lunes, 23 de noviembre de 2009

viernes, 20 de noviembre de 2009

TEATRO PRINCIPAL DE COMPOSTELA



'Sesión especial' Cine Europa

Na XXIII edición de Cineuropa, un dos encontros do audiovisual máis salientables de Compostela (do 4 de novembro ao 2 de decembro), veranse máis dun milleiro de filmes distribuídos en catro salas (Teatro Principal, Salón Teatro, Aula Sociocultural Caixa Galicia e Fundación Caixa Galicia). O cine emerxente ten tamén a súa oportunidade e conta coa presenza de Xosé Manuel Bazarra Maneiro Sepi, que presentará no Teatro Principal (venres, 20 de novembro de 2009, as dez da noite) catro dos seus traballos.

viernes, 13 de noviembre de 2009

INCUMPRIMENTO


Na instantánea de Clelia Zucca obsérvase
o coidado e esmero que lle poñen os militares
aos símbolos franquistas

31 de decembro de 2009.

Data final para que Defensa retire os símbolos franquistas suxeitos á Lei da Memoria Histórica, caso da Biblioteca Histórico-Militar da Coruña.

Así o afirmou Constantino Méndez, secretario de Estado de Defensa. QUE SE INCUMPRÍU.


miércoles, 4 de noviembre de 2009

'Contos incendiarios'


Ilustración de XAVIER DANS MAYOR

O paradoxo dos detidos *
Por XAVIER DANS MAYOR

Transcorría o ano 2059 e dous republicanos anarquistas estaban a beber uns viños nunha adega en compaña duns compañeiros cos que mantiñan un triste faladoiro. Chegado o momento e para animar á conversación, ó que lle chamaban “Linguasolta”, espetou ós presentes co principio dun dito que aínda que ben sabido era por todos prudentemente ignorado:
―O mundo non coñecerá a xustiza ata que…
E como agochando a man despois de tirar a pedra, en contra do que era costume nel, calou, deixando a frase sen rematar, e ficou fitando ós ollos a o bo de “Bocapechada”, como agardando que completase a súa ocorrencia. “Bocapechada”, que permanecía como ausente do grupo, en troques do que lle era habitual , e para sorpresa da concorrencia, continuou e espontaneamente completou o dito:
―…o derradeiro rei morra estrangulado polo carallo do derradeiro cura.
Xa vos podedes imaxinar a gargallada xeral que provocou esta ocorrencia nos presentes, non tanto polo seu sentido, que era por todos coñecido, senón polas súas circunstancias: que “Linguasolta”, que tan paroleiro e charlatán adoitaba ser, calara, e que “Bocapechada”, tan comedido e prudente, falara sen medida. Os parabéns, os risos e os brindes sucedéronse e o bo humor retornou á xuntanza. Pero a esmorga durou pouco tempo, e os laios seguiron ás chanzas. Dous corpulentos cabaleiros, de garabata e vestidos de gris, que permanecían circunspectos nunha mesa próxima, se achegaron á xuntanza e berraron:
―Documentación!
De socato formouse un gran rebumbio. Os reunidos puxéronse axiña de pé. Con grande estrépito as cadeiras e as mesas, as xerras e as cuncas deron co chan vertendo polo andar todo o seu contido de viño e cervexa. Entrementres trataron de fuxir. A meirande parte dos camaradas o acadaron e liscaron, quitando a “Bocapechada” e “Linguasolta”, que foron presos ó ser collidos con forza polo pescozo. A súa resistencia foi inútil e inevitable a súa detención. Seica as súas consecuentes protestas e proclamas de liberdade resultaron ineficaces e soamente contribuíron a agravar a situación:
―Habédevos de arrepentir!
E sen máis preámbulos os cabaleiros de gris conduciron ós bos de “Linguasolta” e “Bocapechada” ata o cuartel máis próximo. Os dous sospeitosos foron encarcerados e arredados un do outro. O xuíz foi informado dos feitos, e aínda que estaba seguro de que eran culpables, sabía que a proba de cargo, a frase inxuriosa contra a autoridade que dixeron en público, se coñecía por casualidade e que as únicas testemuñas eran os gardas. Entón, xa que non tiña probas suficientes para culparlles durante un proceso, esixiu ós presuntos culpables que confesasen polo seu propio ben. Por separado, a cada un dos detidos, díxolles:
―Tendes dúas opcións evidentes, colaborar e delatar ó voso cómplice ou non confesar o delito e asumir as consecuencias. A policía está segura de que o cometestes. No caso de que ningún dos dous confese, declarareivos culpables, sen oportunidade de apelación, dos cargos de desordes públicas e resistencia á autoridade, imputacións que vos suporán de dous a tres anos de cadea. Se ambos os dous confesades, someterémosvos a xuízo, pero non se vos imporá a pena maior, uns seis anos a cada un, por ter colaborado coa xustiza. Poren, se un confesa e o outro non, o que confese recibirá un castigo moi leve, uns tres meses de privación da liberdade, xa que o proceso se resolvería antes; mais o que non colabore, que se vaia preparando: o castigo será exemplar, porque será axustizado na forca.
Cando “Bocapechada” ficou só no seu calabozo considerou a súa situación: «Debo confesar ou non? Unha cousa é certa, a sentenza non vai depender de min mesmo, depende tamén do que vai facer “Linguasolta”. Se minto e me nego a confesar e o meu amigo fai o mesmo a pena será a menor posible e poderemos dármonos por satisfeitos. Pero de sobra coñezo a “Linguasolta”, sei que, paroleiro de máis, non é quen de gardar un segredo. De certo que vai cantar ‘O miudiño’ ás primeiras de cambio. E logo, que me queda? Coñezo por adiantado a súa resposta, vai cantar; e se eu canto podrecemos os dous durante seis anos na cadea. Mais se eu calo e non confeso xa me podo dar por morto. Na miña man está a miña propia salvación. Pero, se por un aquel “Linguasolta” calara? Se calara e eu confesara o morto seria el. Pero el non merece morrer, ninguén merece morrer. Ben é certo que rexeito a mentira sobre tódalas cousas. Que dilema! Mentir e non confesar supón traizoar o que en min hai de máis humano. Pero a verdade condónanos a ambos os dous. Ben é certo que a honestidade e a sinceridade son uns dos alicerces nos que se fundamenta a miña persoa; son as candelas que alumean o meu espírito e rexen o meu comportamento. Pero, se tivera o valor de non seren un escravo da verdade? Ademais, para que necesitan os xuíces saber que é o que digo entre amigos? Se eu quixera que souberan, teríallo dito eu mesmo como llo dixen ós meus camaradas. Entremetéronse no noso círculo de amigos sen os ter chamados nós e sen que os teñamos feito os nosos confidentes. Arróganse o dereito de intervir nun asunto privado sen seren chamados. A autoridade quere saber, a toda costa, baixo ameazas de castigo, o que eu quero ocultar; non respecta a opinión pública; nin tan sequera a liberdade de pensamento individual. Así pois, adiante, vós, os que queredes violentar a miña vontade coa vosa. Aplicade as vosas malas artes. Interrogádeme, torturádeme, ameazádeme co escarnio público, coa condena terreal e coa condenación eterna. Podedes obrigarme a prestar un xuramento falso; pero xamais, xamais, tiraredes de min a verdade, pois eu quero mentir porque non sodes os donos da miña sinceridade. Non! Unha e mil veces non. Non atoparedes en min a un escravo da verdade, senón a un traidor á súa vontade. Cando pronunciamos aquelas palabras que poderían supor un delito de alta traizón, non queriamos que vós souberades delas. Agora mesmo hei manter a mesma vontade e non me deixarei amedrentar pola condenación, humana ou divina, da mentira. Aínda que “Linguasolta” cantara, non tanto porque sexa incapaz de gardar un segredo, senón porque non ten nada que agochar, xa que de feito non chegou a pronunciar ofensa algunha, pois o único que dixo foi o de que “o mundo non coñecería a xustiza ata que...”, e iso non e un delito polo que debera ser castigado. Eu, eu non, abofé que non confesarei unha verdade espuria que me tratan de impoñer aínda que a miña propia mentira me leve o cadaleito. A sorte está botada. Se teño que pagalas todas por todos, adiante; que paguen mentireiros por sinceros, e aquí condenación e no ceo gloria».
Esa noite “Bocapechada” durmiu placidamente, non podería seren doutro xeito, pois tiña a conciencia tranquila. Á maña seguinte, os gardas fórono espertar para levalo perante o xuíz. ”Bocapechada” acompañounos coa cabeza alta, seguro da súa determinación, cunha expresión de orgullo e honestidade, afrontando a morte cun ollar de vitoria. Entrou na sala da xunta, cego, coa mirada chantada no ceo, sen se apercibir do que os seus ollos reflectían; de feito non se decatou do sorriso de complicidade do seu compañeiro de infortunio. De contado o xuíz dirixiuse a el con gravidade:
―Xa temos a declaración do seu socio de falcatruadas, ten algo que declarar?
“Bocapechada”, branco coma un allo, estaba seguro de que “Linguasolta” tiña cantado e que a única maneira de salvar a súa vida era a confesión; pero asumindo con serenidade a súa situación, que o podería levar ó cadafalso, respondeu con determinación:
―Non teño nada que engadir á miña declaración anterior. Que sexa o que deus queira.
―Entón, négase a confesar? Decátase vostede de que pode ser condenado a morte?
―Insisto, non teño nada novo que engadir. Son inocente.
O xuíz sorprendido pola súa negativa deixou entrever un xesto de desgusto e golpeando con forza coa maza na mesa, berrou:
―O xuízo está visto para sentencia. Os acusados, consideradas as probas que hai na súa contra, son condenados por desordes públicas e atentado á autoridade a dous anos de cadea. Levántase a sesión! Que se leven ós condenados!
Pouco despois “Linguasolta” e “Bocapechada” se atoparon no patio da cadea.
―Críame aforcado. Por que non cantaches? Estaba seguro de que ías confesar como un paxariño.
―E eu estaba seguro de que ti ías a manter pechada a boca. Se eu tivera falado, como din que adoito facer, ti estarías, non coa boca pechada, senón coa lingua de fóra.
E de seguido os dous amigos déronse unha forte aperta e botaron unha gran gargallada. A partir de entón “Bocapechada” non parou de falar e “Linguasolta”, calado, non deixou de escoitar con atención.

*O caso é, que un día tal coma hoxe do ano 2089, os curas viven a corpo de rei, e uns e outros campan polos seus respectos, mentres eu máis o meu editor podrecemos nesta cadea por teren publicado esta inocente historia e negármonos a delatar ó noso impresor. Coido que este conto non vai rematar tan ben.