martes, 24 de octubre de 2006


Embaixada e Consulado Xeral de España na Habana e folla de reclamacións co selo de entrada do Consulado Xeral con data 6-10-06

A UNHA CIDADÁ GALEGA IMPÍDESELLE A ENTRADA
AO CONSULADO XERAL DE ESPAÑA NA HABANA

BRAIS DO CASTRO

“Hemos tratado de hablar con algún representante consular y no nos han permitido entrar en el Consulado español de La Habana. Previamente nos pusimos en contacto a través de correo electrónico informando sobre el motivo sin obtener respuesta”. Trátase da queixa rexistrada na folla oficial de reclamacións, datada o 6 de outubro de 2006 pola cidadá galega Mónica María Caridad García.
O motivo da estadía da cidadá galega na Habana: atopar información sobre as súas orixes cubanas. “Primeiramente achegámonos a Santiago de Cuba. Alí pescudamos en dous rexistros, de xeito moi laborioso. Foi imposible acadar información debido ás dificultades. Logo marchamos a Sagua de Tánamo, na rexión de Holguín, onde nos dixeron que poderíamos buscar no rexistro local, pero tamén sen éxito. Como última medida mandáronnos á igrexa. Sen embargo debía ser un martes, que era cando había xente no establecemento e xustamente estabamos a mércores. Tiñamos que quedar alí unha semana, cousa que non nos era posible”.
O avó e o bisavó de Mónica María Caridad García residiron en Sagua de Tánamo (Holguín) e Santiago de Cuba. E mesmo algún tío seu. A súa avoa retornou a Galiza “coa miña nai no ventre, polo que non se rexistrou ata que casou, xa con máis de vinte anos”.
Antes de marchar para Cuba a cidadá galega mandoulle un correo electrónico ao Consulado Xeral de España na Habana, solicitándolle axuda para atopar a súa familia cubana. “Cando marchei, aínda non me deran razón algunha. E xa na Habana, despois de pasar por Santiago e Sagua de Tánamo, no Consulado Xeral de España impedíronme a entrada para falar sobre o asunto con algún representante diplomático. Eu trataba de que, a través do Consulado, puxesen un pouco máis de interese na busca. Pero foi imposible. Entre a burocracia española e a policía cubana, impedíronme tratar con algún responsable do Consulado Xeral”.