lunes, 26 de enero de 2009

WILLY ÉTER, A IRREALIDADE NA ESCURA REALIDADE


Por Brais do Castro

Nestes días nos que todo é rebumbio, confirmación da sinuosidade, inclemencia sobre a sensibilidade, dereitos comprimidos e dilatacións varias sobre as outras realidades que non se citan e se miran mais non se ven, quero falar de Willy Éter, dun monstro da reinvención, do reinicio, dos desgastes e do principio e do fin do espectáculo con letras douradas (que son as que máis salientan).

Definido por algúns como un ‘enfant terrible’ do teatro, noutrora «guapo, vicioso e con aire aristocrático», comezou de pallaso, cantou en grupos de rock, traballou como camareiro en lugares con nomes indefinibles e logo morreu o conto, coma quen di.

Da escaseza, inventou un tránsito, reciclouse premendo a primeira nota, a segunda e así sucesivamente: «Varrín coas miñas mans os escenarios para que actuasen outros e comecei a rematar as miñas obras».

Willy Éter iniciou unha nova xeira, trepidante, logo de ter sido unha estrela apenas nada, con renovada enerxía. E ese monstro encarcerado, coma el mesmo sentenza, polo desterro e o silencio, ademais de pola súa propia incomprensión, retornou ás táboas estremecendo as cinzas da civilización, coa teima de desviar o curso natural da sociedade.

Hai que velo e padecelo. Sentilo e atopalo nas súas bifurcacións estratosféricas. Actor atípico e irreal, ás veces irredento e iconoclasta, pronuncia frustracións a cada segundo mentres revela inxerencias producidas a golpe de latexos. Como autor, desvela páxinas poucas veces esculcadas no panorama literario da escena galega. E como director acelerou o curso das peculiaridades propias dos inquisidores burocráticos do espectáculo neste país.

En definitiva, trátase dun reconvertido con máis táboas ca Carracuca, como diría un espía; trátase dun produtor do esperpento mesturado coa irrealidade, coa xenerosidade propia dos comprometidos coa arte máis terrible e definitiva: a escena.

‘Naceu unha estrela (hai ben anos)’, ‘Willy Éter (o terror personificado)’, ‘A morte fuma opio en Whun-Yhu (2008)’ e ‘Hospital de sangue’ (2009), as súas últimas producións, reflicten parte do seu traballo no eido da escena en calidade de autor e director.

[Na imaxe de CLELIA ZUCCA, Willy Éter, segundo pola dereita, nunha das actuacións de Manicómicos en xaneiro de 2009]