jueves, 27 de diciembre de 2007


2008

Que é o que se lle podería pedir ao 2008? Talvez o primeiro sería a liberdade. A liberdade en ambos os dous sentidos: a liberdade física e a liberdade psíquica. A liberdade física para mellorar o modelo de vida individual que contempla a sociedade como un argumento plástico de propaganda e subordinación. E a liberdade psíquica para acadar estadios nos que a orixe da vida non predispoña sen máis ao contexto global da orientación dogmática.
Será isto unha grande esixencia?
O ano 2008 pertence ao século XXI e son vinte séculos de cen anos cada un, moito tempo para non reparar na fase na que nos achamos. Anos de 365 días, que suman numerosas horas nas que pasamos o tempo repetindo as repeticións. En suma, nunha sociedade na que tan só albiscamos parte das curiosidades tácticas reflectidas na propaganda ditada polos organigramas constituídos aleatoriamente para promulgar estratexias recorrentes. Non hai estado individual nin estadio presencial. As nosas diferenzas baséanse unicamente nas alternativas de movemento. Neste mundo que contemplamos sen ver, tan só estamos predispostos á suxestión que consideramos fórmula matemática para mostrar unha aparencia inexistente.
É posible que estas reflexións non combinen coas proposicións loxísticas argumentadas nestes tempos de desidia e fraxilidade. De seguro que tampouco coincidirían cos aqueloutros momentos pretéritos. E case con seguridade convirán menos co devir. Mais non nos enganemos. O noso pasado, presente e futuro non son nin máis nin menos ca o espello que nós mesmos esmiuzamos nos cantos das inquedanzas. E, queirámolo ou non, a nosa base natural non contempla un tránsito posibilitado pola condición sine qua non da inexplicable versión propiciada pola incerteza.
En todo caso, no 2008 mantemos a nosa aposta pola liberdade, malia que sexa un vocábulo inoperante ou esmagado por cantas veces foi maltratado, manipulado e aforcado. Alá. Neste pequeno país e nesta lingua de nai grande, vivamos a nación con valentía. A nación, con orgullo. A nación sen disimulo. Vivamos as Repúblicas Independentes. Todas sen distinción. Pese a todo. E pese a todos. Ata incluso sen bandeira, sen himno e sen marca. No noso propio corazón. E na nosa propia condición. OLLO CRÍTICO [Asemblea de Comunicación e Debate]