viernes, 29 de mayo de 2009

AFONSO SASTRE


Afonso Sastre: «Hai escritores servís»

Exquisito. Á hora. Afonso Sastre, con 62 anos entre as súas canas, é un perfecto coñecedor da loita contra a indiferenza. Falar con el non é máis ca unha agradable sensación de vida. Recicla as culturas. Deféndeas. Ámaas. «Sería bonito ter amigos en todas partes». É a súa cariñosa despedida.

Afirma que a indefensión dos autores fronte ao sistema non é algo novo. «Calquera exploración que se realice pola historia da vida cotiá», engade, «do teatro, dos problemas presentados como os máis graves en cada momento, reflicten como resultado que as cousas foron sempre así, máis ou menos, pero sempre así».

Cando se trata do teatro español, está de acordo en que en ningún momento se institucionalizou o xeito do acceso das novas promocións á vida do teatro, «en calquera dos planos: dirección, autores, escenografía, etcétera».

Sastre coida que a aprendizaxe non é fácil, que aínda non se resolveu o problema. E no caso de pasar por unha aprendizaxe conveniente, que si é necesaria no caso dos actores, o seguinte paso, a incorporación ao teatro profesional, «sempre significa unha crise», di. E engade: «Non se acadou unha fórmula de acceso que normalizara estes oficios».

Relaxado no sofá do hotel, repousando a súa cabeza sobre o ombreiro, falamos de conflitos. Entende que no teatro profesional, «ademais desas dificultades correntes que ten calquera escritor, existen outras. No meu caso está o feito de que eu me distinguín dalgún xeito na organización da loita antifranquista, isto é, que duplicaba os problemas habituais. Tiñamos o problema de que eramos escritores e ademais o engadido de que eramos escritores antifascistas». O comentario da súa posible relación con ETA recibe unha sinxela resposta, significando que «non hai tal cousa». E que el mesmo tratará sobre iso na súa propia biografía, na que incluirá «varios temas máis, que prefiro non adiantar».

Na súa opinión, a institución teatral é moi reaccionaria, «moi conservadora e mira con escasa sensibilidade as ofertas que lle presentan algunhas persoas sobre cambios radicais». E asegura «que os problemas seguen a ser importantes» no trato coas institucións, incluso, di, «para un autor coma min, que son coñecido». Os novos, naturalmente, han duplicar os problemas, «dado que se tratan de estrear a súa primeira obra, téñeno francamente difícil».

Entre a ditadura e a democracia formal hai certa diferenza. Cambiaron algunhas cousas: «En certo modo agora non temos os problemas de antes: desapareceu a censura». Se ben, afonda: «Agora pódese escribir, teoricamente, en liberdade, pero na práctica prodúcense resistencias que proceden do carácter conservador da institución teatral e mesmo dos intereses políticos en xogo e que xa posúen carácter democrático formal, cos que se pode entrar en conflito polo feito de que un teña o pensamento máis radical, más de esquerda».

Cando falamos de obxectivos, explica que non ousa soñar cunha situación óptima «na que calquera escritor esquecese os problemas». E prosegue: «Na medida en que hai un compoñente crítico no traballo literario, coido que ese compoñente o traslada a un cara a unha posición crítica, se ben non é sempre así. Non todos os escritores están nesa posición. Hai escritores que se arriman ao poder, forman parte da servidume do poder. Isto tamén sucede. Pero quen se nega a formar parte da servidume do poder está sempre nunha situación de observación crítica do que acontece. E claro, iso é desagradable para o poder: o terte aí como unha especie de moscardo circulando ao teu redor, zumbando as súas críticas en torno ás realizacións que o poder pretende como óptimas», engade.

É de posicións críticas. E deféndeas. Afirma, mesmo, que «seguimos a ter problemas para desenvolver a nosa vida».

Que ten o poder para que unha vez instalado ese poder, incluso cando no ámbito dese poder se inclúen persoas que outrora foron críticas, antes do seu acceso ao poder, ese poder se transforme nun aparato conservador e reaccionario?
Sastre pregúntase tamén por qué acontece iso. «Persoas que onte vían claras moitas cousas, cando estaban na oposición crítica ao poder, unha vez que se establecen como poder mudan a súa filosofía converténdose tamén en parte do aparato conservador. Malia todo, nós tamén somos quen de imaxinar un tipo de poder revolucionario capaz de ser exercido sen consolidarse como unha institución conservadora, pero está por ver que as cousas acontezan desa maneira. Non obstante parece metafisicamente posible un poder con características diferentes ás dos poderes políticos que nós coñecemos, se ben os datos da propia experiencia convídannos a un certo pesimismo. Con todo, eu persoalmente, non desisto da esperanza de que cambien as cousas. Non me abato, pese a que, por exemplo, se dean casos como os que vimos nos últimos anos, como que o Partido Socialista Obreiro Español, que preconizaba a saída da OTAN, unha vez instalado no poder cambia absolutamente de opinión e decide que o mellor é que o Estado español se integre na OTAN».

Nada é definitivo, pese a todo. E Afonso Sastre aínda cre que existe a oportunidade para mudar o rumbo, «porque ma vida hai que crer en algo, dado que doutro xeito pasaríamos a ser uns desesperados, uns escépticos». E segue a ser marxista. Mais non un marxista de partido, un formalista, senón un creador de vida: «Eu xa era marxista antes de ler a Marx».

Das súas lembranzas, quizais o que describe con máis intensidade, son aqueles anos da guerra civil: «Os meus primeiros recordos refírense á guerra. Os tres anos de guerra que pasei en Madrid son recordos imperecedoiros. A fame. A fame que pasou o pobo de Madrid durante aqueles tres anos. E o terror que sufrimos baixo os bombardeos franquistas, que tiñan un carácter absolutamente indiscriminado: bombardeaban á poboación sen ningún escrúpulo. Lembranzas asociadas á fame e ao terror habitan moito na miña memoria daqueles anos».

Sen embargo non garda rancor a ninguén. Pese ao seu paso polo cárcere en dúas ocasións: «Primeiro durante un mes. E logo durante oito meses e medio. Foron episodios moi desagradables, nos que puxen a proba unha serie de enerxías que un ten, que un nega e ignora ata que se ve na necesidade de empregalas».
[Texto: Manuel Carballido, 1988 Tradución: Clelia Zucca]

SASTRE SALVADOR, Afonso. (Madrid, 1926). Cultiva todos os xéneros literarios (teatro, narrativa, ensaio e poesía e escrita de guións) e é autor de numerosos libros. Opositor á ditadura franquista, militou no Partido Comunista de España ata 1970. En 2009 foi elixido candidato de Iniciativa Internacionalista-Solidariedade entre os Pobos (II-SP) ás eleccións europeas, nunha lista conxunta na que está integrado o escritor vigués Xosé Luís Méndez Ferrín.