lunes, 29 de enero de 2007



XUÍCES IMPLACABLES

Por Brais do Castro

“A paz /lei non é orde, senón xustiza”

Se o asunto fose aplicar a lei estritamente, deberían cumprir cadea —por complicidade con Franco, que foi un asasino múltiple. Ou non?— algúns dos que hoxe son intocables nas ‘altas xerarquías’, así como aqueles que redactaron unha “constitución” fundamentada nos ‘pactos do medo’. De rebote, todo o equipo xurídico e lexislativo que exerceu un control sublime sobre a lei principal dunha sociedade libre: “o pobo é quen máis ordena”.
En fin, que estes xuíces parece que aínda agardan a resurrección de símbolos e persoeiros de outrora. Pretenden a guerra permanente contra todo aquilo que non controlen. Permítense toda clase de licencias e contribúen coas súas provocacións á confusión social. A súa insensibilidade é tan irracional que produce pavor: que a estas alturas da película, persoas entradas en canas aínda convertan as súas propias frustracións en cuestións de fe é pouco menos que inquietante. De seguro, seguindo esa liña que mostran coa súa inflexibilidade, que non lles pareceu ben que ao ditador Pinochet —por mor da súa ‘enfermidade’— se lle permitise cumprir o arresto no seu domicilio, por exemplo. Iso parece, dada a súa implacabilidade cun preso que xa cumpriu condena, tal e como marcan os canons establecidos. O resto, a maiores —que todo o mundo coñece, pola propaganda machacona dos aparatos político-financeiros—, engadiuno o sistema xudicial, só porque dito preso expresou libremente a súa opinión [Constitución española, artigo 20-1, apartado a: “Recoñécense e protéxense os dereitos a expresar e difundir libremente os pensamentos, ideas e opinións mediante a palabra, o escrito ou calquera outro medio de reprodución”].
Un antigo dito popular di que “no reino dos cegos o torto é o rei”. E é así realmente. Grazas a estes humanos deshumanizados, torpes, ‘relixiosos’, dobremoralistas, pillabáns, arribistas, etcétera, que non senten nin padecen, os cegos áchanse a mercé do torto, que fai o que lle peta. Até cando? Sería a pregunta. Mais temémonos que non haberá resposta.