martes, 6 de mayo de 2008



Un globo, dous globos, tres globos...
Por ROI CARBALLIDO

Superada a lembranza dun caricaturesco e vergoñento ditador que rexeu o destino dos españois con man férrea á par ca divertida ―dende o punto de vista dos especialistas en humor negro que terán traballo durante moitos anos grazas a el―. Superada unha posguerra ―tan arredada coma irreal para as novas xeracións, como os contos de ‘Cuchifritín’―, os adultos que conforman a denominada sociedade do benestar, fillos de familias atentas que fixeron canto puideron para cubrir as carencias alimenticias, sociais ou económicas da súa descendencia, creceron nun contorno socioeconómico crecente, incluso cheo de oportunidades, e desta forma xurdiron os novos produtos audiovisuais, os targets, os estudos de mercado e todas esas trangalladas.
Neste contexto chegou a época dourada da televisión: os 80, anos nos que se trataba como atrasados ou saído reprimidos aos adultos a través dos produtos televisivos dirixidos a estes. Con todo, os programas orientados á mocidade eran moito máis intelixentes, creativos e estimulantes culturalmente. Lembremos programas como A bola de cristal, Un globo, dos globos, tres globos, Sabadabadá, espazos que de golpe e porrazo procuraban a modernidade que o sistema prohibira en épocas pretéritas; que incluían persoeiros tan surrealistas como Horacio Pinchadiscos, que amosaban ao público infantil cómo apreciar a música clásica, ou nos que se tentaba incentivar a súa imaxinación, acostumándose incluso a realizar apoloxía da lectura: «Este home non le» (foto de Superman); «Este home si que le» (foto do ‘home lobo’). Os ‘electroduendes’ presentaban vídeos dos Stones ou miúdas pezas teatrais cheas de poesía e de vangarda.
Apenas hai vinte anos desta televisión que trataba aos raparigos coma se fosen seres intelixentes, algo impensable na actualidade dado que nin sequera é posible cos adultos. A estas alturas xa non é novidade ningunha que uns e outros compartan bazofia catódica no sobremesa, tal coma ‘o tomate’ ―agora reconvertido nas ‘gafas de angelino’ e cun novo estilo tan cutre e canalla coma o anterior, só que cun 70% máis de pederastia e de ‘cabronería’.
Queremos enganchar aos nosos infantes a semellante casca? Pois, vaia, ese produto parece feito xusto para iso... Coma tantos outros que aparecen nesa franxa do tan manido denominado horario infantil... Que foi do defensor do espectador? Talvez debemos perseguilo, meterlle lume e colgalo do pau da bandeira no medio da praza do Concello? Á fin de contas son os valores que se estilan ultimamente entre nós, situación que á modiño achéganos aos uns e aos outros cada día máis, de xeito que os maiores somos cada vez máis parvos e os meniños máis fillos de puta. Situación delicada para orientar aos nenos cara a unha educación ética debido a que xa comparten os nosos ‘valores’. E desa maneira endexamais recoñecerán a filosofía duns pais que non dispoñen de ‘nada novo’ que transmitirlle aos seus fillos.
Non debemos sorprendernos, entón, que os lectores que roldan os trinta (escasos, por certo) sexan quen de meterse entre peito e costas as aventuras do neno Potter mentres manteñen a firme convicción de que A montaña máxica de Man ou A metamorfose de Kafka supoñen «pallas mentais» intragables. Os mesmos que vemos nos informativos, acampados ante os despachos do estadio de quenda para mercar uns pases para o último concerto do ídolo de masas que dirixe o mainstream do momento, máis semellantes, máis politicamente correctos, máis mastigables, máis triturables, máis cuspidos.