viernes, 1 de febrero de 2008


O 1 de febreiro cúmprense quince anos logo da súa morte

Ramón Valcarce Vega: A Igrexa revolucionaria

Nestes días nos que o terrorismo dos patróns da Igrexa impregna os miolos da sociedade, cómpre salientar a un dos persoeiros que desenvolveron a súa vida xustamente no sentido contrario aos xerarcas do dogmatismo católico.
Moncho Valcarce (A Coruña, 5-9-1935; 1-2-1993), popularmente coñecido como o ‘cura das Encrobas’, cursou estudos de Dereito e logo ingresou no Seminario Maior de Compostela. Na Universidade Gregoriana de Roma formouse como teólogo e finalmente, malia que con moitas dificultades debido ao seu carácter revolucionario, recibiu as ordes sacerdotais (1969) que o levarían exercer como responsable da Igrexa nas parroquias de Sésamo e Sueiro (Culleredo, A Coruña).
«Dende o primeiro momento desempeñou unha acción pastoral moi distinta da usual. A súa preocupación máis fonda era o respecto á liberdade das conciencias: retirou os confesionarios, e as súas prácticas, moi sinxelas e concretas, provocaban a participación dos feligreses».* Gandhi, Castelao, Basilio Álvarez, Camilo Torres, Paulo Freire e o propio Che Guevara foron algunhas das fontes nas que bebeu para realizar o seu labor pastoral. Ataviado cunha boina coa estrela vermella, mentres a cúpula eclesial adoraba ao ditador Francisco Franco, Moncho Valcarce encarouse coa ditadura. A súa reitoral de Sésamo «era coma un oasis no medio do deserto. A porta da súa casa sempre estaba aberta a todos, aberta na literalidade: alí non se coñecía a prudencia nin o medo. Moncho non dubidou en agochar nos baixos da reitoral o aparello de propaganda do Partido Comunista, e alí aconteceron moitas das primeiras reunións de Comisións Labregas e foi el mesmo quen nomeou a cabeceira do ‘Voceiro Labrego’, boletín do sindicato agrario nacionalista, e mesmo acubillou ao militante da Unión do Pobo Galego Moncho Reboiras cando era buscado pola policía franquista».*
En 1974 foi detido en Betanzos (A Coruña) logo dunha reunión clandestina. Con todo, a nova non sorprendeu a ninguén dado que foi algo case agardado «e especialmente significativo como reflectiron as manifestacións dos propios veciños de Sésamo e Sueiro a favor da súa liberación».* A partir de aí a súa casa de Sésamo estará vixilada día e noite pola garda civil. Non obstante continuará celebrando reunións cos labregos. «E pódese dicir que alí naceu o sindicato Comisións Labregas, ao que se incorporu formalmente en 1976, ano no que participou en distintas manifestacións (As Encrobas, Baldaio, Loño, Xove, etcétera) e foi maltratado polas forzas de orde pública, multado, detido e encadeado. Sen embargo, xamais mostrou odio a ninguén e soportou as vexacións coa maior naturalidade. Cando se lle advertía do perigoso da súa actuación, afirmaba con seguridade e, sobre todo, con fundamento cristián, que ‘os curas que din que non se meten en política, menten’, engadindo que se ‘eu son utilizado, tamén son utilizados os que están situados na estrutura dominante e, polo tanto, colaborando coa política represiva do poder’».*
Moncho Valcarce, que foi elixido concelleiro por Culleredo en 1979 representado ao Bloque Nacional-Popular Galego [na actualidade Bloque Nacionalista Galego], foi obrigado pola xerarquía católica practicamente ao abandono da súa responsabilidade pastoral nas súas parroquias (agás duns ‘servizos mínimos’). «As súas reivindicacións foron moitas en toda Galiza. Non foi sorpresa ninguna, entón, que en 1984 aparecese xunto a un humilde caseiro das Enchousas para impedir que fose desaloxado das súas terras. Ao ano seguinte colaborou nas seccións de gandeiros contra a restritiva cota do leite e nese mesmo ano viaxou a Suíza convidado polos centros galegos para impartir conferencias aos emigrantes dese país».* En 1987, aproveitando un ano sabático na Universidade Pontificia de Salamanca, realizou a tese ‘O compmromiso político dun prebístero nunha realidade concreta: Galiza’, que asinou o 23 de abril de 1989 en Vilar dos Comuneros.
Moncho Valcarce, que non abandonou nunca a súa loita contra a inxustiza, cumpriu os seus últimos anos destinado nas parroquias de San Pedro do Eume, Faiera e San Martín de Goente, integrado nun equipo pastoral na vila das Pontes. Antes da súa morte, que se demorou por mor dunha grave doenza, escribiu un xornal (Revolucionario e místico. Diario dunha doenza final) que foi publicado posteriormente pola revista Encrucillada. «A paz non é orde, senón xustiza» era unha das súas máximas.
E como diciamos ao principio, nestes días nos que batemos coa Igrexa máis recalcitrante, cómpre citar as palabras do propio Ramón Valcarce Vega, o cura das Encrobas, e sen dúbida, un dos máixmos expoñentes revolucionarios da historia de Galiza de todos os tempos: «Non sei o porqué do meu respecto á morte, ponme nervioso, inquedo. Nos enterros, acompañando o cadaleito á igrexa, ao cemiterio, ía calado, e preguntándome o porqué da morte, ía máis triste e concentrado ca os propios familiares. Non puiden acostumarme aos enterros, nin aos funerais, nin ao ruído da caixa empurrada polos familiares para metela no nicho. Cando remataba todo, soltaba un ‘por fin’ de alivio. Dábame rabia o falar dos acompañantes polo pouco respecto que demostran ao misterio da vida, como [dábanme] noxo os cregos que fan enterros coma se estivesen facendo filloas e están nos funerais coma se aquilo non fose con eles. Penso que con tanta pastoral funeraria perden a humanidade e ante a dor allea gañan bos pesos. Que prédicas non sentidas cheas de parvadas! Que ritos realizados de maneira que ofenden! Que maneira de berrar, de mirar para todos os sitios coma se buscasen algo ou alguén!».
Manuel María, un dos máis salientables líricos galegos, persoeiro tamén desaparecido, escribiu para o prólogo de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2003): «Estremece reler tantas testemuñas da loita valente e incansábel dunha persoa crucial na organización popular do movimento nacionalista galego dende os primeiros anos setenta, nestes tempos en que, por exemplo, aquel Baldaio polo que el tanto loitou, volve estar de loito pola contaminación que a poluída auga do mar lle achega, debido a unha nova e negra catástrofe ecolóxica, económica e, tamén, política, que, nestas datas, e baixo o nome de buque ‘Prestige’, asola Galiza». Brais do Castro [* Manuel Espiña Gamallo, Gran Enciclopedia Galega, Apéndices 2005]