jueves, 4 de septiembre de 2008

'CAL VIVO, CAL MORTO, A DERRADEIRA FESTA'



Estrea en Compostela o 11 de setembro

Por BRAIS DO CASTRO

‘Cal vivo, cal morto, a derradeira festa’, documental realizado por Mariano Casas e Duarte Fernández (48 minutos), será estrea en Compostela o próximo xoves 11 de setembro ás nove da noite no Teatro Principal de Compostela [coincidindo coa data do asasinato de Salvador Allende Gossens, en Chile].
Subvencionado pola Consellería de Cultura, trátase dun traballo que reflicte a historia dos últimos ‘caleiros’ que sobreviviron nun oficio milenario, se ben obsoleto na actualidade. O documento, que xa for presentado con anterioridade en Mondoñedo e Ourense, segundo os realizadores, «mostra cómo estes sobreviventes cocen a pedra calcaria durante uns días nunha gran cheminea e así producen o cal (noutrora, unha industria da que viviu moita xente na zona da Mariña Central). Os últimos caleiros, hoxe xa octoxenarios, celebran unha derradeira ‘queima’, co fin de que o seu oficio e o dos seus antepasados non morra canda eles. Dita queima será unha gran festa que os veciños do Masma (Mondoñedo) aproveitarán para narrar en primeira persoa cómo desenvolvían o seu antigo labor».
Mariano Casas (Madrid, 1971) dirixiu as curtametraxes ‘Sirenas’ (2003) e ‘Plans de voda’ (2005).

No hay comentarios: