martes, 25 de marzo de 2008


‘Rebelde con causa?’, novo traballo de Brais do Castro

O autor de Moncho Valcarce, o cura das Encrobas (Novos Vieiros, 2004) acaba de tirar ao prelo un novo traballo sobre o Che: Rebelde con causa? Trátase dunha proposta na que se proxectan as distintas etapas do mítico revolucionario a través dunha singular fórmula na que flúen algúns dos persoeiros participantes nas distintas xeiras da súa vida (Cuba, o Congo e Bolivia) mesturadas cun aire histórico que reflicte o acontecer daqueles momentos no que o mundo procuraba novas propostas sobre a súa identidade. Rebelde con causa? ―interrogante difícil de contestar― propón unha mirada allea a todo canto identifica ao popular ‘guerrilleiro’ e promove a crítica sobre as configuracións totalitarias aínda establecidas como progresistas nalgúns países. O libro, editado por Novos Vieiros, con fotografías de Clelia Zucca e unha ilustración de Xavier Dans Mayor, poderá adquirirse na Feira do Libro de Compostela (do 5 ao 13 de abril de 2008).

domingo, 9 de marzo de 2008


A CANLE PRIVADA ‘INTERECONOMÍA’ ROMPE AS REGLAS DE XOGO ELECTORAIS

Contra as dúas da tarde do 9 de marzo, cando a meirande parte dos votantes aínda non acudiran ás furnas, a canle ‘Intereconomía’ [próxima ao Partido Popular] aproveitou no seu programa ‘Vox Populi’ para propagar a mensaxe solapada sobre a quén dirixir o voto. A pregunta rotulada na pantalla [na fotografía] ‘Por que rompe con Zapatero?’ foi respondida por un fato de persoas de clara tendencia dereitista. Isto, como mínimo, debería ser revisado polos responsables electorais dado que creba coas normas de xogo ao establecer criterios orientados á crítica dunha soa formación política a medio camiño do peche dos centros de votación. Información de Brais do Castro.

jueves, 6 de marzo de 2008


Novo 'accidente' laboral en Isidro de la Cal

A finais de febreiro (2008) unha traballadora sufriu unha ferida incisa con perda de substancia (dende o pulso ata a curva do cóbado) na súa man esquerda provocada pola afiada folla dunha máquina peladora desprovista de protección.
O que se denunciou hai uns meses segue a acontecer na empresa Isidro de la Cal (Bergondo, A Coruña) pese aos oficios da CUT (Central Unitaria de Traballadores) ante a Inspección de Traballo. Segundo información proporcionada por varias operarias, na factoría, que incumpre reiteradamente a normativa laboral, «practícase o acoso laboral e hai unha gran presión en todos os ámbitos de traballo, polo que non é de estrañar que ocorran este tipo de accidentes».
A citada traballadora, que logo de retirar o brazo do artefacto debeu conformarse con cubrir a esgazadura cun uniforme da empresa «dado que na caixa dos primeiros auxilios non dispuñan de vendas ou útiles necesarios para estes casos», en lugar de transportala axiña nunha ambulancia ao centro sanitario máis próximo (Xoán Canalejo, por exemplo), foi trasladada por unha compañeira de traballo a unha clínica privada, coa escusa da patronal de que «é con ese centro médico co que a empresa ten concertados os servizos sanitarios».
A accidentada, que precisou de cirurxía e posterior implante, chegou á clínica contra as seis da mañá. Logo de terlle realizado as primeiras curas, «mandárona para a casa debido á ausencia no centro médico de especialistas de garda», coa recomendación de que se presentase novamente «cando se reincorporase o cirurxián».
Ingresada posteriormente, foi intervida cirúrxicamente e permaneceu na clínica durante tres días, incluso pasou algún tempo na UCI debido a unha reacción alérxica de orixe descoñecida. [Na fotografía, a mencionada traballadora logo da intervención cirúrxica]
Isidro de la Cal, segundo a CUT «considera este accidente como leve, de aí que a empresa non dese parte á Inspección de Traballo». Con todo, o representante da CUT enviou un novo oficio ao estamento oficial no que implica á inspección por entender que se trata «dun grave accidente, dado que a máquina case esmaga o brazo da traballadora», insistindo ademais en que «nos últimos oito meses producíronse seis graves accidentes laborais».
Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS