jueves, 14 de mayo de 2009

TVE: MANIPULACIÓN SEN VERGONZA


Mestre (dereita) e discípulo
da arquitectura social de España


Por Brais do Castro

A televisión pública do Estado español cando manipula nin se ruboriza. E sábeo facer ben dado o seu currículo ao longo da súa vida (con ditador oficial ou con ditadores formais). Hai algo que arrepía ao Estado español: a liberdade de expresión. Non a entende porque non hai forma de entendela no contesto ‘nacional’ da denominada España-Patria-Única-Indivisible.
Que medo hai a que España se escache? Non hai nada máis ruín e raposeiro que impor calquera situación a forza de negar, esquecer, borrar, tapar ou violentar. Non hai nada máis intolerante que a propia intolerancia. Nin nada máis extremo que a forza da imposición por decreto.
España, segundo Franco, denominábase Unha-Grande-Libre, o que agradaba a unha gran maioría da súa sociedade, consciente ou inconscientemente. Na actualidade, Es-pa-ña, coa boca grande, mantén semellantes sinais de identidade: grande e unha. O de libre xa é innecesario dada a debilidade do vocábulo.
Esta España de ‘marca maior’ esixe respecto a símbolos pasados que xamais respectaron á vontade popular. E esta España pretende ser reflexo compacto dun mundo que a cotío se vai anovando, desprendéndose do seu pasado incerto e intolerante.
Seguindo o proceso evolutivo da historia, esta España desaparecerá algún día. O mesmo que desapareceron outras ‘españas’. E cando ese día chegue, esta España deberá, como mínimo, avergonzarse pola súa falta de sensibilidade e pola escasa consideración e respecto cara ás realidades sociais homólogas.