jueves, 11 de septiembre de 2008

SALVADOR ALLENDE


O 11 de setembro cúmprense 35 anos

do golpe militar en Chile

Por BRAIS DO CASTRO


O presidente chileno Salvador Allende Gossens (Valparaíso, 1908-Santiago, 1973) faleceu en Chile o 11 de setembro de 1973 logo dun golpe de Estado apoiado pola CIA e dirixido polo xeneral Augusto Pinochet.
Co apoio das organizacións de esquerda integradas na Unidade Popular, Salvador Allende acadou os votos necesarios para establecer un goberno alternativo que levase ao país cara á denominada ‘vía chilena ao socialismo’. Unha das primeiras medidas do goberno popular foi a nacionalización do cobre, algo que os EE UU non estaban dispostos a consentir.
A estas alturas sábese xa con certeza que a folga do transporte foi patrocinada pola axencia de contraespionaxe estadounidense. E coa axuda da ala máis dura do exército chileno aprobouse o golpe de Estado que establecería en Chile unha das ditaduras militares máis sanguentas e abafantes do século XX.
Con todo, Salvador Allende, que na súa etapa como senador encargouse de facilitar a saída aos sobreviventes da guerrilla do Che Guevara en Boliva, defendeuse no pazo presidencial coas armas na man xunto a un grupo de colaboradores. Finalmente, dado que non contaba co apoio apropiado para defender a Constitución, quitouse a vida nunha das estancias do pazo.
Salvador Allende, que se dirixiu á poboación a través de Radio Corporación ás 7:55 da mañá cun chamado aos traballadores para «que ocupen os seus postos de traballo, que concorran ás súas fábricas, que manteñan a calma e a serenidade», nese momento aínda coidaba que a gornición de Santiago achábase acuartelada con normalidade. E insistía en que, «en todo caso, eu estou aquí, no pazo de goberno, e aquí quedarei defendendo ao goberno que represento pola vontade do pobo». O presidente constitucional solicitaba unicamente que os traballadores estivesen atentos e vixilantes e que evitasen provocacións. Na súa inxenuidade, aínda agardaba pola resposta dos ‘rebeldes’, «que espero sexa positiva, dado que os soldados da patria xuraron defender o réxime establecido, expresión da vontade social, e agardo que cumpran coa doutrina que prestixiou a Chile e prestixia o profesionalismo das forzas armadas. Nestas circunstancias teño a certeza de que os soldados cumprirán coa súa obriga». Non obstante, coidaba que, no caso contrario, «débese mobilizar activamente o pobo e os traballadores, se ben nos seus lugares de traballo, escoitando o chamado do compañeiro presidente da República coas instrucións precisas».
Pese a que, coma sempre, o pobo pedía armas coas que se defender, a ética de Salvador Allende non contaba con que a insurrección fose xeral e efectiva. E ás 8:15 insistía en que «se respectará a vontade do pobo», coidando que «as forzas leais acatarán o xuramento de obediencia e, ao carón dos traballadores organizados, afastarán o golpe fascista que ameaza á patria».
Ás 8:45 Salvador Allende falaba xa de enfrontamento contra a maioría do exército chileno. Ás 9:03, dende Radio Magallanes, salientaba o paso dos avións sobre o pazo presidencial, sinalando que «pagarei coa miña vida a defensa dos principios, que son caros a esta patria», pero mantiña á cidadanía fóra do conflito propiamente dito: «O pobo debe estar alerta e vixilante. Non debe facer fronte ás provocacións, nin tampouco deixarse masacrar, se ben debe defender as súas conquistas: o dereito a construír co seu esforzo unha vida digna e mellor». Mais o pobo seguía desarmado.
Ás 9:10, Allende coñecía xa o alcance do golpe e insistía en que «o pobo debe defenderse [...] pero non sacrificarse. O pobo non debe deixarse esmagar nin martirizar, pero tampouco debe humillarse».
Estaba claro que Salvador Allende non estaba conforme co golpe militar, mais tampouco quería que o exército esnaquizase á poboación. E pese a que os seus socios de goberno (o Movemento de Esquerda Revolucionaria e o Partido Comunista, entre outros) había ben tempo que lle solicitaran que se armase á cidadanía, o presidente chileno optou ata o final pola vía ‘pacífica’ que finalizou co seu último discurso: «Traballadores da miña patria: Teño fe en Chile e no seu destino. Outros homes superarán este momento gris e amargo no que se pretende a imposición da traizón. Saiban vostedes que máis cedo ca tarde abriranse novamente as grandes alamedas polas que camiñará o home libre para construír unha sociedade mellor. Viva Chile. Viva o pobo. Vivan os traballadores. Estas son as miñas derradeiras palabras, coa certeza de que o meu sacrificio non será en van. Sei que, polo menos, será unha lección moral que castigará a felonía, a covardía e a traizón».