martes, 3 de marzo de 2009

ELECCIÓNS GALEGAS 2009


Un paso atrás,

dous adiante


Por CLELIA ZUCCA

A esquerda nacionalista debe reflexionar sobre o acontecido nas eleccións autonómicas de 2009, realizar unha profunda autocrítica e establecer novos criterios para xerar variables que contribúan á reformulación dun marco político dirixido ao cambio real da sociedade galega menos favorecida. Porque diso se trata? Ou non?

Primeiro debe preguntarse por qué non foi quen de acadar cotas máis salientables de representación no Parlamento galego e a quen representa verdadeiramente.

Galiza é un país que leva unha eternidade suxeito a manipulacións de todo tipo. Non é necesario arredarse moito para atopar as numerosas e singulares curiosidades que confiren especial atención á peculiaridade propia desta terra e das súas xentes. Aquela frase de Castelao «mexan por nós e dicimos que chove», na actualidade áchase rigorosamente ligada á idiosincrasia particular deste territorio. Cando un se descoida, aparecen ‘nubes’ a destro e sinistro, en forma de caciques, que mexan por riba das nosas cabezas.

E xa vai sendo hora de que isto remate definitivamente.

Pois a cuestión da autocrítica debe comezar agora mesmo. Sen agardar nin un minuto máis.

Por qué Galiza é novamente caldo de cultivo para a dereita non é difícil de albiscar. Neses catro anos nos que o nacionalismo de ‘esquerda’ gobernou co estatalismo, non só non contribuíu a fortalecer as súas posicións, senón que aproveitou o poder para situarse á mesma altura ca os seus contrincantes aos que tanto criticou, xustamente, con anterioridade.

E desexa realmente o Bloque, reconverterse, reflectirse noutro papel que non semelle unicamente unha formalidade electoral: unha formación centrista, que recolla o voto de todo canto se lle pegue, como se de un imán se tratase, perdendo a súa propia identidade, a súa vontade de unir a esa clase da sociedade que máis necesita de atención, dada a crueza do capitalismo, ou o Bloque só quere gobernar, ter o poder e conservalo pese a quen pese?

Esa é a pregunta. Se é afirmativa, está claro que o Bloque vai polo camiño adecuado, se ben debe disputar o poder ás dúas formacións estatais que o superan en escanos e que van en busca do mesmo, cos mesmos argumentos (PP e PSOE, malia que se lles adxudique o seu dirixismo dende Madrid), e debe loitar arreo e ser moito máis imaxinativo para acadar unha representación suficiente (con alianzas ou non). En todo caso, sería máis do mesmo.

No caso de que o Bloque (e máis claramente, a Unión do Pobo Galego) considerase outra opción, a alternativa á dereita, debería revisar toda a súa política: a) dirixirse unicamente aos máis desfavorecidos sen chiscarlle o ollo a outras capas sociais (ben representadas xa polas formacións de dereita); b) non buscar máis homologación que a promovida a través deses intereses máis cativos, agás acaso a dalgúns estamentos progresistas da sociedade, sen ánimo de lucro, e c) realizar unha política netamente de esquerda como primeiro paso, e de independencia sen ambaxes como continuidade dun fin que defina con claridade a realidade social que pretenden cambiar.

Sen dúbida, esta segunda opción sería moito máis lenta: o Bloque non lograría o poder a curto nin a medio prazo, se ben chegaríalle de seguro a oportunidade e sería a alternativa máis honrada.

Cómpre salientar tamén que o Bloque debería ter en conta a existencia doutros grupos, como Nós-Unidade Popular ou a Fronte Popular Galega, que configuran o panorama galego de esquerda e que pretenden a independencia. Tal e como está o deseño da política galega, así como a escasa conciencia colectiva sobre a súa realidade social, parece que estragar as posibilidades doutras formacións como as citadas, confírelle á dereita o referendo para estigmatizar a frase de Carlos Marx de que as eleccións burguesas só serven para que cada catro anos o pobo decida quen o vai a esmagar durante ese período de tempo.