martes, 29 de abril de 2008


PRIMEIRO DE MAIO
DÍA INTERNACIONAL DE LOITA CONTRA O NAZISMO

O capitalismo, que non é unha expresión manida nin surrealista, significa acumulación de riqueza por uns poucos (banca e multinacionais, sobre todo, que provocan todas as incertezas denominadas, con eufemismo, ‘desaceleración’, crises, etcétera). O capitalismo, que vén enriquecéndose dende tempos inmemoriais grazas á numerosa man de obra universal que procura exclusivamente a supervivencia, establece todos os principios negativos da sociedade (antes, agora e logo): contaminación (subministra o consumo masificado para producir máis ataduras), ‘terrorismo’ (establecendo a desigualdade social en todos os campos da educación, negando ou establecendo un determinado tipo de cultura), inestabilidade (acumulando bens de consumo para orixinar inflacións), etcétera.
O capitalismo, que se acha establecido na sociedade dende a aparición da propiedade privada, estableceu un sistema de control a través da denominada ‘libre competencia’, que non é nin máis nin menos ca fórmula para o enriquecemento duns poucos en menoscabo dunha gran maioría. Así vemos como, na actualidade, países de África, Asia ou América Latina, ou incluso Europa, se achan en condicións infrahumanas sen apenas posibilidades reais de supervivencia.
A propaganda dos medios de comunicacións capitalistas e tan sangrante, tan descarada, tan nazi, que a estas alturas parece que non existe posibilidade algunha de contrarrestar tal escalada de malformación e desinterese xeral pola situación real de gran parte da humanidade. Os estados capitalistas, a través da ONU (organización nazi universal), en lugar de sentarse a negociar e constituír elementos de produción básicos nestas áreas deprimidas, apoian a gobernos monicreques, que se enriquecen a través de concertos unilaterais, mentres as súas poboacións morren a cotío sen acadar máis, nalgúns casos, ca uns grans de arroz ou cousas polo estilo. Esta é nin mais nin menos ca a realidade. O mundo dos ricos (poucos) e o mundo dos pobres (moitos). Acaso non son redutos semellantes aos propiciados polos nazis durante a guerra europea denominados campos de concentración?
E o primeiro de maio de 1886 parece que está presente en 2008. Case a mesma situación, a mesma historia: o acoso sistemático aos traballadores. Como expresaba humoristicamente un presentador iconoclasta nun programa de televisión, «debemos montar un banco para que nos boten unha man». Tal acontece nesta ‘perfecta’ sociedade ou sucidade capitalista: Nos EE UU botan man á caixa e ‘inxectan’ moreas de cartos ás entidades financeiras. O mesmo acontece no Reino Unido. Por que ás sociedades financeiras? Porque o capitalismo é así, apóianse uns a outros. E porque os gobernos non os nomea o pobo ―coma eles din―: noméaos o capitalismo, que é quen lles concede eses créditos tan xenerosos para realizar esa espléndida propaganda das campañas electorais. Iso si, para a precariedade non queda nada.
Pois a iso íamos. O primeiro de maio debe ser o día da conciencia, o día no que o mundo tome boa nota e prohiba con todas as súas letras este tipo de aberracións. O día de que a propaganda nazi deixe de esmagar os sentimentos dos seres oprimidos. A redución do horario laboral a oito horas que esixía Alberte Parsons, líder da organización Cabaleiros do Traballo de Chicago, talvez pasou á historia nalgúns países capitalistas. Sen embargo noutros aínda traballan quince ou vinte horas diarias. E nalgúns incluso escravizados. E hainos tamén que escravizan a menores.
Con todo, a historia que mostrou sempre que a única maneira para acadar un anaco de mellora era a loita contra as imposicións, o primeiro de maio de 2008 debe servir para acabar coa propaganda do nazismo capitalista. Para que se esquezan de tratármonos coma parvos. Non teñen perdón. Son traizoeiros, ruíns e merecerían estar encadeados.

viernes, 25 de abril de 2008



25 DE ABRIL
O 25 de abril de 1974 un grupo de capitães do exército portugués ―que participaron na guerra colonial africana― decide rebelarse e enfrontarse á ditadura de Marcelo Caetano(1), substituto (dende 1968, primeiro debido a unha enfermidade, e finalmente tras a súa morte, en 1970, xa como xefe do goberno portugués) de António de Oliveira Salazar(2).
Portugal, que contemplaba unha forte inflación derivada do seu desgaste coa guerra colonial en África, mantíñase practicamente recluído nunha gaiola, coas liberdades básicas erosionadas: agás unha tímida apertura de prensa, o pobo portugués achábase totalmente falto de xustiza en todas as súas ordes. Os militares que cumprían grandes quendas de servizo na guerra de África e non vían que a situación puidese mellorar a curto prazo, decidiron mostrar a súa oposición ao goberno a través dun golpe militar organizado por un grupo de oficiais do exército. A data indicada foi o 25 de abril de 1974. Finalmente, Marcelo Caetano foi derrocado e debeu exiliarse en Brasil. A este enfrontamento denominóuselle ‘a revolución dos caraveis’. Os rebeldes, malia que se opuxeron co seu armamento militar, apenas o utilizaron. Pódese dicir, que botaron ao ditador ‘sen disparar un só tiro’.
Por esas datas celebrábase un ‘Encontro da canção portuguesa’ no que participaba o cantautor José Afonso(3). A censura só permite que cante dúas cancións: Milho Verde e Grândola, vila morena. O público pídelle que repita unha e outra vez Grândola. Poucos días antes do ‘Golpe dos Capitães’ canta en Santiago.
O momento sinalado para o comezo da operación rebelde era precisamente a súa canción Grândola que debía soar a través das ondas. E así aconteceu. E así quedou para a historia unha ‘revolución’ identificada cunha canción que, entre outras cousas, dicía así: «Grândola, vila morena, terra da fraternidade, o pobo é quen máis ordena [...] Em cada esquina un amigo, en cada rostro igualdade [...]».
O 25 de abril cólleo en Lisboa durmindo na casa dun amigo que lle dera refuxio porque a PIDE quería prendelo. Non dá creto ao que ve ata albiscar o asalto á sede da propia PIDE. Tampouco é consciente do fenómeno que significa ter sido usada a Grândola como contrasinal do golpe ata que os diversos intentos involucionistas posteriores posibilitan que o pobo utilice a canción como arma democrática. A partir dese momento, a actividade do Zeca Afonso multiplícase tanto dentro coma fóra do país, axudando ás incipientes cooperativas agrarias, consolidando as liberdades, nun exercicio lúcido e total de entrega solidaria da súa existencia, como home e como artista. No fin dese ano crucial grava Coro dos Tribunais. Tamén ese ano impulsa, xunto cos compañeiros de canción (entre os que estaban J. Mário Branco, Adriano Correia de Oliveira, Vitorino, Júlio Pereira, Fausto e Luís Cilia) o “Colectivo de Acção Cultural” coa procura de loitar colectivamente polas reivindicacións dos traballadores e do movemento democrático popular. [Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS / GRAN ENCICLOPEDIA GALEGA]

1.- Marcelo das Neves Alves Caetano (Lisboa, 1906; Río de Xaneiro, 1980) cursou estudos de Dereito. Estreito colaborador de António de Oliveira Salazar, en 1933 participou na elaboración do texto constitucional de 1933 e entre 1944 e 1947 exerceu como ministro das Colonias. Presidente da Cámara Corporativa (1950-55), ministro adxunto á presidencia (1955-58) e reitor da Universidade de Lisboa. Derrocado pola ‘revolución de abril’, malia que adoptou no seo do réxime posicións de moderado aperturismo con tímidas críticas aos excesos do ditador Salazar, logo de ser elixido xefe do goberno (1970) continuou coa liña antidemocrática do seu antecesor, arruinando coas guerras coloniais as finanzas estatais.
2.- António de Oliveira Salazar (Santa Comba Dão, 1889; Lisboa, 1970) cursou estudos de Economía na Universidade de Coímbra. Nomeado ministro de Finanzas (1928) polo xeneral António Óscar de Fragoso Carmona logo de se facer co goberno portugués (1926). Presidente do consello de ministros seis anos despois, en 1933 estableceu unha nova constitución que promovía un réxime corporativo e de partido único. Cun réxime de terror policial a través da PIDE, a súa policía política, creou un sindicato mediante o apoio de banqueiros e industriais que eliminaba a posibilidade de protesta. Suprimiu o dereito de folga e a liberdade de prensa. E nas colonias portuguesas de África reprimiu os movementos nacionalistas. En 1968 sufriu un ataque de apoplexía e foi substituído provisoriamente por Marcelo Caetano.
3.- José Manuel Alonso Cerqueira dos Santos (Aveiro, 1929; Azeitão, 1987) foi cantor, poeta e compositor antifascista portugués que tivo unha notable influencia na música e canción populares en Galiza a partir dos anos 70. Logo dunha infancia a cabalo entre África (Angola e Mozambique) e a metrópole, instálase na casa dunha tía en Coimbra onde coñece ao guitarrista António Portugal. En 1949 comeza a destacar como cantor de fado de Coimbra, modalidade musical exclusiva da zona. Contacta alí con nomes importantes da vida académica e con músicos non profesionais como o guitarrista Flavio Rodrigues (barbeiro) ou Cristina Matos (cantadeira popular). Viaxa en 1952 a Galiza por primeira vez como membro da Tuna de Coimbra, visita que non lle dá oportunidade de contactar coa realidade galega. Inicia unha atribulada carreira de profesor de ensino secundario que o leva por varios puntos do país. En 1958 grava o seu primeiro disco, Baladas de Coimbra, con temas alleos, propios do xénero, e participa en Lagos no movemento creado en torno da candidatura do xeneral Humberto Delgado ás eleccións presidenciais (o xeneral sen medo sería asasinado pola PIDE, policía política do réxime de Salazar, en terras de Badaxoz en febreiro de 1963). O Zeca, como era coñecido popularmente, grava Balada de Outono, primeiro disco con temas propios, que pode considerarse como o primeiro fito da revolución musical que se estaba xestando en Portugal. En 1960 o movemento democrático estudiantil de Coimbra axítase e as cancións Os Vampiros de J.A. e Trova do tempo que passa de Adriano Correia de Oliveira convértense en auténticos himnos de liberación.




miércoles, 23 de abril de 2008


A Consellería de Cultura promove a falsidade

A Axencia Galega do Audiovisual —a través da súa páxina— publica, sen rigorosidade ningunha, informacións que non coinciden coa realidade. Así, na ‘entrada’ relativa a Sepi Bazarra, entre outras cousas, sinala que é o «guionista e realizador do documental de vídeo Moncho Valcarce, o cura das Encrobas» —producido por Novos Vieiros, 2003—. Sen embargo, dito traballo —tal e como se indica no elenco― realizouno e produciuno Roi Carballido logo de terllo encargado a mencionada editora.
Brais do Castro, autor do guión, solicitoulle a Axencia Galega do Audiovisual que rectificase a entrada, sen obter resposta ningunha ao respecto. Dirixiuse entón á propia consellería —dado que a axencia depende da mesma— e produciuse a mesma circunstancia.
Finalmente, nin unha nin outra realizaron rectificacións. E, como mínimo, esquecéronse da cortesía que debe ser propia das institucións e dependencias gobernamentais. Nese aspecto, débese entender que tanto a consellería coma a axencia dedican os seus aparatos á promover a falsidade. Información de CLELIA ZUCCA, coordinadora de OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate)


Crítica A INCULTURA DA SEÑORA BUGALLO

A señora Bugallo, a quen arrepían os correos electrónicos —a súa secretaria salientou que o seu correo propio na consellería «é para cousas máis íntimas», tal cal—, móstrase tan irresponsable coma os seus antecesores, blíndase ante calquera acción directa mediante os filtros de sempre xerados polo protocolo de sempre. E iso tradúcese en incultura, dado que se arreda das cuestións máis sinxelas, esquecéndose da realidade diaria.
A señora Bugallo, polo tanto, descoñece canto sucede arredor dos mecanismos inseridos no seu departamento e non sabe ou non quere saber cómo se promoven ou pronuncian as ‘células’ dependentes da súa competencia. E iso tamén é incultura.
BRAIS DO CASTRO

domingo, 13 de abril de 2008






VIVA A REPÚBLICA!

A partir da proclamación da Segunda República [14 de abril de 1931] comezou un proceso de cambios lexislativos renovadores nos eidos educativo, agrario ou territorial, acelerados coa vitoria das candidaturas da Fronte Popular nas eleccións de febreiro de 1936. En Galiza díxose si tamén á autonomía. E Castelao advertiu que cando a dereita «decatouse de que sabiamos e queriamos nos gobernar, de que non eramos tan parvos, chamou polas catro bestas do ‘apocalipse’ e desatou o terror». Segundo Máiz Vázquez, a escusa proporcionouna o trunfo da ‘fronte popular’, que agudizou a «forte tensión social e política que se viña arrastrando dende abril de 1931». Foron uns «militares afeitos ao intervencionismo político, en conivencia cos sectores máis conservadores, reaccionarios e tradicionalistas da sociedade civil e a bendición da Igrexa católica» quen estragaron as liberdades constitucionais. Con anterioridade, en agosto de 1932, o xeneral Sanjurjo xa tentara derrocar a nova República «co esquema clásico do pronunciamento militar do século XIX, o mesmo que o xeneral Primo de Rivera reproducira con éxito en 1923, malia que poucos seguiron a Sanjurjo e tomou o camiño do exilio».
A belixerancia entre os antirrepublicanos contra as organizacións de esquerda sinalou novamente a Galiza quen, xunto con Asturias [outubro de 1934], produciu máis accións revolucionarias. «Esas conspiracións militares con apoio civil comunicáronselle reiteradamente ao goberno [da República] a través das organizacións políticas e sindicais agrupadas na Fronte Popular da Coruña, Vigo e Ferrol, que percibiron axitación nos cuarteis dende os días finais de febreiro, en marzo e nos inicios de abril de 1936; reunións nos cuartos de bandeiras dos cuarteis do Exército e nas comandancias da garda civil da Coruña e Ourense, consignas golpistas que circulaban en determinados medios da Armada, fascistas que se armaban, etcétera». Pero aínda que se descubriu a conspiración nun primeiro momento, tampouco parece que o goberno lexítimo a tomara moi en serio, malia que si o era. « A práctica totalidade dos xefes e oficiais do Exército, da Armada e das forzas policiais, por convición ou por unha absurda obediencia á disciplina
xerárquica, participaron na rebelión». Parece que apenas dous xenerais, un contraalmirante, tres coroneis, un capitán de navío, dous tenentes coroneis, sete comandantes, catorce capitáns, dous tenentes de navío, máis oficiais menores e suboficiais mantiveron o seu xuramento de fidelidade á legalidade republicana, fidelidade que lles custou a vida ou a perda de liberdade.
De aí que mentres nas rúas producíanse atentados e enfrontamentos entre os fascistas e as milicias obreiras, entre os días 5 e 12 de xullo de 1936, «durante unhas manobras militares no daquela Marrocos español, os enlaces dos conspiradores deran xa os últimos toques». Sábese que o día 11 saíra de Londres rumbo ás Canarias o avión inglés que transportaría a Franco a Marrocos. O xeneral, que se denominaría logo ‘xeneralísimo’, destruiría á República e todo canto significaba. E á súa morte sucederíao un monarca instituído por el mesmo, sen sinal ningunha de protesta polos denominados políticos ‘da transición’.
En 2008 aínda non foi restaurada esa República democrática. E no seu lugar o Estado dispón dos restos daquel ditador que morreu de vello: un monarca. Iso si, a algúns xuíces preocúpalles o que sucedeu noutros lugares (Arxentina ou Chile), pero non o que aconteceu no seu propio país. BRAIS DO CASTRO. Fontes: Gran Enciclopedia Galega / BERNARDO MÁIZ VÁZQUEZ.

viernes, 11 de abril de 2008


ASÍ TRATAN AOS TRABALLADORES

Entre empresa, mutua e institucións laborais incúmprense todo tipo de normativas. O caso da traballadora mancada por unha máquina peladora (en Isidro de la Cal, Bergondo, A Coruña) supón unha mostra máis sobre as inxustizas no eido laboral.
E é así como trataron a unha operaria na mencionada empresa. Primeiro impídenlle a asistencia sanitaria no lugar máis próximo ao seu centro de traballo e logo a mutua dáa de alta aínda sen ter sido debidamente curada.
A Central Unitaria dos Traballadores (CUT), que presentou hai un mes unha queixa ante a Inspección de Traballo da Coruña ―dada á consideración de accidente ‘leve’ consignado pola mutua―, insiste na incapacidade desta institución: tardou máis dun mes en presentarse na empresa. Posteriormente, a traballadora accidentada, citada pola inspección, foi ‘asesorada’ pola empresa para que a desgaxase da súa responsabilidade. Sábese que nesa empresa cámbiase continuamente de dirección e que os responsables dos mecanismos de produción descoñecen as normas mínimas de seguridade e hixiene no traballo. Por outra parte, a mutua coñecendo cál é o labor que realiza esta operaria (traballo nunha zona húmida, con risco de infeccións de todo tipo) procede a asignarlle a alta cando a ferida aínda non cicatrizara. Isto, unido á pésima actuación da Inspección de Traballo, que se limita a confrontar cos responsables empresariais sen realizar unha investigación a fondo sobre os sistemas de produción, relega aos traballadores á mingua, como mínimo, dos seus dereitos constitucionais. [Informción de BRAIS DO CASTRO]

miércoles, 2 de abril de 2008

O CONFLITO GRUPAL
Por Xavier Dans Mayor

O conflito é un dos problemas máis frecuentes que xorden na dinámica dos grupos. Todo grupo está, constantemente, resolvendo problemas e tomando decisións. Pero cando se fai cargo dunha tarefa, moitas veces, adoitan enfrontarse a certas dificultades internas que poden ter unha repercusión negativa no desenrolo do seu traballo e no seu rendemento.

Que é?
Entendese por conflito de grupo as disparidades de opinións, a amplificación da carga afectiva nas relacións, a tensión, a impaciencia, a falla de disposición, a falla de interese por escoitar e por comprometerse, a falla de acordos e as mutuas e recíprocas acusacións e reproches. Pódese entender o conflito social como unha loita, unha loita polos valores, polo poder ou polos medios, unha loita na que os intereses en mutua contradición se neutralizan reciprocamente, se lesionan ou se exclúen. Pero o conflito, ademais, pode ser positivo, pode servir para eliminar os elementos que separan e restablecer a unidade no grupo. O conflito pode levar a unha solución das tensións.

Síntomas xerais do conflito:
―Os membros móstranse impacientes uns cos outros.
―Atácanse as ideas, aínda que non estean totalmente desenroladas.
―Os membros toman partido e néganse a ceder.
―Os membros non se poñen de acordo sobre propostas e planos.
―As opinións expóñense con agresividade.
―Danse entre os membros ataques persoais dun xeito solapado.
―Critícase o grupo e a súa capacidade.
―Ponse en dúbida a autoridade do director do grupo.
―Os membros do grupo repróchanse mutuamente de non entender a verdadeira natureza do problema.
―Negan reciprocamente as contribucións de cada quen.

Formas de tratar os conflitos:
Realmente só existe interese na resolución dun conflito cando se desexa a continuidade do grupo. A continuación expoñemos, en grao crecente de madurez, as diversas respostas coas que un grupo pode afrontar o conflito:
―Evitación: O conflito negase ou encóbrese.
―Eliminación: A oposición vese na obriga de abandonar o grupo.
―Opresión: Domínase á minoría con todos os medios do poder do grupo.
―Consentimento: A maioría imponse pero a minoría acata sen se humillar
―Alianza: As partes non ceden pero se poñen de acordo transitoriamente para acadar o obxectivo común. Conxélase o conflito.
―Compromiso: As partes, respectando as diferenzas, chegan a un pacto de convivencia; ceden, mais sen abandonar as súas posicións.
―Integración: Nesta forma de solucionar o conflito as opinións contraditorias discútense, equilíbranse e formúlanse de novo. O grupo como conxunto elabora unha solución, que pon de acordo a todos e mellora as propostas parciais. Porén esta solución é a máis madura, pero tamén a máis difícil de acadar.
En resumo, o conflito haino que remitir a intolerancia dos sistemas sociais. A mellor protección contra os conflitos esta en asumilos e en sabelos abordar e planear.