jueves, 5 de marzo de 2009

'SETEMBRO'


Xosé Manuel Bazarra Maneiro 'Sepi',
autor de 'Setembro'
(Fotografía de CLELIA ZUCCA)
Marcelino Magán
convídanos a rectificar

«Nunha nova con data 4 de febreiro sobre o proxecto de longametraxe (‘Setembro, 5 pezas’), observo con sorpresa que aproveitades para soltar unha serie de difamacións sobre min e sobre a produtora na que traballo [Directo: http://www.directoproducciones.com]: ‘irregularidades de xestión, despedimentos’, e dades o nome dun antigo administrador da empresa [Pastor Lorenzo Sola: http://www.academicostv.es] que dende 2005 non ten vinculación ningunha con nós. Ante este marabilloso exercicio de rigor profesional e ética xornalística, pregúntovos: En nome de que ou quen tendes o valor de publicar semellantes falacias e falsidades? Convídovos á rectificación ou simplemente a que me ignoredes, dado que nin nos coñecemos nin creo que as vosas fontes resulten axeitadas. Marcelino Magán».
Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate), na data reflectida polo responsable actual de Directo Producións, baixo a sinatura de Ataúlfo de Ferabrás, publicou o seguinte:
Pese aos atrancos, ‘Sepi’ insiste con ‘Setembro’. O autor do guión ‘Setembro’, proxecto de longametraxe baseado en ‘cinco historias’, que mereceu a atención da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura (2008), presentou en Compostela unha preliminar (‘cinco pezas’, uns 16 minutos no seu conxunto) coa pretensión, segundo os organizadores, de propiciar o movemento dun traballo que se foi arredando das súas orixes debido a distintas circunstancias.
Cinco curtametraxes, procesadas a través da agonía propia das limitacións do campo audiovisual e, sobre todo, concibidas coa frescura e flexibilidade marcadas pola fraxilidade temporal.Con todo, os asistentes á presentación salientaron que pagou a pena atopar algo novo que mirar nunha sala repleta de amigos e inimigos, que de todo había, pero en xeral abertos e con gana de abrir fiestras ao aire fresco.
DOCUMENTACIÓN. O guión de ‘Setembro’ foi representado por Marcelino Magán (Directo Producións) como a primeiro traballo en formato de longametraxe de Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’, co fin de acceder ás subvencións da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que se lle concederon divididas en tres anualidades (uns 50 millóns de pesetas, aproximadamente).As irregularidades de xestión de Marcelino Magán provocaron a perda dalgunha partida económica destinada á produción da película. No outono de 2008 o equipo de rodaxe quedou ao pairo e, pese a realizar parte da preprodución, debeu abandonar o proxecto. Marcelino Magán despediu a todo o equipo.Directo Producións é unha empresa do audiovisual, na que figura como administrador único Pastor Lorenzo Sola e como director xerente Marcelino Magán Nogueira. O primeiro desempeña dende 2005 o posto de director de Comunicación e Relacións Externas da Radiotelevisión de Galicia.A Consellería de Cultura concedeulle varias subvencións.
Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate) ratifícase en todo canto antecede, coa única excepción de que Pastor Lorenzo Sola non figura como administrador único, senón que ‘figuraba como administrador único’, se ben continúa mantendo ‘excelentes relacións’ coa produtora en cuestión.
Pese a que na actualidade, o director e autor da escrita do guión de ‘Setembro’ promove as ‘negociacións’ coa produtora en cuestión (tratando de atopar unha saída digna para o desenvolvemento do seu proxecto), a realidade supera amplamente o publicado por Ollo Crítico (Asemblea de Comunicación e Debate).