jueves, 4 de septiembre de 2008

'CAL VIVO, CAL MORTO, A DERRADEIRA FESTA'



Estrea en Compostela o 11 de setembro

Por BRAIS DO CASTRO

‘Cal vivo, cal morto, a derradeira festa’, documental realizado por Mariano Casas e Duarte Fernández (48 minutos), será estrea en Compostela o próximo xoves 11 de setembro ás nove da noite no Teatro Principal de Compostela [coincidindo coa data do asasinato de Salvador Allende Gossens, en Chile].
Subvencionado pola Consellería de Cultura, trátase dun traballo que reflicte a historia dos últimos ‘caleiros’ que sobreviviron nun oficio milenario, se ben obsoleto na actualidade. O documento, que xa for presentado con anterioridade en Mondoñedo e Ourense, segundo os realizadores, «mostra cómo estes sobreviventes cocen a pedra calcaria durante uns días nunha gran cheminea e así producen o cal (noutrora, unha industria da que viviu moita xente na zona da Mariña Central). Os últimos caleiros, hoxe xa octoxenarios, celebran unha derradeira ‘queima’, co fin de que o seu oficio e o dos seus antepasados non morra canda eles. Dita queima será unha gran festa que os veciños do Masma (Mondoñedo) aproveitarán para narrar en primeira persoa cómo desenvolvían o seu antigo labor».
Mariano Casas (Madrid, 1971) dirixiu as curtametraxes ‘Sirenas’ (2003) e ‘Plans de voda’ (2005).

CADERNO DE BITÁCORA

Martes, día 2 de setembro

Por PAÍS DA NACIÓN
A estancia en Londres foi produtiva: moita calor, semellaba Sevilla. Tivemos que agocharnos no Museo de Cera de Dona Mathausen (quén sabe cómo se escribe) para acubillarnos dos preto de 30 graos. A experiencia foi gratificante. O primeiro abandono do Gran Irmán Asia 2008 foi o mago Tato, que retornou á Coruña, imposibilitado por esixencias profesionais a continuar a viaxe. Logo de trece horas de voo chegamos a Singapur e as calores aumentaron considerablemente. A cidade é Nova York en Asia, con grandes avenidas e xente moi amable por todas partes. Aquí cumprimos o encargo do druída Eloi: mercámoslle a cámara de fotos (tira unhas fotos de moito carallo). Á saída de Singagur cara a Malasia, perfecta, pero en Malasia foi unha aventura alugar un carro para seis persoas e unha morea de maletas. Hoxe chegamos a Kuala Lumpur; semella que respiras auga e a roupa pégase á pel coma se fose ‘superglú’, Dende a fiestra do hotel observamos as xigantescas torres ‘petronas’ e parece que se poden tocar. Á noitiña, a cidade é maxestosa. Os petrodólares malaios parece que se invisten no pobo. Árabes, indios, budistas e orixinarios procuran convivir en harmonía. Hai boas autoestradas e moi baratas (300 quilómetros, aproximadamente, 9 euros) e a gasolina custa uns 50 céntimos o litro. A paisaxe de Singapur a Kuala Lumpur é impresionante: quilómetros e quilómetros de outeiros e chairas de vexetación exuberante, con bosques e palmeiras ‘inverno verde Galiza’.
(Nas aduanas de Singapur e Malasia a visa é gratuíta e a entrada do país é inmediata).