jueves, 22 de mayo de 2008



INDEPENDENCIA!

«Só independentes seremos iguais»

BRAIS DO CASTRO.- A declaración de independencia dos Estados Unidos de América (4 de xullo de 1776), expresa o seguinte: «Cando no decurso dos acontecementos humanos se fai necesario para un pobo disolver os vínculos políticos que o tiñan ligado a outro e acomodar entre todas as nacións da terra o posto arredado e igual ao que as leis da natureza e o deus desa natureza danlle o dereito, un xusto respecto ao xuízo da humanidade esixe que declare as causas que o impulsan ao arredamento». Isto é: os Estados Unidos de América declaraban, por medio dos seus representantes, que non lle recoñecían ao Reino Unido da Gran Bretaña e Irlanda do Norte máis ca a súa posición como país igual, pese a que a monarquía británica consideraba que ‘as colonias’ pertencían ao seu imperio, que eran parte da súa nación. Nesa mesma declaración, no preámbulo, engádese «que todos os homes son creados iguais [...] con certos dereitos inalienables, que entre estes están a vida, a liberdade e a busca da felicidade, e que para garantir estes dereitos establécense os gobernos entre os homes, gobernos que derivan os seus poderes lexítimos do consentimento dos gobernados, e que cando calquera forma de goberno destrúa estes principios, o pobo ten o dereito de reformala ou abolila e instituír un novo goberno que se funde neses principios e a organizar os seus poderes na forma que ao seu xuízo ofreza as maiores posibilidades de acadar a súa seguridade e felicidade». Incluso para que non apareza ningún sego de extremismo, Thomas Jefferson, un dos principais autores da declaración, matiza: «A prudencia, claro está, aconsellará que non se muden gobernos establecidos de antigo por motivos leves e transitorios. E, en efecto, a experiencia demostrou que a humanidade está máis afeita a padecer, mentres os males sexan tolerables, ca a facer xustiza abolindo as formas á que se acha acostumada. Pero cando unha longa serie de abusos e usurpacións, dirixidos invariablemente ao mesmo obxectivo, evidencia o designio de someter ao pobo a un despotismo absoluto, ‘é o seu dereito, é o seu deber, derrocar ese goberno’ e provir de novas salvagardas para a súa futura seguridade».
Esta, dalgún xeito, foi a explicación dada polos ‘independentistas’ para desfacerse da monarquía británica, logo unha longa serie de abusos e usurpacións, o dereito do pobo é derrocar ese goberno. Dereito que utilizaron acadando finalmente a independencia.
A Constitución dos Estados Unidos de América (1787), unha das máis salientadas polo conservadorismo de facto, mantén que o pobo ten o dereito de defenderse ante calquera perigo ou ameaza contra a súas liberdades e incluso concede aos seus cidadáns potestade para portar armas. Tal consideración obedece, sobre todo, á preservación da súa independencia, lograda logo dunha cruenta guerra que finalmente acabou arredando aos ‘monárquicos’ obsoletos e orixinando unha nova carta de identidade social que pouco ou nada tiña que ver coa configuración gobernamental do imperio británico: «Nós, o pobo dos Estados Unidos de América, coa fin de constituír unha Unión máis perfecta, establecer xustiza, afirmar a tranquilidade interior, acomodar a defensa común, promover o benestar xeral e asegurar para nós mesmos e para os nosos descendentes os beneficios da liberdade, estatuímos e sancionamos esta Constitución para os Estados Unidos de América».
Malia que o método ‘democrático’ non deixa de ser, de momento, outro elo máis para impedir que a sociedade avance no seu conxunto (Por que uns poucos si e uns moitos non?) e para que decidan só os grupos organizados arredor dos intereses minoritarios, a teoría é positiva, dado que posibilita a rebelión.
Ben, isto acontece nos Estados Unidos de América. E parece que tomaron boa nota nun lugar denominado España, cando un grupo de rebeldes alzouse contra o goberno lexitimamente constituído a través das furnas permanecendo no poder ata a morte do seu patrón. Aquela Constitución (1931), consideraba no seu artigo 1: «España é unha República democrática de traballadores de toda clase, que se organiza en réxime de liberdade e de xustiza. Os poderes de todos os seus órganos emanan do pobo». E a cuestión é: se os poderes emanan do pobo cómo un fato de militares pagados pola banca catalá e outras se atreveron a rebelarse?
E outra pregunta: Tiñan razón os rebeldes? Porque se a tiñan e obraban en consideración coa súa condición de salvadores dos dereitos individuais da sociedade, deberían ser considerados heroes e benfeitores da patria. Polo contrario, se non tiñan razón e o seu foi só un enfrontamento para salvagardar uns determinados intereses deberían ser xulgados e encadeados e toda a súa descendencia arredada dos seus dereitos e bens.
Mais sabemos que nada diso aconteceu. Coñecemos a historia. O mesmo ca antes era contada dun determinado xeito, na actualidade parece quererse contar doutro, pero finalmente ambos os dous coinciden: España, unha grande e libre.
E hai algo que non cadra: se o xeneral Franco era un terrorista, por qué o seu sucesor aparece na cúpula do Estado español? Acaso hai distintos matices para o termo terrorismo? Vale para uns e non vale para outros?
E unha anécdota máis. A Hispania dos fenicios, dos romanos, a provincia do imperio, a España dos Reis Católicos que ten que ver co século XXI? Na actualidade, numerosos países que no pretérito non dispuñan de identidade propia tenden á busca da súa independencia. A historia mostra a cotío exemplos deste tipo. Pasou antes, pasará agora e será no futuro. A historia faise así. A cambios. Non hai ningún arame que poida soportar a forza da natureza. E cando alguén se empecina en loitar contra a corrente, finalmente sae malparado.
En definitiva, ese papel pechado, escrito e confabulado polo medo a perder o que xa non había, volveunos novamente orfos das iniquidades do pretérito e lévanos unha vez máis aos tempos de Castela e Aragón: ás ditaduras (á Inquisición formalizada). Está claro que na teoría achámonos no século XXI e que a sociedade ‘avanzou’ e que as revolucións carecen de sentido, as revolucións de antano, as de matar e morrer. O que non está tan claro é que debamos esquecer as revolucións, as revolucións das ideas que, finalmente, son quen marcan as pautas.
Pois ben, vindo ao principio, non é necesario ningún papel, ningún escrito que explique os nosos dereitos, os dereitos individuais, universais. Cando algo se escribe e se pecha é porque carece de confianza. Ningunha constitución, regulamento, normativa, decreto, etcétera, pode máis ca cada un de nós. Os nosos dereitos non están en papel ningún. Están nos nosos corazóns. Que é o único que o ser humano posúe en liberdade. E os nosos corazóns din que non hai ningunha Hispania (como a denominaban antigamente, ou España, como a sinalan agora) que nos impida considerarmos independentes desa ‘unha grande e libre’.
É certo que Galiza soportou e aínda soporta toda clase de aldraxes externos. E ben seguro que deberá soportar algúns máis. Pero como dicía Castelao (nada sospeitoso de terrorismo, como na actualidade interpretan calquera opinión contraria á dos grupos de presión establecidos): «Hoxe temos fe no noso pobo, e máis logo o noso pobo terá fe en nós». Ou Ramón Cabanillas: «Coa estrela nunha man, coa fouce noutra; berremos alto e forte: A nosa terra é nosa!». E ninguén vainos impedir que quedemos canda ela.
Conclusión: Galiza non é España. Galiza é Galiza. Sen exércitos imperiais nin territoriais, nin cousas polo estilo dos séculos pasados. Galiza, máis cedo ca tarde, será independente. E sen violencia. Pese a quen pese.