martes, 25 de marzo de 2008


‘Rebelde con causa?’, novo traballo de Brais do Castro

O autor de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2004) acaba de tirar ao prelo un novo traballo sobre o Che: Rebelde con causa? Trátase dunha proposta na que se proxectan as distintas etapas do mítico revolucionario a través dunha singular fórmula na que flúen algúns dos persoeiros participantes nas distintas xeiras da súa vida (Cuba, o Congo e Bolivia) mesturadas cun aire histórico que reflicte o acontecer daqueles momentos no que o mundo procuraba novas propostas sobre a súa identidade. Rebelde con causa? ―interrogante difícil de contestar― propón unha mirada allea a todo canto identifica ao popular ‘guerrilleiro’ e promove a crítica sobre as configuracións totalitarias aínda establecidas como progresistas nalgúns países. O libro, editado por Novos Vieiros, con fotografías de Clelia Zucca e unha ilustración de Xavier Dans Mayor, poderá adquirirse na Feira do Libro de Compostela (do 5 ao 13 de abril de 2008).