martes, 22 de agosto de 2006


CAMIÑO DE ZOELAE
CLELIA ZUCCA

Non sei cánto tempo transcorrera, pero decidín non inmutarme por iso. Eu falaba soa, incluso en aimara. Coidaba que ata correctamente. Xa completamente extenuada, un roneivi aterra á miña altura. Non sabía se sería unha broma máis, desas que realizan algúns para despistar, cos seus escintileos reflectindo que paran e logo pasan de longo, a gran velocidade. Pero, non. “Vou cara a Cadoalla. Se queres, podes vir”, díxome o condutor. Compartimos a mantenza, da de verdade. Eu puxen o pan fresco e algunha noz. E cando chegamos a Cadoalla despedímonos cunha coliflor.
En Cadoalla merquei algunhas cousas que eu necesitaba. E tamén, por certo, queixo. E iniciei o percorrido cara a Zoelae.
Parecíame todo un paraíso: collín mazás, caracois e certas herbas aromáticas, que abundaban. Incluso atopei unha cabana para pasar a noite. Mais non acabou aí a cousa: cando intentaba reorganizarme, admirando a paisaxe e todo iso, apareceu un grupo de xente predisposta á festa: e patatín, patatán. Qué podo dicir.
Cunha gran lúa invisible sobre o teito e unha grande escuridade nos pés, na miña cabeza aparecen todas as ladaíñas esquecidas da miña orixe. Malia todo, hai fermosura no silencio. Había ben tempo que non gozaba como agora. A noite humedece e subliña os meus sentidos, ás veces con perfección. O lume está asegurado. Abastecéronme os visitantes: deixáronme un feixe de escarvadentes, xunto cun par de extintores de primeira categoría, e tamén víveres para un bo espazo de tempo. Uns seres estupendos. E nestas, mentres danzan as faíscas, áchome nun estado letárxico total. Pena de música. Aquí só falta a miña xente.
—Oia, baixe de aí! Como teñamos que movela nós!
A bucina do automóbil verde, cunhas pintiñas laranxas nos dentes, espertou a Hirsi.
—Veña, baixe! —berroulle a compañeira do condutor, enfundada na súa gorra de prato con insignia dourada, facendo eco.
Hirsi fitou as dúas figuras e volveu á realidade, que non tiña moito que ver coa súa imaxinación: tan cansa estaba, que incluso soñaba enriba daquel aramado.



viernes, 11 de agosto de 2006

QUÉ É OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate)

Trátase dunha asociación constituída na Coruña en 1996 coa fin de criticar os intereses persoais, colectivos, empresariais, institucionais e aqueloutros que non respecten a liberdade individual en calquera dos matices que humillan, reprimen ou violentan ao ser humano. Para o cumprimento destes obxectivos a asociación desenvolverá todo tipo de actuacións encamiñadas á denuncia, informando publicamente das súas investigacións, ben por medio de actos específicos, de instrumentos formais xa existentes ou mesmo desde tribunas propias creadas para tal fin. Na actualidade a coordinadora de OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate) é Clelia Zucca.


Imaxe de Clelia Zucca, coordinadora de OLLO CRÍTICO (Asemblea de Comunicación e Debate). A Coruña, 2006.

MIRANDO CARA A OUTRO LADO

MIRANDO CARA A OUTRO LADO
É unha magoa. Pero é así. Foi onte, hoxe e será mañá. A humanidade mira cara a outro lado. “Mentres non nos toque a nós”, que coida que non será xamais. A historia está chea de antecedentes que contemplan situacións semellantes. Pero permanecemos alleos a algo que debera involucrarnos por completo: o armamento. Por que non dicimos non dunha vez por todas? Por que permanecemos impasibles como se non pasase nada?
Xa non é cuestión de nomes e datas (Gernika, Hiroshima, Iraq, Líbano, etc.). Trátase de nós. Do que queremos. Do que naturalmente desexamos. E do que non queremos. Co que non simpatizamos. Trátase de cambiar dunha vez por todas. Ou acaso todo isto é unha fórmula verbal ou retórica, unha mesquindade propia do humano?
Se ben é certo que a sociedade no seu conxunto é un establecemento de intereses dirixido para desgornecer a liberdade individual, hoxe máis ca nunca imponse a profilaxe de pensar, de xeito que os procedementos alleos ao comportamento racional queden á marxe da historia da humanidade. © BRAIS DO CASTRO