domingo, 13 de abril de 2008






VIVA A REPÚBLICA!

A partir da proclamación da Segunda República [14 de abril de 1931] comezou un proceso de cambios lexislativos renovadores nos eidos educativo, agrario ou territorial, acelerados coa vitoria das candidaturas da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936. En Galiza díxose si tamén á autonomía. E Castelao advertiu que cando a dereita «decatouse de que sabiamos e queriamos nos gobernar, de que non eramos tan parvos, chamou polas catro bestas do ‘apocalipse’ e desatou o terror». Segundo Máiz Vázquez, a escusa proporcionouna o trunfo da ‘fronte popular’, que agudizou a «forte tensión social e política que se viña arrastrando dende abril de 1931». Foron uns «militares afeitos ao intervencionismo político, en conivencia cos sectores máis conservadores, reaccionarios e tradicionalistas da sociedade civil e a bendición da Igrexa católica» quen estragaron as liberdades constitucionais. Con anterioridade, en agosto de 1932, o xeneral Sanjurjo xa tentara derrocar a nova República «co esquema clásico do pronunciamento militar do século XIX, o mesmo que o xeneral Primo de Rivera reproducira con éxito en 1923, malia que poucos seguiron a Sanjurjo e tomou o camiño do exilio».
A belixerancia entre os antirrepublicanos contra as organizacións de esquerda sinalou novamente a Galiza quen, xunto con Asturias [outubro de 1934], produciu máis accións revolucionarias. «Esas conspiracións militares con apoio civil comunicáronselle reiteradamente ao goberno [da República] a través das organizacións políticas e sindicais agrupadas na Fronte Popular da Coruña, Vigo e Ferrol, que percibiron axitación nos cuarteis dende os días finais de febreiro, en marzo e nos inicios de abril de 1936; reunións nos cuartos de bandeiras dos cuarteis do Exército e nas comandancias da garda civil da Coruña e Ourense, consignas golpistas que circulaban en determinados medios da Armada, fascistas que se armaban, etcétera». Pero aínda que se descubriu a conspiración nun primeiro momento, tampouco parece que o goberno lexítimo a tomara moi en serio, malia que si o era. « A práctica totalidade dos xefes e oficiais do Exército, da Armada e das forzas policiais, por convición ou por unha absurda obediencia á disciplina
xerárquica, participaron na rebelión». Parece que apenas dous xenerais, un contraalmirante, tres coroneis, un capitán de navío, dous tenentes coroneis, sete comandantes, catorce capitáns, dous tenentes de navío, máis oficiais menores e suboficiais mantiveron o seu xuramento de fidelidade á legalidade republicana, fidelidade que lles custou a vida ou a perda de liberdade.
De aí que mentres nas rúas producíanse atentados e enfrontamentos entre os fascistas e as milicias obreiras, entre os días 5 e 12 de xullo de 1936, «durante unhas manobras militares no daquela Marrocos español, os enlaces dos conspiradores deran xa os últimos toques». Sábese que o día 11 saíra de Londres rumbo ás Canarias o avión inglés que transportaría a Franco a Marrocos. O xeneral, que se denominaría logo ‘xeneralísimo’, destruiría á República e todo canto significaba. E á súa morte sucederíao un monarca instituído por el mesmo, sen sinal ningunha de protesta polos denominados políticos ‘da transición’.
En 2008 aínda non foi restaurada esa República democrática. E no seu lugar o Estado dispón dos restos daquel ditador que morreu de vello: un monarca. Iso si, a algúns xuíces preocúpalles o que sucedeu noutros lugares (Arxentina ou Chile), pero non o que aconteceu no seu propio país. BRAIS DO CASTRO. Fontes: Gran Enciclopedia Galega / BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ.