miércoles, 30 de julio de 2008


A 'CANDIDATURA DE TRABALLADORES', REPRESENTADA POLA CUT, GAÑA AS ELECCIÓNS EN ISIDRO DE LA CAL


Pese á que a empresa impediulles exercer
os seus dereitos constitucionais en horas laborais

(A Coruña, por Clelia Zucca).- Con 36 votos (distribuídos entre tres candidatos) contra 10 da UXT (á que apoiaron os asalariados das oficinas, técnicos e director xeral á cabeza, que si votaron en horas de traballo), a candidatura representada pola CUT rebentou finalmente coa irresponsabilidade e irregularidades de Isidro de la Cal, que se mantivo durante cinco anos fóra das normativas laborais malia ter recibido fortes subvencións de diversas institucións, incluída a Xunta de Galiza.
Os tres candidatos ‘dos traballadores’ recibiron 15, 12 e 10 votos respectivamente (36), mentres a representación da UXT acadou unicamente 10 votos, polo que tería, segundo o seu voceiro, dereito a un delegado. Con todo, os dous traballadores elixidos dubidan arestora se con dez votos a UXT poderá facerse cun dos tres delegados en xogo.
Cunha abstención que non superou o 50% malia os acontecementos dos últimos días (tres despedimentos nun mes), os traballadores exerceron con múltiples presións (estableceuse unha soa furna para un centro de traballo de tres quendas) o seu dereito a voto.
«Conseguímolo pese aos atrancos», manifestou un dos representantes sindicais elixidos, que debeu agardar a marchar para a súa casa a descansar por mor de que na súa quenda de noite non había posibilidade de votar. O representante da CUT, pola súa banda, valorou como «moi positivo» o resultado, se ben considerou mesmo que «aínda non está todo decidido, dado que a CIG parece que ten intención de impugnar as eleccións».

(Opinión)

‘O canto do aquele’

A CIG DEBERÍA RESPECTAR AOS TRABALLADORES

A CIG debería estar caladiña e respectar aos traballadores. Celebráronse as eleccións e gañaron os traballadores de xeito abafante pese a que a empresa envorcou toda a súa artillería burocrática representada pola UXT (un deses sindicatos que acordaron co goberno español restrinxir os dereitos dos traballadores).
Non hai moito, as empresas estaban representadas por sindicatos amarelos (Fetico, etcétera), pero na actualidade nin os necesitan porque dispoñen de CCOO e UXT, caso de Isidro de la Cal.
E a CIG vaise parecendo moito a ambos os dous sindicatos estatais. E se a pretensión de impugnar e para pórse ela onde está outra, que globalmente é dunha corda parecida, o único que vai conseguir é o esgotamento dos traballadores e que gañe finalmente a empresa.
[Brais do Castro]