lunes, 29 de septiembre de 2008

ISIDRO DE LA CAL CONTINÚA COA 'LIMPEZA'
Os tres candidatos da CIG que se presentaron ás eleccións fican fóra da empresa
(A Coruña, Por Ataúlfo de Ferabrás).- Pendentes da formalidade do fallo de Maxistratura, que debe decidir nas próximas semanas se readmite as dúas traballadoras despedidas incluídas nas listas da CIG na segunda quenda electoral (unha delas, elixida delegada), Isidro de la Cal ‘desfíxose’ do terceiro representante desta organización sindical, e a cuarta candidata na primeira quenda está a ser acosada sistematicamente.
Por outra parte, os representantes da CUT non son mellor tratados: A Mónica María Caridad (elixida delegada na primeira quenda) ‘rebaixárona’ das súas funcións como encargada de liña e, logo de que denunciou o comportamento violento dunha operaria ao seu cargo, «foi mobilizada do seu labor anterior e illada a zonas arredadas». Incluso, cunha alta inestabilidade alérxica, risco que a empresa coñece, «obrígana a realizar traballos, baixo ameazas solapadas, con determinados produtos químicos». En varias ocasións ‘suxeríronlle’ «a saída voluntaria da empresa». Fontes solventes aseguran, así mesmo, que a empresa está a realizar unha limpeza xeral de traballadores incluídos nas listas electorais, agás dos da UXT, «central que representa ao sector administrativo e directivo».

A ISIDRO DE LA CAL
A CONSTITUCIÓN
IMPÓRTALLE UN CARALLO

POR BRAIS DO CASTRO
braisdocastro@gmail.com

A que de primeiras foi unha empresa de corte familiar que se estableceu mercé á benevolencia da ditadura franquista, co devir foise reconvertendo sen abandonar os seus modos ditatoriais herdados do anterior réxime. Na actualidade, a situación laboral no centro de Isidro de la Cal de Cambre (A Coruña) é alarmante. Se hai días denunciabamos a política pouco menos que escravista desta empresa e a abulia das institucións garantes dos dereitos dos traballadores (Inspección de Traballo), hoxe debemos insistir en que esta actitude contumaz de ‘ordeno e mando’ debe pararse.
Isidro de la Cal parece intocable. Ningún medio de comunicación privado ousa informar sobre o que acontece nese establecemento. Tampouco se investiga o destino das subvencións proporcionadas pola Xunta de Galiza a través dos fondos da UE. Os traballadores entran e saen a cotío. As ‘empresas’ de traballo temporal (como Ábside, por exemplo) procuran que se manteñan os tránsitos nesa barreira que non acada os 50 traballadores necesarios para constituír un comité de empresa con cinco representantes. Con todo, incluídas as dúas traballadoras despedidas, no momento das eleccións a empresa superaba os 51 traballadores. A fraude é evidente.
A historia sindical de Isidro de la Cal no centro de Cambre é moi significativa e debe ser investigada a fondo. En 2002 falábase xa dun grande investimento para a construción dun centro dedicado a actividades mariñas, que xerou certas perspectivas no ámbito laboral. En 2008 a empresa non dispuña de representantes legais dos traballadores e debeu ser un grupo reducido quen as reclamase mediante a recollida das sinaturas necesarias. Á empresa non lle agradou o asunto, pero debeu admitir a convocatoria de eleccións, se ben contaba cun as na manga: sería para delegados, porque o número de traballadores ‘fixos’ da empresa non superaba os 49.
Foi unha trangallada: por parte dos sindicatos, que descoñecen (ou non traballan arreo para informarse) que tamén son traballadores da empresa aqueles cunha antigüidade dun ano (sexan ‘indefinidos’ ou temporais) e que, polo tanto, no momento da convocatoria electoral o número superaba os cincuenta. Isto é, deberían ser eleccións para comité de empresa (cinco) e non ‘parciais’ para elixir tres delegados.
Outra cuestión é a de fondo. A CIG esqueceuse da cuestión electoral. Debeu ser unha traballadora quen puxese ao tanto a esa central, que realizou a súa aparición logo da constitución da mesa. Que pasa? Antes estiveron durmindo?
Coas eleccións en marcha, a empresa despediu a tres traballadoras, se ben só unha delas era afiliada á CIG e á terceira nin sequera lle interesaban as eleccións.
A empresa viu a oportunidade para o despedimento das tres dunha tacada, así ninguén podería dicir que era unha manobra ‘política’. A CIG, fiel ao seu oportunismo, impugnou as eleccións, pese a que a CUT (unha central de clase coma a CIG, pero menos influínte) acadou dous representantes, por un que lle correspondeu a UXT (central que representaba á empresa, é dicir, aos traballadores de ‘alto standing’). Repetíronse as eleccións coas candidatas da CIG despedidas, e a CIG acadou un delegado (outro a CUT, que perdeu un pero recibiu máis votos, e outro UXT).
Hai uns días a empresa botou ao número tres da lista da CIG. E na actualidade, formalmente, ata que Maxistratura falle, non queda na empresa ningún dos candidatos da CIG presentes na súa segunda lista electoral.
A conclusión final é que os traballadores da empresa seguen sen representación sindical. Polo tanto, unha vez máis quen perderon foron os traballadores.
Esta é a grandes trazos a empresa Isidro de la Cal. E a grandes trazos a actuación sindical. E a parsimonia das autoridades laborais, como a Inspección de Traballo, que cando inspecciona, en lugar de inspeccionar parece que avisa, e a empresa pon en marcha os seus mecanismos de defensa.
E agora fagámonos unha pregunta: É isto o que realmente acontece na maioría das empresas e nas institucións que deben velar polos dereitos laborais ou é só un caso illado?
Quedamos á espera das novas dos próximos días. Pero moito nos tememos que algúns traballadores máis de Isidro de la Cal deberá aclarar as súas dúbidas na Maxistratura de Traballo da Coruña.