jueves, 8 de noviembre de 2007


IBARRECHE NON SERÁ PENALIZADO POLA CONVOCATORIA DO REFERENDO POLA AUTODETERMINACIÓN

Se ben a Lei Orgánica 20/2003, de 23 de decembro [que modificaba a Lei Orgánica do Poder Xudicial e o Código Penal no seu artigo segundo], facultaba o seu procesamento a través do artigo 576 bis, ‘castigando’ con «penas de tres a cinco anos de prisión e inhabilitación á autoridade que, carecendo de competencia, convocase consultas electorais ou populares pola vía de referendo [...]», logo da súa derrogación mediante a Lei Orgánica 2/2005, de 22 de xuño [10621 BOE], desaparece tal posibilidade. Segundo a nova modificación do Código Penal, queda suprimido o artigo 576 bis [así como o 506 bis e o 521 bis], referidos a «condutas sen a entidade suficiente como para merecer o reproche penal e menos aínda se a pena contemplada é a prisión». Neste sentido, este novo concepto que derroga os parágrafos anteriores, no seu razoamento aprecia que o «dereito penal réxese polos principios de intervención mínima e proporcionalidade, segundo reflectiu o Tribunal Constitucional, insistindo en que non se pode privar a unha persoa do seu dereito á liberdade se non é estritamente imprescindible [...] Así, no exercicio das potestades para convocar ou promover referendos sen atribucións legais, existen vías diferentes ás penais».
Se o Partido Popular fose realmente un defensor da Constitución e do Estado de Dereito [non só dunha España, que só uns cantos manteñen de xeito contumaz na súa cabeza], debería adaptarse á lexislación vixente e aplicar os seus esforzos en situarse nun contexto lexislativo que, por outra parte, en xeral, funciona principalmente para favorecer os seus intereses. Brais do Castro