viernes, 27 de febrero de 2009

miércoles, 25 de febrero de 2009

FORTIFICACIÓNS DA CORUÑA


Que vai pasar cos restos
da muralla do Parrote?


Por ATAÚLFO DE FERABRÁS

Os restos da muralla medieval do século XVIII, descubertos logo das obras realizadas para a construción dun aparcamento subterráneo no Parrote, móstranse como sinal da inutilidade dos responsables de cultura municipais e autonómicos. Paráronse os traballos e os restos permanecen expostos como se non pertencesen á contorna natural e histórica da zona. O lugar, destinado a albergar coches e producir pingües beneficios a un determinado sector empresarial en conivencia coa Autoridade Portuaria e o propio municipio, agarda, en teoría, a que os técnicos do departamento da Consellería de Cultura determinen se os restos son merecedores de se conservar.

E así van pasando os meses...

E claro que non vai ser fácil ditaminar se quedan ou desaparecen: os algo máis de dezaseis mil metros cadrados proxectados, que incluirían preto de seiscentas prazas de aparcamento, veríanse minguados substancialmente, o que orixinaría unha sensible perda no negocio establecido inicialmente e que debería ter rematado en marzo de 2008.

Segundo a Gran Enciclopedia Galega, parece que foi en 1840 cando a cidade coruñesa perdeu parte das fortificacións: «Caen as dúas primeiras liñas de muralla do recinto da Cidade Alta, pola parte que miraba á Pescadería, e entre as portas denominadas Real e de Aires». Con todo, este derrubamento semella que non altera especialmente a antiga demarcación cidadá, se ben «considérase un trunfo entre as xentes progresistas, que ven un símbolo opresor na conservación das fortificacións».

miércoles, 18 de febrero de 2009

CEMENTO ARMADO





'O canto do aquele'

Por BRAIS DO CASTRO


FEIJOO, TOURIÑO, QUINTANA:

REFERENCIA E EXEMPLO DE HONESTIDADE

Mentres boa parte dos asalariados galegos non supera os 11.000 euros anuais, tres vidas exemplares discorren cómo aumentar os seus gananciais empolicándose á parte máis alta da pirámide. Para eles non existe nin recesión, nin paro, nin crise, nin cousa parecida. Para eles hai unicamente bule que bule, rasca que rasca, corre que corre, colle que colle.
Emilio Pérez Touriño meteu no peto, nestes catro anos nos que exerceu como executivo maior, 330 mil euros (máis dietas e quilometraxes); Anxo Manuel Quintana González fíxose con 300.000 (máis dietas e quilometraxes), e Alberte Núñez Feijoo con outros 300.000 (privilexios a maiores, como non estar suxeita a retención a metade da súa soldada).
Billete arriba, billete abaixo (sóbranlles para prender o habano).
Pero iso non é todo. Para máis aldraxe á sociedade galega menos favorecida, nos períodos electorais gastan e gastan (o que logo din que non hai para fins máis loables) en propaganda, que só serve para axigantar máis os seus propios egos.
Pois estes son os candidatos que din querer ‘salvar’ á sociedade galega, unha sociedade manifestamente prolixa en observar, agardar, temperar e, finalmente, comprender que ‘son os mesmos de sempre’, rosmen o que rosmen e berren o que berren.
Na etapa de goberno do PP abastecéronse os seguidores desa formación (prebendas e consideracións cos amigotes), e na etapa do PSOE e Bloque situáronse os seus próximos (non precisamente os máis intelixentes). Baste con ver as falcatruadas que uns e outros realizan a cotío (o do Bloque é máis grave dado que manifestan unha militancia de esquerdas, cun partido comunista, Unión do Pobo Galego, integrado na coalición).
Son, como mínimo, ruíns, malvados, vampiros e estafadores* a grande escala. Estafan á sociedade baixo o abeiro de que foron elixidos ‘democraticamente’ para realizar esa fin. No reino dos cegos o torto é o rei.
Á merda con todos eles. Abramos os ollos dunha puta vez.

*Estafar: enganar a alguén no prezo, en cantidade, calidade, etcétera.

lunes, 9 de febrero de 2009


Xosé Manuel Bazarra Maneiro 'Sepi',
autor de 'Setembro'
[fotografía de CLELIA ZUCCA]






PESE AOS ATRANCOS,
‘SEPI’ INSISTE CON ‘SETEMBRO’

O autor do guión ‘Setembro’, proxecto de longametraxe baseado en ‘cinco historias’, que mereceu a atención da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura (2008), presentou en Compostela unha preliminar (‘cinco pezas’, uns 16 minutos no seu conxunto) coa pretensión, segundo os organizadores, de propiciar o movemento dun traballo que se foi arredando das súas orixes debido a distintas circunstancias.

Cinco curtametraxes, procesadas a través da agonía propia das limitacións do campo audiovisual e, sobre todo, concibidas coa frescura e flexibilidade marcadas pola fraxilidade temporal.

Con todo, os asistentes á presentación salientaron que pagou a pena atopar algo novo que mirar nunha sala repleta de amigos e inimigos, que de todo había, pero en xeral abertos e con gana de abrir fiestras ao aire fresco.

DOCUMENTACIÓN. O guión de ‘Setembro’ foi representado por Marcelino Magán (Directo Producións) como a primeiro traballo en formato de longametraxe de Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’, co fin de acceder ás subvencións da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que se lle concederon divididas en tres anualidades (uns 50 millóns de pesetas, aproximadamente).
As irregularidades de xestión de Marcelino Magán provocaron a perda dalgunha partida económica destinada á produción da película. No outono de 2008 o equipo de rodaxe quedou ao pairo e, pese a realizar parte da preprodución, debeu abandonar o proxecto. Marcelino Magán despediu a todo o equipo.
Directo Producións é unha empresa do audiovisual na que figura como administrador único Pastor Lorenzo Sola e como director xerente Marcelino Magán Nogueira. O primeiro desempeña dende 2005 o posto de director de Comunicación e Relacións Externas da Radiotelevisión de Galicia.
A Consellería de Cultura concedeulle varias subvencións.

[Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS]

miércoles, 4 de febrero de 2009

O PRÓXIMO VENRES, ÁS NOVE DA NOITE



PRESENTACIÓN DE ‘5 PEZAS’
NO PRINCIPAL DE COMPOSTELA

O próximo venres 6 de febreiro de 2009 ás nove da noite, Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’ presenta no Teatro Principal de Compostela cinco curtametraxes englobadas baixo o lema ‘5 pezas’.

Coa colaboración de A Caldeirada de Pedro Botero, Teatro Principal e Concello de Santiago, logo da exhibición de ‘5 pezas’ a organización convida aos asistentes a unha festa caldeirada na rúa de San Pedro, amenizada por García (Dios Ke te crew) e o Colectivo Oruga.

lunes, 2 de febrero de 2009


Rouco Varela, defensor dos poderosos
Crítica allea

Sorpresa

Por XOÁN XOSÉ MILLÁS

Ignoro se era a intención dos anunciantes, pero o do autobús ateo parece unha resposta irónica e amable a séculos de intolerancia relixiosa. O cardeal Rouco Varela, pola súa idade, debe recordar perfectamente cando neste país pedíanche o certificado de bautismo ata para ir ao baño (o de penais e o de bautismo, non sempre nesta orde). Quizais expedíaos e cobrábaos tamén o propio Rouco, dado que custaban uns cartos. Pola súa idade debe lembrar mesmo os días nos que a Igrexa dispuña do monopolio absoluto da educación (que non se trataba precisamente dunha educación para a cidadanía). Talvez non esqueceu os métodos violentos (tanto dende o punto de vista físico coma psicolóxico) cos que che incrustaban a idea de Deus (do seu Deus) por onde che entrase. Non é tan ancián como para non ter visto as procesións nas que Franco era acompañado baixo palio xunto ao Altísimo. Quizais el mesmo sostivo algún dos paus do dosel. Aínda sen coñecer a ciencia certa a súa data de nacemento, estou seguro de que lle chegaron novas das barbaridades perpetradas polos curas castrenses no exército do Xeneralísimo. Acaso nalgún momento de insomnio (á súa idade abundan) véñanlle á memoria os tribunais eclesiásticos, auténticas tabernas xurídicas nas que os ricos anulaban os seus matrimonios mentres aos pobres prohibíaselles o divorcio. Dadas as súas responsabilidades actuais, o Rouco non pode ignorar as dificultades que a Igrexa lle pon a quen, tendo sido bautizados á forza, pretenden apostatar dese Deus tan simpático (e tan hábil para os negocios). E conste que non falamos do Galileo nin da Inquisición, senón de onte mesmo, de cousas que viron persoas coma min. De aí que sorprenda tanto a súa virulenta reacción fronte a unha campaña inxenua e nada agresiva en absoluto.
[Publicado en El País, o venres 6 de xaneiro de 2009. Fotografía recollida de: www.aciprensa.com]