvar a súa vida era a confesión; pero asumindo con serenidade a súa situación, que o podería levar ó cadafalso, respondeu con determinación:
―Non teño nada que engadir á miña declaración anterior. Que sexa o que deus queira.
―Entón, négase a confesar? Decátase vostede de que pode ser condenado a morte?
―Insisto, non teño nada novo que engadir. Son inocente.
O xuíz sorprendido pola súa negativa deixou entrever un xesto de desgusto e golpeando con forza coa maza na mesa, berrou:
―O xuízo está visto para sentencia. Os acusados, consideradas as probas que hai na súa contra, son condenados por desordes públicas e atentado á autoridade a dous anos de cadea. Levántase a sesión! Que se leven ós condenados!
Pouco despois “Linguasolta” e “Bocapechada” se atoparon no patio da cadea.
―Críame aforcado. Por que non cantaches? Estaba seguro de que ías confesar como un paxariño.
―E eu estaba seguro de que ti ías a manter pechada a boca. Se eu tivera falado, como din que adoito facer, ti estarías, non coa boca pechada, senón coa lingua de fóra.
E de seguido os dous amigos déronse unha forte aperta e botaron unha gran gargallada. A partir de entón “Bocapechada” non parou de falar e “Linguasolta”, calado, non deixou de escoitar con atención.

*O caso é, que un día tal coma hoxe do ano 2089, os curas viven a corpo de rei, e uns e outros campan polos seus respectos, mentres eu máis o meu editor podrecemos nesta cadea por teren publicado esta inocente historia e negármonos a delatar ó noso impresor. Coido que este conto non vai rematar tan ben.

martes, 6 de octubre de 2009

VÍCTOR JARA


Ilustración de XAVIER DANS MAYOR

Lembrando a súa memoria

O cantautor chileno Víctor Jara Martínez, nado en 1932 na Quiriquina (comuna de Chillán Viejo, Chile), director teatral, investigador do folclore e dos instrumentos indíxenas, actor, dramaturgo e libretista, acadou sona internacional como compositor e cantante popular. De orixe labrega, herdou da súa nai a afección pola música. Orfo aos quince anos, ingresou no seminario redentorista de San Bernardo no que permaneceu durante dous anos. En 1957 ingresou na Escola de Teatro da Universidade de Chile e alí coñeceu a Violeta Parra, quen o acolleu como discípulo.
En 1960 acadou o título de director teatral e se integrou no directorio do Instituto de Teatro, dirixiu varias obras e foi distinguido como mellor director do ano. En 1967 viaxou a Gran Bretaña para recibir un novo galardón polo seu traballo teatral e alí compuxo Te recuerdo Amanda, canción dedicada aos seus pais Amanda e Manuel, un dos seus traballos máis populares: Te recuerdo Amanda, / la calle mojada, / corriendo a la fábrica / donde trabajaba Manuel. / La sonrisa ancha, / la lluvia en el pelo, / no importaba nada, / ibas a encontrarte con él, / con él, con él, con él, / que partió a la sierra / y en cinco minutos / quedó destrozado: / suena la sirena / de vuelta al trabajo, / muchos no volvieron, / tampoco Manuel. Nese mesmo ano publicou o seu primeiro álbum musical titulado Víctor Jara e un ano despois integrouse como director artístico no grupo de música popular Quilapayún. Pongo en tus manos abiertas, o seu segundo álbum (1969), coincidiu co respaldo que lle prestou á candidatura da Unidade Popular de Salvador Allende. En 1970 publicou Canto libre, El derecho de vivir en paz e La población, traballos de gran sensibilidade e forza poética que lle deron sona como un dos máis salientables persoeiros do rexurdimento e a innovación da canción popular latinoamericana.
As súas cancións tocaban temas sobre o seu pobo e os seus problemas, en liña das dos cantautores da época: o seu éxito internacional levounas máis aló do seu Chile natal para ser cantadas nas manifestacións ou concentracións universitarias progresistas de distintos países, entre eles España.
O golpe de Estado do xeneral Augusto Pinochet contra o presidente Salvador Allende (promovido polos EE UU*, 1973) sorprendeuno na Universidade Técnica do Estado (Santiago de Chile). Detido xunto a profesores e alumnos, foi trasladado ao Estadio Nacional de Santiago de Chile, onde permaneceu varios días. Segundo numerosas testemuñas, torturado durante horas, golpeado nas mans coas armas ata fracturarllas, finalmente foi cribado a balazos o 16 de setembro de 1973.
Membro do comité central das Xuventudes Comunistas de Chile ata o momento do seu asasinato, durante o seu encadeamento escribiu Somos cinco mil, ao parecer o seu último poema: Somos cinco mil / en esta pequeña parte de la ciudad. / Somos cinco mil. / ¿Cuántos seremos en total / en las ciudades y en todo el país? / Sólo aquí / diez mil manos siembran / y hacen andar las fábricas. / ¡Cuánta humanidad / con hambre, frío, pánico, dolor, / presión moral, terror y locura!
En 1990 a Comisión da Verdade e Reconciliación determinou que Víctor Jara foi cribado a balazos (44 proxectís impactaron no seu corpo), guindado o seu cadáver a unha matogueira nos arredores do cemiterio Metropolitano (as beiras da estrada 5 Sur) e trasladado posteriormente ao depósito, onde sería identificado pola súa dona, a inglesa Joan Turner.
Como triste paradoxo á súa memoria, en 2003 o recinto no que foi asasinado Víctor Jara (e miles de chilenos máis) pasaría a denominarse Estadio de Víctor Jara. E en 2009 a Corte de Apelacións de Santiago de Chile, seguindo os procedementos habituais nos casos de ditaduras (chibos expiatorios), ratificou o encarceramento do ex soldado do exército Xosé Paredes Márquez (daquela con dezaoito anos), responsabilizándoo do asasinato do intelectual chileno. Con todo, as investigacións realizadas insisten en que Víctor Jara xa estaba morto no momento en que Xosé Paredes cribou o seu corpo a balazos: «disparoulle un oficial na caluga, morrendo de contado».


* Mario Amorós [www.rebelion.org/hemeroteca/chile/030823amoros.pdf], segundo un dos documentos desclasificados, afirma que o 6 de novembro de 1970, tres días despois de que Salvador Allende asumise a presidencia de Chile, Nixon inistiu en que os EE UU debía «estragar drasticamente a economía chilena». Durante os tres anos seguintes Washington entregou case oito millóns de dólares a grupos políticos (ao Partido Demócrata Cristián e ao Partido Nacional, sobre todo) e sociais (Patria e liberdade, de caracter fascista, e organizacións empresariais e profesionais enfrontadas a Allende), así como a medios de comunicación, en especial ao influínte diario conservador El Mercurio. Estas accións encubertas complementáronse cun boicot financeiro que converteu Chile (cuxa economía dependía da estadounidense) nun ‘Vietnam silencioso’, segundo denunciou o propio presidente Salvador Allende no seu discurso ante a Asemblea Xeral das Nacións Unidas (1972). Outro documento da CIA, datado o 27 de setembro de 1972, recolle que o xeneral Pinochet (segundo algúns, antes un estrito constitucionalista) cambiou a súa forma de pensar e que Allende debe ser forzado a abandonar o poder e dispuña como únicas alternativas a súa eliminación física. Por aquel entón, na súa viaxe a Panamá, oficiais estadounidenses aclaráronlle a Pinochet que EE UU apoiaría a sublevación antigobernamental «cando chegue a hora e con todos os medios necesarios». A través da documentación desclasificada reflíctese o cable que un dos axentes da CIA enviou o 8 de setembro de 1973 aos seus superiores: «De acordo con [...], a Mariña prevé como data de inicio do movemento para derrocar ao Goberno de Salvador Allende en Valparaíso ás 08:30 do 10 de setembro. A Forza Aérea (FACH) apoiaría esta iniciativa despois de que a Armada inicie as accións para tomar a provincia de Valparaíso, dirixir un ultimato esixindo a renuncia de Allende ou ameazando con tomar Santiago [...] Logo de que a Armada emprenda esta acción contra o Goberno, a FACH silenciará as emisoras de radio gobernamentais. Ao mesmo tempo planea establecer unha cadea nacional usando as estacións radiais da oposición, tales como as emisoras Balmaceda, Minería e Agricultura».
Os miles de documentos desclasificados por EE UU confirman o extremo compromiso da súa intervención en Chile durante os anos setenta. O informe Hinchey (1974-1977), sinala ao xefe da sinistra Dirección Nacional de Intelixencia (DINA) como informador da CIA, que ademais de telo a soldada, a axencia estadounidense estudou a posibilidade de recrutalo como un dos seus axentes permanentes: Vernon Walters, subdirector da CIA, recibiuno en Washington en agosto de 1975, co fin de coidar «as boas relacións con Pinochet».

miércoles, 30 de septiembre de 2009

RELATOS Á INVERSA


O derradeiro tiro na caluga
(Xarope composto a base de folgos e latexo de persoa)
Por XAVIER DANS MAYOR

Recoñecín ó meu home polas costas, volvín os ollos para a súa cabeza e considerei con atención a vida que os homes viven. Nada encontro nela que a diferencie da vida que viven os animais. Uns mailos outros son botados inconscientemente ó remuíño do mundo. Tanto o home coma o animal se esposan a vida cun xugo e dormen aí. Nin un nin outro se liberan da lei fatal de ser como se é. Ningún transcende, ninguén chega máis aló. Somos dados.
Collín alento e seguín ó home. Tiña unha misión.
Non me avergoño de sentir así porque xa vin que todos senten así. O que pode haber de desprezo entre un home e outro home (de indiferente que permite que se mate a xente sen que se sinta que se mata, como entre os asasinos; ou sen que se pense que se estea a matar, como entre os soldados, ou coma min que... teño unha misión) é que ninguén presta a debida atención ó feito, semella que insultante, de que os outros son almas tamén. Almas que soñan.
Achegueime tanto ó home que seguía que case que se deu de conta ó sentir, na caluga, o alento da miña respiración.
Tiña unha misión e tentei a arma contra o meu peito. De súpeto sentín unha cousa semellante a tenrura por ese home, e logo o desprezo que se sente pola vulgar condición humana, sentín a xenreira pola autoridade, polo patrón capitalista, polo banqueiro, polo pequeno burgués, polo militar e o policía, polo político e os seus secuaces, pola artificialidade animal daquelas costas vestidas. Sentín desprezo, e que todos eran culpables por igual; collín folgos e tentei a arma que tiña no meu peito e o meu corazón latexou…tenteina e dubidei.
Unha nova sensación asaltoume: sentín o mesmo que se sente cando se está perante de alguén que dorme. Lembrei aquela frase que tanto me tiña repetido a miña nai cando medroso non quería durmir: «Todo o que durme e meniño de novo». E eu, agarimado, ficaba placidamente durmido. Agora penso que talvez mo dicía porque no sono non se pode facer mal ningún e polo tanto ninguén che pode facer mal. A miña nai sempre foi moi devota. Por esta razón, se non se pode dar conta da vida, o maior malfeitor, o meirande egoísta é sagrado, por unha bondade natural, en canto durme.
Latéxame o corazón e sinto que a misión curta o alento da miña respiración.
Agora as costas dese home dormen e eu tento a miña arma. El, que camiña ó meu mesmo paso diante de min, dorme. Vai inconsciente. Vive inconsciente. Dorme porque talvez sexa inocente e porque todos durmimos. Toda a vida é un soño. Ninguén sabe o que fai, ninguén sabe o que quere, ninguén sabe o que sabe. Nin eu mesmo sei quen son…mais tento a arma que está contra o meu corazón e iso me fai forte. Durmimos a vida, eternas crianzas do destino! Por iso agora sinto unha piedade compasiva por toda a humanidade infantil, por todos os homes dormentes, por todos nós, por todo…e tamén polo home que camiña por diante.
Mais eu tento a arma que levo ó carón do meu corazón e sento os folgos da miña respiración.
Desvío os ollos da caluga do home que sigo e percorro coa vista a cantos camiñan por esta rúa; en todos vexo a mesma bondade fría e absurda e reflíctome nas costas do que teño diante. Todos os camiñantes son iguais ca el, ó que ando a seguir. Todos somos levados pola mesma inconsciencia, diferenciada tan só por uns rostros e uns corpos individuais: carnes que, coma monicreques, se moven polos fíos que son tirados polo destino. Tento a arma que levo ó carón do meu peito e pregunto se o destino do que vai diante xa está escrito. Pregunto se xa o escribín eu ou se xa estaba escrito na eternidade. Miro para todos os que camiñan pola rúa e aparentan ter conciencia, e non teñen conciencia de nada, porque non teñen conciencia de ter conciencia. Eu mesmo son inconsciente: durmo e sinto o alento do meu peito e o latexo do meu corazón.
Durmo e soño que sigo as costas dun home que durme. Seica hai que perder o medo, o medo a facer dano. Acaso non é certo que nos danan a cotío sen remordementos? Que é unha vida, animal ou humana, canto vale? Somos coma formigas que andamos a seguir todas o mesmo camiño. Que acontece se esmagamos unha formiga? Nada, outra a substitúe. Canto paga unha vida no conxunto do universo? Nada. Vai parar de dar voltas ó mundo porque unha formiguiña deixe de existir? Non. Somos coma formigas. O universo todo enteiro é unha formiguiña, un non ser que se pode esmagar. Non somos nada e non paga a pena persistir no ser. Bótolle unha nova ollada ás costas do home que estou a seguir e tento a arma que levo no meu peito. Tomo alento e síntome máis forte. Teño unha misión.
E agora que me estou a facer estas reflexións, me vén ó maxín unha escura e case que esquecida escena da miña nenez. Recordo ó meu avó co polo que estivemos a alimentar coas nosas mans, e co que eu, cheo de ledicia, adoitaba a xogar, cacarexando, apertado contra o seu corpo mentres loitaba desesperadamente por fuxir. Eu debería ter escasamente trece anos e fiquei abraiado cando o meu avó me espetou de súpeto: «Xa tes idade fillo, heite facer un home!». E púxome de seguido un coitelo na miña man de cativo. Eu non entendín o que me quería dicir, era demasiado novo. Mais el, seguro do que tiña que me ensinar continuou: «Xa tes idade dabondo para aprender o que na vida hai que facer para poder comer: cúrtalle o pescozo ó polo, xa que matar e o único xeito de subsistir». Eu chorei e chorei, coas bágoas nos ollos supliqueille e prometinlle que a partir de agora seria bo e nunca máis lle faría mal ó meu irmán; pero non, non me deixou opción: «Se non sacrificas este polo agora mesmo, pasaras fame o resto da túa vida!». Non tiven saída: apertei con forza o polo contra o meu peito e corteille o pescozo sen deixar de chorar. Hoxe en día aínda sento no meu peito o latexar do seu corazón. O polo sen cabeza correu polo chan da cociña ata que, pasados uns interminables minutos, finou. A continuación, desangrámolo, metémolo nun balde con auga fervendo, desplumámolo, e a miña avoa botouno nun caldeiro. Ese día comemos polo de curral, asado, mentres eu non deixaba de chorar, pero me fixen un home!
E neste intre que me levo a man ó meu peito e tento o revólver ó carón do meu corazón, lembro a aquel polo co que xogaba. Iso me fai forte.
Teño unha arma na miña alma. E a miña alma no teu corazón.