viernes, 25 de abril de 2008



25 DE ABRIL
O 25 de abril de 1974 un grupo de capitães do exército portugués ―que participaron na guerra colonial africana― decide rebelarse e enfrontarse á ditadura de Marcelo Caetano(1), substituto (dende 1968, primeiro debido a unha enfermidade, e finalmente tras a súa morte, en 1970, xa como xefe do goberno portugués) de António de Oliveira Salazar(2).
Portugal, que contemplaba unha forte inflación derivada do seu desgaste coa guerra colonial en África, mantíñase practicamente recluído nunha gaiola, coas liberdades básicas erosionadas: agás unha tímida apertura de prensa, o pobo portugués achábase totalmente falto de xustiza en todas as súas ordes. Os militares que cumprían grandes quendas de servizo na guerra de África e non vían que a situación puidese mellorar a curto prazo, decidiron mostrar a súa oposición ao goberno a través dun golpe militar organizado por un grupo de oficiais do exército. A data indicada foi o 25 de abril de 1974. Finalmente, Marcelo Caetano foi derrocado e debeu exiliarse en Brasil. A este enfrontamento denominóuselle ‘a revolución dos caraveis’. Os rebeldes, malia que se opuxeron co seu armamento militar, apenas o utilizaron. Pódese dicir, que botaron ao ditador ‘sen disparar un só tiro’.
Por esas datas celebrábase un ‘Encontro da canção portuguesa’ no que participaba o cantautor José Afonso(3). A censura só permite que cante dúas cancións: Milho Verde e Grândola, vila morena. O público pídelle que repita unha e outra vez Grândola. Poucos días antes do ‘Golpe dos Capitães’ canta en Santiago.
O momento sinalado para o comezo da operación rebelde era precisamente a súa canción Grândola que debía soar a través das ondas. E así aconteceu. E así quedou para a historia unha ‘revolución’ identificada cunha canción que, entre outras cousas, dicía así: «Grândola, vila morena, terra da fraternidade, o pobo é quen máis ordena [...] Em cada esquina un amigo, en cada rostro igualdade [...]».
O 25 de abril cólleo en Lisboa durmindo na casa dun amigo que lle dera refuxio porque a PIDE quería prendelo. Non dá creto ao que ve ata albiscar o asalto á sede da propia PIDE. Tampouco é consciente do fenómeno que significa ter sido usada a Grândola como contrasinal do golpe ata que os diversos intentos involucionistas posteriores posibilitan que o pobo utilice a canción como arma democrática. A partir dese momento, a actividade do Zeca Afonso multiplícase tanto dentro coma fóra do país, axudando ás incipientes cooperativas agrarias, consolidando as liberdades, nun exercicio lúcido e total de entrega solidaria da súa existencia, como home e como artista. No fin dese ano crucial grava Coro dos Tribunais. Tamén ese ano impulsa, xunto cos compañeiros de canción (entre os que estaban J. Mário Branco, Adriano Correia de Oliveira, Vitorino, Júlio Pereira, Fausto e Luís Cilia) o “Colectivo de Acção Cultural” coa procura de loitar colectivamente polas reivindicacións dos traballadores e do movemento democrático popular. [Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS / GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA]

1.- Marcelo das Neves Alves Caetano (Lisboa, 1906; Río de Xaneiro, 1980) cursou estudos de Dereito. Estreito colaborador de António de Oliveira Salazar, en 1933 participou na elaboración do texto constitucional de 1933 e entre 1944 e 1947 exerceu como ministro das Colonias. Presidente da Cámara Corporativa (1950-55), ministro adxunto á presidencia (1955-58) e reitor da Universidade de Lisboa. Derrocado pola ‘revolución de abril’, malia que adoptou no seo do réxime posicións de moderado aperturismo con tímidas críticas aos excesos do ditador Salazar, logo de ser elixido xefe do goberno (1970) continuou coa liña antidemocrática do seu antecesor, arruinando coas guerras coloniais as finanzas estatais.
2.- António de Oliveira Salazar (Santa Comba Dão, 1889; Lisboa, 1970) cursou estudos de Economía na Universidade de Coímbra. Nomeado ministro de Finanzas (1928) polo xeneral António Óscar de Fragoso Carmona logo de se facer co goberno portugués (1926). Presidente do consello de ministros seis anos despois, en 1933 estableceu unha nova constitución que promovía un réxime corporativo e de partido único. Cun réxime de terror policial a través da PIDE, a súa policía política, creou un sindicato mediante o apoio de banqueiros e industriais que eliminaba a posibilidade de protesta. Suprimiu o dereito de folga e a liberdade de prensa. E nas colonias portuguesas de África reprimiu os movementos nacionalistas. En 1968 sufriu un ataque de apoplexía e foi substituído provisoriamente por Marcelo Caetano.
3.- José Manuel Alonso Cerqueira dos Santos (Aveiro, 1929; Azeitão, 1987) foi cantor, poeta e compositor antifascista portugués que tivo unha notable influencia na música e canción populares en Galiza a partir dos anos 70. Logo dunha infancia a cabalo entre África (Angola e Mozambique) e a metrópole, instálase na casa dunha tía en Coimbra onde coñece ao guitarrista António Portugal. En 1949 comeza a destacar como cantor de fado de Coimbra, modalidade musical exclusiva da zona. Contacta alí con nomes importantes da vida académica e con músicos non profesionais como o guitarrista Flavio Rodrigues (barbeiro) ou Cristina Matos (cantadeira popular). Viaxa en 1952 a Galiza por primeira vez como membro da Tuna de Coimbra, visita que non lle dá oportunidade de contactar coa realidade galega. Inicia unha atribulada carreira de profesor de ensino secundario que o leva por varios puntos do país. En 1958 grava o seu primeiro disco, Baladas de Coimbra, con temas alleos, propios do xénero, e participa en Lagos no movemento creado en torno da candidatura do xeneral Humberto Delgado ás eleccións presidenciais (o xeneral sen medo sería asasinado pola PIDE, policía política do réxime de Salazar, en terras de Badaxoz en febreiro de 1963). O Zeca, como era coñecido popularmente, grava Balada de Outono, primeiro disco con temas propios, que pode considerarse como o primeiro fito da revolución musical que se estaba xestando en Portugal. En 1960 o movemento democrático estudiantil de Coimbra axítase e as cancións Os Vampiros de J.A. e Trova do tempo que passa de Adriano Correia de Oliveira convértense en auténticos himnos de liberación.