MALICIA. 666
XAVIER DANS MAYOR
Sinala Plinio O Vello: “Os cronistas polemizan por mor da existencia real ou imaxinaria de Malicia; para uns, un mito; para outros, civilización lendaria. Mais todos conveñen en situala no cabo do mundo, alí onde se asentaba A Ledicia, o primixenio Xardín das Hespérides, paraíso de froitas douradas, de leite e mel tan doces coma a ambrosía ou o néctar do Olimpo” [sic]. Plinio O Novo relata: “Disque vivían nunha sorte de felicidade irmandiña ata que un heroe hercúleo decapitou ao boieiro maior, espallou o gando e ergueu ao pé da súa cabeza unha torre luminosa dende onde reinou usurpando bens e subxugando vontades. Ledicia afundiuse nunha tolemia colectiva na que os irmáns se daban morte culpándose mutuamente do asasinato do bo pastor e do seu miserento destino. Así morreu A Ledicia e así naceu A Malicia: Deus fratesque Mallaecia” [sic]. Séculos despois Averroes, de viaxe por Malicia, subliñaría: “Rexión pobre e atrasada, na que a beleza salvaxe das súas paisaxes contrasta coa incultura e vilanía das súas xentes. Os Mallegos ou Malegos, como se nomean a si mesmos no seu dialecto, son baixos, morenos, preguiceiros e sucios, e malia o abondoso dos seus ríos non beben auga, senón viño quente para combater a friaxe. A súa dieta componse principalmente de pataca e castaña. Unha vez ao ano sacrifican un porco e de contado se entregan a unha bacanal de carne e grelos acompañada polos sons dun instrumento semellante aos órganos xenitais masculinos. Este detalle xa di moito do seu carácter” [sic]. Dante canta: “Malegos, fillos avergoñados da Ledicia, / do malo escolledes o peor / e coa man pechada pola avaricia / con moeda falsa pagades o amor” [sic]. Hai pouco Montesquie cualificou a sociedade Malega de malévola e engadiu: "Os mesmos que debían acabar cos males son quen os conservan, pois deles viven” [sic]. Esta é a historia do Antigo Reino de Malicia. Malegos, os tempos son chegados! Espertade do voso pesadelo e restituíde na súa república a moi fiel e leal e case que desaparecida Ledicia!
jueves, 19 de octubre de 2006
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario