lunes, 30 de marzo de 2009


'Mirada allea'

A traballar, carallo!

Por XOÁN XOSÉ MILLÁS

No que a acción política ten de relato, aparecen insoportables mostras de esgotamento. Non é posible ofrecer aos espectadores (a iso quedamos reducidos os votantes) o mesmo guiso narrativo, requentado ao microondas, durante semanas (caso, por exemplo, do asunto de Kosovo). Métanse vostedes, os actores (a iso quedaron reducidos os políticos) nos zapatos dun cidadán en paro que leva sete días escoitando que se Kosovo si, que se Kosovo non, que se as formas, que se o fondo, que se agora estamos de acordo, que se agora discrepamos. E así un día e outro, unha hora e outra. Semella unha serie de TV atascada, unha serie de repetición, unha merda. Se iso ocorre nun asunto no que están de acordo, que tortura non nos infrinxirán cando discutan? Non hai nada peor para un relato que a previsión e son vostedes máis previsibles ca un mal chiste.

Tan previsibles son que nos acaban de confirmar o que sospeitabamos: que de 350 deputados só 34 teñen dedicación exclusiva (o resto vai cando hai votacións). Polo visto, corenta e seis millóns de cidadáns non se merecen 350 representantes a xornada completa. Resulta que o escano é unha chave para abrir portas, para sacar un sobresoldo. Iso si que é un escándalo, iso si que merecería dúas semanas de debate. Aí teñen a Michavila forrándose, a Pizarro forrándose, a López-Amor forrándose, a Ánxelo Aceves forrándose... Un comprende que lles falte tempo para construír o noso benestar, que (falando de incompatibilidades) é incompatible co seu. Pero vostedes coñecen a situación? Están ao tanto do que pasa? Teñen idea do que é o medo a quedarse sen traballo, o pánico á cola do paro, o terror a que o caixeiro automático devolva a túa tarxeta de crédito? Xa abonda, carallo, póñanse a traballar.
[Publicado en El País, venres 27 de marzo de 2009 / Orixinal da montaxe fotográfica: El País]