viernes, 9 de noviembre de 2007


‘MOBBING’ EN ISIDRO DE LA CAL

Na súa factoría de Bergondo (A Coruña), a empresa Isidro de la Cal segue a manter unha pauta de irregularidades. Á parte dos accidentes laborais, denunciados no seu día por este medio [imaxinario.blogspot.com, martes 28 de agosto de 2007], súmase agora o acoso ao que se achan sometidos varios dos seus traballadores. Entre as súas fórmulas de humillación ou ‘torturas contra a integridade moral’ dos traballadores [Proxecto de Lei de 15 de xaneiro de 2007 Modificación do Código Penal] salienta a de elevar a súa categoría para, logo dun tempo relativo, situalos novamente nas súas ocupacións primarias. Coa modificación do Código Penal castíganse, incluso con penas de prisión, aos ‘torturadores e abaixadores de empregados’, e vén tipificar o acoso «psicolóxico ou hostil nas relacións laborais, que humillan a quen as sufre, así como no marco doutras relacións contractuais, a alteración de condicións impondo situacións de grave ofensa á dignidade».
Con todo, Isidro de la Cal continúa coa súa política pretérita de menosprezo da dignidade da persoa, dado que supón unha clara ofensa á dignidade variar a categoría dun operario sen ningún tipo de explicación; menosprezo e humillación que estende a algúns dos seus empregados fieis que, sen atribución ningunha, se permiten exercer como ‘escravistas’ e incluso «despedir pola súa conta aos seus compañeiros». [en quince días, unha ‘operaria’ despediu a dous dos seus compañeiros]. Isto é, en Isidro de la Cal practicase o ‘mobbing’ en varias direccións.
A CUT (Central Unitaria de Traballadores), por outra parte, denunciou ante a Inspección de Traballo unha morea de irregularidades por parte da empresa: operarios accidentados por mor de ter que traballar en zonas destinadas a especialistas (corte con serra, etc.), horarios de traballo indiscriminados, contacto con líquidos fortemente contaminantes sen a debida protección, etcétera, etcétera. A Inspección de Traballo, logo de realizar a oportuna visita á empresa, segundo a CUT, non atopou «nada irregular; todos os traballadores consultados negaron realizar máis horas ca as contratadas». A inspectora, que parece que en lugar de inspeccionar pasou pola factoría a tomar un café e a condescender cos empresarios, quedou tan pancha coa resposta de que os tanques de lavado, con produtos químicos fortemente tóxicos (nun estraño idioma, talvez eslavo) non teñen ‘aditivo’ ningún. Saberá esa inspectora que son os aditivos e que son os produtos químicos perigosos? A esa mesma inspectora pareceulle ben tamén que un dos traballadores accidentados desacreditase as súas primeiras declaracións oficiadas ante a inspección. [informacións procedentes dos traballadores, que prefiren conservar o seu anonimato, salientan que este operario desdíxose debido a que a empresa acordou contratalo indefinidamente se ‘non denunciaba formalmente’]. Pese a todo, como sinala a CUT, «deuse un paso positivo: acadáronse botas de traballo, mandiletas para a auga, novos feches para os armarios roupeiros e estableceuse un calendario de traballo».
Con todo, o medo é a arma preponderante coa que conta a empresa, dado que ninguén ousa reclamar o establecido na Lei do Estatuto dos Traballadores ou no propio convenio. E a Inspección de Traballo argumenta, ante este tipo de argumentos sindicais, que «deberían denunciar os propios traballadores, cos seus nomes e apelidos», dado non «hai moitas posibilidades de sancionar ás empresas se estas son denunciadas só polos sindicatos». Seguindo esa análise, os ‘representantes dos traballadores’ serían innecesarios. E, ademais, os traballadores en xeral terían as de perder. Ou non? Información de Brais do Castro


DOCUMENTACIÓN. Isidro de la Cal recibiu en 2004 da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos unha subvención de 419.632, 65 euros, e en 2005 a cantidade desembolsada pola consellería superou os sete millóns catrocentos mil euros. A finalidade (destas contribucións financeiras dun organismo público á empresa privada) era a de «incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica das empresas de transformación e comercialización dos produtos da pesca, o marisqueo e a acuicultura». A propia institución pública deberá desvelar se nos anos 2006 e 2007 este grupo de empresas recibiu subvencións semellantes ou superiores para o mesmo fin, dado que o Diario Oficial de Galiza áchase en mans privadas e hai que pagar por ‘descargar’. En calquera caso, polo menos na factoría de Bergondo (ou Cambre, segundo se mire), a maioría dos produtos que se manexan para a súa venda aos centros comerciais, veñen de países alleos ás nosas costas (Arxentina, Chile ou Perú). Por outra parte, unha factoría que apenas acaba de comezar (en 2006), produce cunha maquinaria obsoleta que necesita dun mantemento permanente. E, en xeral, a produción realízase nunhas condicións hixiénicas e sanitarias non compatibles coa empresa moderna do século XXI. En todo caso, as axudas que esta empresa recibe non se axustan para nada ao lema de ‘incentivar a creación, renovación e innovación tecnolóxica’ propugnada para ser merecedores destas subvencións. Polo contrario, se a xustiza realizase o seu labor, debería pechalas ou transferilas a mans máis honorables.