jueves, 31 de julio de 2008


CURIOSIDADES ALIMENTARIAS

O consumidor mercou un sábado en ALCAMPO unha bandexa de froita e o luns, ao abrila, quedou coa boca aberta.

miércoles, 30 de julio de 2008


A 'CANDIDATURA DE TRABALLADORES', REPRESENTADA POLA CUT, GAÑA AS ELECCIÓNS EN ISIDRO DE LA CAL


Pese á que a empresa impediulles exercer
os seus dereitos constitucionais en horas laborais

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Con 36 votos (distribuídos entre tres candidatos) contra 10 da UXT (á que apoiaron os asalariados das oficinas, técnicos e director xeral á cabeza, que si votaron en horas de traballo), a candidatura representada pola CUT rebentou finalmente coa irresponsabilidade e irregularidades de Isidro de la Cal, que se mantivo durante cinco anos fóra das normativas laborais malia ter recibido fortes subvencións de diversas institucións, incluída a Xunta de Galiza.
Os tres candidatos ‘dos traballadores’ recibiron 15, 12 e 10 votos respectivamente (36), mentres a representación da UXT acadou unicamente 10 votos, polo que tería, segundo o seu voceiro, dereito a un delegado. Con todo, os dous traballadores elixidos dubidan arestora se con dez votos a UXT poderá facerse cun dos tres delegados en xogo.
Cunha abstención que non superou o 50% malia os acontecementos dos últimos días (tres despedimentos nun mes), os traballadores exerceron con múltiples presións (estableceuse unha soa furna para un centro de traballo de tres quendas) o seu dereito a voto.
«Conseguímolo pese aos atrancos», manifestou un dos representantes sindicais elixidos, que debeu agardar a marchar para a súa casa a descansar por mor de que na súa quenda de noite non había posibilidade de votar. O representante da CUT, pola súa banda, valorou como «moi positivo» o resultado, se ben considerou mesmo que «aínda non está todo decidido, dado que a CIG parece que ten intención de impugnar as eleccións».

(Opinión)

‘O canto do aquele’

A CIG DEBERÍA RESPECTAR AOS TRABALLADORES

A CIG debería estar caladiña e respectar aos traballadores. Celebráronse as eleccións e gañaron os traballadores de xeito abafante pese a que a empresa envorcou toda a súa artillería burocrática representada pola UXT (un deses sindicatos que acordaron co goberno español restrinxir os dereitos dos traballadores).
Non hai moito, as empresas estaban representadas por sindicatos amarelos (Fetico, etcétera), pero na actualidade nin os necesitan porque dispoñen de CCOO e UXT, caso de Isidro de la Cal.
E a CIG vaise parecendo moito a ambos os dous sindicatos estatais. E se a pretensión de impugnar e para pórse ela onde está outra, que globalmente é dunha corda parecida, o único que vai conseguir é o esgotamento dos traballadores e que gañe finalmente a empresa.
[Brais do Castro]

martes, 29 de julio de 2008

ELECCIÓNS BORRASCOSAS EN ISIDRO DE LA CAL



Elíxense hoxe tres delegados

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Os traballadores de Isidro de la Cal de Espírito Santo (A Coruña) elixen hoxe [29 de xullo] a tres delegados para completar o comité de empresa. En principio, representando a estes traballadores están as centrais CUT e UXT. A CIG, que sen respecto ningún pola representación da CUT (3 delegados, no centro do porto) conseguiu o despedimento de tres traballadores aos que utiliza como ‘mártires’, aínda non sabía [á unha da tarde de onte] se presentaba ou non candidatura, se ben internamente, no centro de traballo, promovía a abstención.
A historia destas eleccións é borrascosa: convocadas pola CUT, aproveitounas a CIG para dividir aos traballadores. E de aí xurdiron tres despedimentos pouco antes de se proclamar a mesa electoral. Segundo unha operaria, «a CIG, como mínimo, unha vez que a empresa botou ás compañeiras, debería ter falado coa CUT para estudar as accións a realizar ata acadar a súa readmisión. Pero non o fixo, aproveitándose da súa estrutura para confundir ao persoal, actuando illadamente, ‘tocando o bombo’ ás portas da empresa nunha actitude manifesta de soberbia sindical». A CUT, por outra parte, que se «solidariza cos traballadores despedidos», confirmou que «a día de hoxe aínda non recibimos ningunha chamada da CIG para nos xuntar e realizar accións legais conxuntas contra o despedimento das tres traballadoras».
«O que pretende a CIG», segundo esta operaria, «é dilatar as eleccións, impugnándoas unha vez celebradas, isto é, atrasalas indefinidamente ata aburrir ao persoal e que desista das súas decisións. Entre a empresa, que nestes días vixía cada movemento dos traballadores con máis celo ca nunca [a través das cámaras ilegais] e as centrais sindicais, que andan cada unha polo seu lado sen ter en conta quen somos, estannos a amolar. De seguir así, divididos, perderemos todos os nosos dereitos e finalmente será a empresa quen gañe».
Por outra parte, os traballadores aínda non percibiron os haberes correspondentes á paga extraordinario de xullo. E, segundo relatou unha voceira da empresa a un representante sindical, «este mes aínda non pagamos a cota relativa á seguridade social».


(Opinión)

'O canto do aquele'

Que pensan os empresarios e que fan os sindicatos?
Os traballadores deben cumprir uns horarios e realizar o labor sinalado no seu contrato e a cambio reciben un salario, a maior parte das veces ínfimo.
Non é cuestión de explicar cánto recibe un representante social (concelleiro, parlamentario, ministro, etcétera), porque algúns salientaríano como demagóxico. Pero si que, xa que está estipulado que se o traballador cumpre o contrato pola súa banda, a empresa debería aboarlle os seus haberes puntualmente.
Pero parece que tanto ás empresas coma aos sindicatos todo isto parécelles unha cousa nimia, cativa, de pouco brillo. As empresas incumpren as leis e non pasa nada. Os sindicatos con tal de acadar a porcentaxe da subvención fan a vista gorda.
E así sucede o que sucede. Por exemplo, en Isidro de la Cal (que por certo ningún medio de comunicación quere saber o que pasa alí) aínda non aboaron aos traballadores a paga extraordinario de xullo [a día 29]. A empresa non di nada. E os traballadores calan. E os representantes sindicais tamén. Esa é a realidade. Pero logo veñen os sindicalistas e pretenden solucionar o problema electoral, é dicir, o seu propio asunto da porcentaxe para acadar maiores subvencións institucionais. E logran o despedimento de tres traballadoras. E tratan de boicotear as eleccións non se sabe para qué nin por qué. Pero é o que fan. E trátase dun sindicato que di defender aos menos favorecidos. O seu nome Central Intersindical Galega. Pero o que consegue e dividir aos traballadores e que rifen entre eles. Unha tal Elisa Trento, pola que pide a CIG a súa readmisión, ameaza a unha compañeira para que desapareza das listas da CUT. Un tal Salvador, membro liberado da CIG, fai o traballo sucio proporcionando as fórmulas para que os traballadores se maten entre eles en lugar de defenderse contra as irregularidades da empresa. E van algúns nomes, porque é vergoñento que se chegue a isto. Nas empresas, sobre todo na maioría das empresas, xa sabemos como as gastan. Pero no sindicalismo que se di ‘de clase’ ímolo sabendo agora. E, falando en prata, é unha merda cagada nun pau. Non serán todos, pero é a desculpa. E por algo se empeza. E parece que o aburguesamento só proporciona desligamentos sociais. E, finalmente, quen perden son os de sempre, os pobres. [BRAIS DO CASTRO]

jueves, 24 de julio de 2008

PATRIA GALEGA


A historia recente de Galiza oriéntanos sobre a imposibilidade galeguista de procurar a súa identidade. O réxime ditatorial do xeneral Franco impedía todo tipo de manifestación nese sentido. E sería a través dun fato de mozos integrados na Unión do Pobo Galego quen, coa colaboración da Asociación Democrática de Estudantes Galegos e a Fronte de Liberación Popular, convocase unha ‘concentración nacional’ en Compostela con motivo do 25 de xullo (1968) baixo a denominación de Día Nacional Popular.
«Viva Galiza ceibe e socialista» era a lenda da pancarta despregada ao carón dunha bandeira galega no paseo da Herradura de Compostela por un reducido grupo de mozos. Con todo, non sería ata 1974 cando a UPG salientase nun comunicado o Día da Patria, nunha análise sobre a situación política do país, se ben sen realizar chamamentos á concentración.
Un ano despois, a apenas creada Asemblea Nacional-Popular Galega encárgase de convocar o Día da Patria Galega mediante pintadas e pasquíns espallados por toda Galiza.
«Galiza, patria asoballada, patria das clases traballadoras, ten hoxe máis necesidade e máis posibilidades ca nunca de que unha rexa e patriótica conciencia colectiva das súas camadas populares reclame e loite pola solución dos seus problemas. A concentración de San Domingo vai ser a proba da vontade dos patriotas galegos de afirmármonos na nosa conciencia nacional e popular contra da asimilación e explotación ás que o Estado colonialista español nos está a someter», así rezaba o pasquín que levou a centos de persoas a Compostela, malia que o desenvolvemento da concentración viuse condicionado debido a fallos de organización e polo gran despregue policial.
En 1976 súmase ao Día da Patria algunha organización máis, se ben é a AN-PG quen se responsabiliza definitivamente da organización pese a estar prohibida polo Goberno Civil. Outras forzas políticas de distinto calado pronunciáronse a favor do Día de Galiza. Ambas manifestacións bateron coas forzas da orde pública, que se empregou coa máxima dureza.
Finalmente, en 1977 foi o Bloque Nacional-Popular Galego quen realizou a convocatoria de manifestación no Día da Patria Galega. Logo da manifestación celebrouse unha festa na horta de San Domingo, en Compostela, na que participaron Bautista Álvarez, Iñaki Martínez (EIA, vasco), Carlos Castellano (PSAN, catalán), Pedro Rocha (LCR), Xesús Arrizaldo (SOG), Francisco García Montes (ING) e o crego de Sésamo e Sueiro, e líder do movemento veciñal das Encrobas, entre outros.
[ATAÚLFO DE FERABRÁS]


lunes, 21 de julio de 2008

URXENTE / URXENTE / URXENTE

OUTRO DESPEDIMENTO
EN ISIDRO DE LA CAL

E van tres dende que se abriu o prazo

para realizar as eleccións sindicais

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Xa son tres os despedimentos improcedentes no centro de Isidro de la Cal de Bergondo (A Coruña). A última hora da mañá de hoxe (21 de xullo de 2008), a mencionada empresa botou a María Xesús Mosquera, encargada de liña.
No momento de redactar esta información [contra as 14:00 horas], os sindicatos CUT e CIG están reunidos con representantes da empresa frigorífica. Dáse a circunstancia de que hoxe debía convocarse a mesa electoral, pero segundo información telefónica recibida a través dunha traballadora da candidatura da CUT, «aínda non sabemos o que vai pasar. Iso si, agora mesmo estou a agardar polo meu representante sindical, que está reunido coa empresa».

domingo, 20 de julio de 2008

LIMPEZA SINDICAL EN ISIDRO DE LA CAL


Nunha semana, a empresa xa botou a dúas

traballadoras con contrato indefinido

(A Coruña, por Clelia Zucca).-
Dende a denuncia realizada pola CUT para convocar eleccións parciais en Isidro de la Cal a primeiros de mes, a empresa de Bergondo (A Coruña) xa botou a dúas traballadoras: Elisa Trento e Olga Rodríguez.
Á segunda, «á que se lle ofreceu a baixa como despedimento improcedente, cos cartos enriba da mesa», segundo fontes solventes, comunicóuselle no seu enderezo a través dun burofax mentres gozaba das vacacións.
Por outra parte, a CIG, que entrou en Isidro de la Cal como un elefante nunha tenda de louza, cando se decatou por unha das súas afiliadas (Olga Rodríguez) que a CUT convocara eleccións, aproveitou para impoñer a súa política oportunista e conseguiu xustamente mártires para a súa causa, o contrario do que se pretendía ao convocar eleccións.
No pé da fotografía publicada pola CIG no seu voceiro oficial Avantar, suxire que ‘traballadores’ [de Isidro de la Cal?] maniféstanse no seu establecemento de Bergondo (ou Espírito Santo, porque a día de hoxe a empresa nin sequera sabe onde está) polo despido de Elisa Trento, a primeira das traballadores despedida, que nin sequera era afiliada á CIG.
Logo, nun reparto de pasquíns, que o propio veceiro publica como ‘contido do panfleto repartido pola CIG-Servizos na protesta’ [deles mesmos, claro], deslizan unha proclama de corte puramente dirixista, utilizando expresións como ‘medo á liberdade, medo aos traballadores, o medo produce represión, non imos permitir impunemente’, etcétera. Semella que están no século XII.
En fin, a empresa está a facelo mal, moi mal, pero a CIG está a facelo peor. E os traballadores polo medio, que finalmente son quen pagan a louza escachada. Os da CIG continuarán co seu salario de ‘liberados’ ou funcionarios acomodados e a empresa seguirá a pedir subvencións á Xunta para investigacións en Galiza e para manter a máis traballadores indefinidos, que polo que se ve a indefinición é moi singular.




viernes, 18 de julio de 2008

A CUT CONVOCA ELECCIÓNS PARCIAIS EN ISIDRO DE LA CAL

Na factoría de Bergondo (A Coruña)

A Coruña (Por Ataúlfo de Ferabrás).- No establecemento de Bergondo (A Coruña) de Isidro de la Cal votarase nos próximos días para elixir tres delegados sindicais que completen o comité de empresa (que xa dispón de tres delegados da CUT no establecemento do peirao coruñés).
A CUT, que foi quen convocou as eleccións dado que, pese ao elevado número de traballadores do establecemento de Bergondo, non foron reclamadas por ningunha outra organización sindical maioritaria, está representada por unha traballadora que xa realizara varias denuncias ante a Inspección de Traballo debido ás múltiples irregularidades e accidentes producidos nun curto espazo de tempo.
Por outra banda, segundo información facilitada por esta traballadora, algúns operarios con certa responsabilidade na empresa están a ameazar aos candidatos desta central sindical co despido, «se te presentas». E, xustamente neses días, a empresa botou a unha traballadora, coa escusa de que non realizaba con atino o seu traballo «e tiña certo favoritismo con algunhas das súas compañeiras», ao observala a través das cámaras internas de vixilancia.
Isidro de la Cal, que incumpre sistematicamente as normativas laborais (Lei de Estatuto dos Traballadores e Convenio), mantén unha política de selección de persoal ligada a empresas de traballo temporal con contratos de fin de obra, cando en realidade a obra non finaliza nunca.