martes, 23 de junio de 2009

A PROSA E A POLÍTICA



Mirada allea


Por Afonso Sastre (Dramaturgo)
[Publicado en Gara, 21 de xuño de 2009]

Unha entradiña de urxencia. Apenas rematado este artigo, produciuse o último atentado -desta vez mortal- de ETA e as rituais respostas do PSOE e o PP. Todo iso parece pechar unha vez máis o círculo vicioso e acreditar que a paz neste país é definitivamente imposible. En tal situación, angustiosa sen dúbida, eu non podo menos ca manter teimosamente a miña esperanza e desexo remitir ás ideas xa expostas nos meus cinco artigos neste mesmo xornal (do 23 de setembro ao 18 de outubro de 2008), baixo o lema «Se queres a paz, prepara a paz». [
http://www.gara.net]

Así mesmo, nesta situación considero revalidado o pensar exposto no artigo escrito hoxe como os grandes temores nel expresados. En tales circunstancias, todo parece máis forte -e ata irresistible- ca o pensamento, pero as ideas claras teñen tamén a súa propia forza. É nesta convicción na que eu deposito a miña esperanza.

Alicia Stürtze estivo moi ben representando, tal como ela o fixo, o tema da relación, nunca analizada seriamente (que eu saiba, ao menos) entre a política e a prosa como expresión literaria, tema sobre o que eu, modestamente, algo dixen nalgún dos meus artigos na revista ‘Artez’.

Contra a postura burlesca de Molière, as miñas ideas sobre o tema da prosa poden resumirse así: eu estimo que nós na vida cotiá non falamos en prosa. E como é iso? Pois é, sinxelamente, porque na nosa vida corrente cando falamos en prosa non poñemos o coidado necesario -xeralmente porque non se dan as condicións para iso- para falar ben, isto é, para falar en prosa, sendo como é a prosa unha forma elaborada, artística, poética (que non quere dicir metafórica) da linguaxe corrente.

(Os nosos amigos non torcerán o xesto exclamando con desdén: «Vaia! Cuestións semánticas!», como se di efectivamente na vida para rebaixar a importancia de certas cuestións. Os nosos amigos saben que as ‘cuestións semánticas’ son moi importantes cando se trata de algo tan serio como é comunicármonos entre nós, isto é, romper as barreiras das nosas soidades. Se non comezamos por pórmonos de acordo sobre o significado que damos ás palabras que usamos, vanos serán os nosos intentos de entendérmonos).

As falas correntes -que aínda non son prosa propiamente dita- son linguaxes incorrectas pero necesariamente mentireiras, e algo semellante, pero ao revés, ocorre coa prosa, que é polo menos unha fala ou unha escritura ‘correcta’, e ás veces algo máis (poñamos, por exemplo, ‘brillante’) se é unha ‘boa prosa’, pero pode ser (e o é tantas veces!) un vehículo da mentira, un xeito de enganar a quen vai dirixida. A este tipo de prosa refírese Alicia Stürtze na primeira parte do seu excelente artigo.

A prosa é xa unha arte do falar e do escribir, coas súas regras (e as súas liberdades, claro), e esa arte pódese pór ao servizo de causas ética e politicamente impresentables, pero tamén e sobre todo debería estar ao servizo da verdade e da beleza, que non é (a beleza, digo), como xa o sabe a filosofía dende tempos remotos, máis ca ‘o resplandor da verdade’.

Hai, pois, unha prosa que, sendo boa como prosa, é mala no nivel da ética política? Na nosa opinión, a boa prosa é aquela que, ademais de elevar a fala vulgar aos dominios da arte (da poesía), non só non se serve desa ‘elevación’ para arredar ou incluso ocultar a verdade -comezando por desfigurar o real-, senón que se serve desa elevación para afondar na realidade a abrir nela os camiños da verdade e, en consecuencia, da xustiza.

Entre nós, deberiamos falar en boa prosa, e nunca -claro!- minguar as nosas expresións (Alicia Stürtze dío moi ben) con frases de «foi a hostia!», que nos arreda de saber, se non se pescuda no contexto, se o que ocorreu é estupendo ou polo contrario: horrible. Falemos ben, falemos ben. Iso para comezar.

Pero falemos non só ben senón ademais ‘bo’ (digámolo así): ou sexa, nunha prosa capaz de fundar e difundir as ideas da xustiza pendente e de reclamar as nosas liberdades, individuais e sociais. Rexeitemos, en suma, a prosa política ao servizo da mentira e da opresión. Saibamos que a mentira tamén é unha arte -unha das ‘belas artes’, como o era o crime para o irónico e xenial Thomas De Quincey- e que, así, hai unha arte de mentir, na que son mestres os políticos pegados aos poderes do capitalismo, que se desenvolve por e para o sistema, coas súas propias metáforas e toda clase de ‘belezas’ (adornos da súa vasoira).

A nosa prosa non falsea a realidade para ocultar a verdade, como fai a ‘prosa inimiga’, senón que nós atopamos as nosas verdades no corazón mesmo das realidades que se suceden no noso mundo, revelando o que ocorre certamente (a ‘realidade de verdade’) e que se nos oculta por todos os medios ao servizo da perpetuación destes horrores que vivimos a cotío. O noso é precisamente o lugar no que a poesía, a ética e a política (revolucionaria) se dan e se estreitan fraternalmente nas mans.

Polo demais, a ‘batalla das ideas’ exprésase nunha guerra das prosas que, tal como hoxe se practica en América Latina, baixo o prestixio de grandes dirixentes como Fidel Castro e Hugo Chávez, a quen Alicia Stürtze cita moi xustamente, ten unha orixe martiana e é o correlato ideolóxico ou, mellor, filosófico, dunha batalla das prosas ou, máis ben, as prosas son a expresión literaria desa batalla dialéctica que é o pensamento. Pois ben, entre as prosas latinoamericanas, tan abondosas en grandes glorias literarias, eu estou convencido de que se acha nun dos máis destacados lugares a ‘Segunda Declaración da Habana’ de Fidel Castro. Tamén Chávez é un gran prosista da xustiza e da verdade, que se expresa nunha fala brillante que xa quixeran para si quen o tachan despectivamente de ‘populista’.

Retornando ao noso continente, diremos que Europa é un dos espazos culturais onde na actualidade se dan as maiores perversións e usos mentireiros da prosa -unha prosa ao servizo da mentira- nos ámbitos político, ético e ideolóxico, o que evidencia unha base cultural moi pobre que ás veces roza o analfabetismo e outras directamente a infamia moral, como foi agora o caso dun dirixente do PP, Iturgaiz (de quen algunha xente que o coñeceu de mozo confesoume que entre os seus veciños era considerado como ‘o parvo do pobo’), quen expresou nunha prosa inmunda, propia dunha defecación, o seu desexo de que os miles de persoas que votamos a Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos para as eleccións ao Parlamento Europeo, sexamos ‘fumigados’. Nas súas sucias palabras advírtese unha miserable nostalxia histórica das cámaras de gas nazis. Que barbaridade! E non é perseguible de oficio esta ameaza de que unha boa parte da poboación que habita nos territorios do Estado español e que, precisamente, avoga pola paz e por unha negociación como única vía que podería conducir a ela, sexa pechada nunha cámara xigante e que se abra a espita dun gas letal? Que diría agora de nós se a alguén da nosa parte, nun mal momento, se lle ocorrese dicir unha barbaridade semellante referida ao señor Iturgaiz e aos seus correlixionarios? Como nos terían posto de violentos e perigosos asasinos e predicadores da morte?

Mais, seguindo o fío da cuestión, e dirixíndome agora ao PSOE, partido ao que me gustaría ver recuperando polo menos parte da súan honra perdida: É certo -incluso posible- que vostedes non vexan que o problema non é a existencia dunha pequena banda (pero ademais enorme) (!) de asasinos de longos cabeiros e sedentos de sangue que, como vostedes e os seus amigos din, só saben e desexan matar? É verdade, pois, que vostedes non ven algo tan visible como isto: que aquí hai un serio conflito político que só se resolverá en termos políticos? É verdade, en fin, que vostedes aínda non se decatan de que a solución deste conflito, que tantas dores carrexa, está na posibilidade dunha negociación? A que medios ‘máis contundentes’ se refire vostede, señor López? Vai seguir atrás das ideas gasóxenas dese pobre tipo do PP ao que citei antes?

De ser así, Deus nos colla confesados, porque nos agardarían e ameazarían tempos de moita dor en lugar da paz, que nunca se conseguirá, evidentemente, se o que vostedes deciden é aniquilar a unha parte maior ou menor da nosa sociedade nesas novas cámaras de gas inspiradas nese persoeiriño de Iturgaiz. Daquela, pobres de nós, pero tamén de vostedes!

Anexo sobre as referencias citadas: «Iturgaiz cre que Iniciativa deixou co cu ao aire ao Constitucional e pide fumigar aos acólitos da banda» (El Correo Digital, 25 de maio de 2009). Patxi López: «Dende logo, debemos ser, dende a política, moito máis contundentes á hora de intentar que non haxa espazo público ningún para quen non asumen as ferramentas da democracia» (?) «Por desgraza, ese mundo do abertzalismo radical aínda mantén a súa forza». (Gara, 11 de xuño de 2009). [Tradución: CLELIA ZUCCA]