miércoles, 23 de abril de 2008


A Consellería de Cultura promove a falsidade

A Axencia Galega do Audiovisual —a través da súa páxina— publica, sen rigorosidade ningunha, informacións que non coinciden coa realidade. Así, na ‘entrada’ relativa a Sepi Bazarra, entre outras cousas, sinala que é o «guionista e realizador do documental de vídeo Moncho Valcarce, o cura das Encrobas» —producido por Novos Vieiros, 2003—. Sen embargo, dito traballo —tal e como se indica no elenco― realizouno e produciuno Roi Carballido logo de terllo encargado a mencionada editora.
Brais do Castro, autor do guión, solicitoulle a Axencia Galega do Audiovisual que rectificase a entrada, sen obter resposta ningunha ao respecto. Dirixiuse entón á propia consellería —dado que a axencia depende da mesma— e produciuse a mesma circunstancia.
Finalmente, nin unha nin outra realizaron rectificacións. E, como mínimo, esquecéronse da cortesía que debe ser propia das institucións e dependencias gobernamentais. Nese aspecto, débese entender que tanto a consellería coma a axencia dedican os seus aparatos á promover a falsidade. Información de CLELIA ZUCCA, coordinadora de OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate)


Crítica A INCULTURA DA SEÑORA BUGALLO

A señora Bugallo, a quen arrepían os correos electrónicos —a súa secretaria salientou que o seu correo propio na consellería «é para cousas máis íntimas», tal cal—, móstrase tan irresponsable coma os seus antecesores, blíndase ante calquera acción directa mediante os filtros de sempre xerados polo protocolo de sempre. E iso tradúcese en incultura, dado que se arreda das cuestións máis sinxelas, esquecéndose da realidade diaria.
A señora Bugallo, polo tanto, descoñece canto sucede arredor dos mecanismos inseridos no seu departamento e non sabe ou non quere saber cómo se promoven ou pronuncian as ‘células’ dependentes da súa competencia. E iso tamén é incultura.
BRAIS DO CASTRO