lunes, 12 de enero de 2009

'PEACE, PLEASE'


Neste ano que comeza debemos pular para que todos os pobos do planeta acaden a súa independencia e sexan respectados con todas as garantías propias dunha sociedade global xusta e disposta a aceptar sen preámbulo ningún as realidades singulares de cada país.
O caso palestino, que non é o único, confirma a degradación da sociedade imperialista que segue a estourar con todo canto estorba aos seus fins.
Os argumentos de Israel para xustificar os seus terribles crimes coinciden en parte cos argumentos do nazismo contra os propios xudeus, que no seu día consideraron como xenocidio.
Os defensores da causa xudía consideran mesmo que a masacre palestina é necesaria dado que non conciben outro modo de atallar o ‘terrorismo’ árabe. Lembrar que, cando os xudeus loitaban por asentarse onde se achan na actualidade, o goberno clandestino xudeu (‘o Haganah’), na súa loita armada contra os británicos, colaborou cos grupos terroristas Irgún e Stern (1945), incluso voou con dinamita parte do hotel Rei David, en Xerusalén, causando preto dun centenar de mortos e algo máis de cen feridos. Varios terroristas xudeus, axustizados polo exército británico, foron considerados heroes polo Irgún.
Que defendían os xudeus? A súa independencia. E para logralo utilizaron todos os medios, incluído o denominado terrorismo. Que defenden os palestinos? A súa independencia.
De sentido común é procurar calquera meta sen empregar violencia. É máis xusto e máis positivo. Pero cando a miseria, a humillación e a escravitude percorren os corpos e as mentes dunha sociedade, o sentido común arrédase da propia natureza humana. Isto é, cando un pobo é maltratado ignominiosamente, deféndese coas súas propias armas.
A historia está aí. E é unha historia de iniquidades. Palestina loita contra o seu propio destino dende hai ben tempo. E xa vai sendo hora de cambiar a historia. De limpar os corazóns. De buscar a paz. De dialogar. E o primeiro paso debe dalo o máis forte. O débil bastante ten con sobrevivir. Peace, please.