jueves, 6 de marzo de 2008


Novo 'accidente' laboral en Isidro de la Cal

A finais de febreiro (2008) unha traballadora sufriu unha ferida incisa con perda de substancia (dende o pulso ata a curva do cóbado) na súa man esquerda provocada pola afiada folla dunha máquina peladora desprovista de protección.
O que se denunciou hai uns meses segue a acontecer na empresa Isidro de la Cal (Bergondo, A Coruña) pese aos oficios da CUT (Central Unitaria de Traballadores) ante a Inspección de Traballo. Segundo información proporcionada por varias operarias, na factoría, que incumpre reiteradamente a normativa laboral, «practícase o acoso laboral e hai unha gran presión en todos os ámbitos de traballo, polo que non é de estrañar que ocorran este tipo de accidentes».
A citada traballadora, que logo de retirar o brazo do artefacto debeu conformarse con cubrir a esgazadura cun uniforme da empresa «dado que na caixa dos primeiros auxilios non dispuñan de vendas ou útiles necesarios para estes casos», en lugar de transportala axiña nunha ambulancia ao centro sanitario máis próximo (Xoán Canalejo, por exemplo), foi trasladada por unha compañeira de traballo a unha clínica privada, coa escusa da patronal de que «é con ese centro médico co que a empresa ten concertados os servizos sanitarios».
A accidentada, que precisou de cirurxía e posterior implante, chegou á clínica contra as seis da mañá. Logo de terlle realizado as primeiras curas, «mandárona para a casa debido á ausencia no centro médico de especialistas de garda», coa recomendación de que se presentase novamente «cando se reincorporase o cirurxián».
Ingresada posteriormente, foi intervida cirúrxicamente e permaneceu na clínica durante tres días, incluso pasou algún tempo na UCI debido a unha reacción alérxica de orixe descoñecida. [Na fotografía, a mencionada traballadora logo da intervención cirúrxica]
Isidro de la Cal, segundo a CUT «considera este accidente como leve, de aí que a empresa non dese parte á Inspección de Traballo». Con todo, o representante da CUT enviou un novo oficio ao estamento oficial no que implica á inspección por entender que se trata «dun grave accidente, dado que a máquina case esmaga o brazo da traballadora», insistindo ademais en que «nos últimos oito meses producíronse seis graves accidentes laborais».
Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS