martes, 28 de octubre de 2008


QUEN MERECEN MÁIS RESPECTO:
OS VAGOS OU OS DELINCUENTES?


POR ATAÚLFO DE FERABRÁS
Xavier Gómez Navarro. Madrid (1945). Enxeñeiro Técnico Industrial, ligado ao mundo editorial (Cuadernos para el Diálogo, Tania, Viaxar e Fundación Ortega e Gasset) e ao turismo (Feira Internacional do Turismo, Viaxes Marsans), finalmente optou pola empresa promovendo a creación do Club de Empresarios (1985). Dende 1987 a 1993 converteuse en secretario de Estado para o Deporte, etapa na que os clubs de fútbol e baloncesto pasaron a establecerse como sociedades anónimas (agás algúns privilexiados como o Real Madrid, Barcelona ou Atlético de Bilbao), e exerceu como vicepresidente dos Xogos Olímpicos de Barcelona (1992).
Ministro de Comercio e Turismo nomeado por Filipe González (1993-96), dende 2005 é presidente do Consello Superior de Cámaras de Comercio.
Gómez Navarro, que dirixe as empresas MBD Consultores Business Intelligence, dedicada ao consello empresarial, e ALDEASA, exerce no seu tempo libre como patrón do Teatro Real.
MBD Consultores Business Intelligence aplica, segundo a súa web, «coñecementos contrastados para converter datos dos seus clientes en recomendacións e ferramentas estratéxicas e creativas capaces de orientar solidamente a toma de decisións». Que é o que queren dicir?
ALDEASA sinala que a súa liña principal de negocio é «a distribución comercial aeroportuaria, que supón o 97,7% dos ingresos. Durante 2007 a cifra de negocio do grupo ascendeu a 849,8 millóns de euros, cun incremento do 14,2% respecto ao ano anterior. Na actualidade, a compañía xestiona establecementos en 45 aeroportos nacionais e internacionais e dispón de 268 tendas en todo o mundo con máis de 53.000 metros cadrados dedicados ao comercio, e máis de 3.200 empregados despregados en 16 países».
O Teatro Real depende do Ministerio de Cultura, Educación e Deportes. E unha das actividades de ALDEASA é a xestión de espazos comerciais «en recintos culturais». E ALDEASA é a «única empresa do sector con presenza neste ámbito».
Quererá investigar isto algún medio de comunicación dos denominados ‘formais’?

jueves, 23 de octubre de 2008


AS ‘NAIS DO SÁBADO’ EN ISTAMBUL

Por Brais do Castro

Turquía non é Arxentina e quizais por iso non interese a súa grave problemática de morte e desaparición. Dise que a poboación kurda roldaba os corenta millóns antes de que for diseminada entre Turquía, Irán, Siria e Iraq. Na actualidade parece que moran en Turquía algo máis de vinte millóns de kurdos imposibilitados de exercer os seus dereitos como comunidade propia.
A partir do golpe de Estado de 1980 sucedéronse as masacres nas que padeceron represión, morte, desaparición e violacións de todo xénero milleiros de kurdos (incluídos anciáns, mulleres e nenos). E logo da desaparición, atribuída ao Estado, dun membro do comunidade kurda, Hassan Ocak, a súa familia iniciou unha campaña esixindo información, que xerou o comezo da loita organizada en contra das desaparicións en Turquía. Segundo o ICAD, Hassan Ocak, que foi torturado, apareceu morto nun cemiterio para descoñecidos logo de vintecinco días de busca. Dende 1995, as nais dos ‘desaparecidos’ nomeáronse as ‘Nais do Sábado’ e realizan manifestacións e concentracións cada sábado en Istambul, diante da escola Galatasarai.
Na actualidade, o Kurdistán sitúase entre Turquía, Irán, Irak e Siria. A súa orixe non deriva do resto dos pobos de Oriente Medio. O pobo kurdo posúe a súa propia cultura e a súa propia lingua. Referíndonos ao século XX, logo da primeira guerra mundial, hai indicios para concederlle a autodeterminación aos pobos baixo o imperio otomán, entre eles o pobo kurdo, se ben a partir do descubrimento dos grandes depósitos de petróleo, entre 1923 e 1926, no denominado Kurdistán iraquí, tanto o Reino Unido coma Francia crean directivas de influencia (en Iraq con dominio británico, e en Siria con dominio francés). A sinatura do tratado de Lausana propicia o Kurdistán actual baixo ocupación turca, siria, iraquí e iraniana.
O imperio otomán (1299-1923), no seu máximo esplendor, entre os séculos XVI e XVII estendíase por tres continentes e controlaba parte do sueste europeo, o Medio Oriente e o norte de África, limitaba ao oeste con Marrocos, ao leste co mar Caspio e ao sur con Sudán, Eritrea, Somalia e Arabia; constituíano 29 provincias, con Moldavia, Transilvania e Valaquia como vasalos.
Integrados nunha gran familia de pobos indoeuropeos, os kurdos asentáronse no espazo que ocupan na actualidade cara ao 2500 antes da Nosa Era. O Kurdistán antigo é unha rexión do suroeste de Asia que engloba territorios de varias nacións (Irak, Irán, Turquía, Armenia e Siria). O seu territorio salienta principalmente polas súas zonas montañosas formadas polos montes Taurus, ao sur de Turquía, Zagros e Elburz (suroeste e noroeste de Irán).
Algúns analistas calculan en 30.000 o número de persoas asasinadas dende 1980 ata a actualidade, millóns de kurdos deberon emigrar cara a outros países de Europa e preto de 3.000 aldeas e vilas foron destruídas polos uniformados. Sen dúbida, un xenocidio que aínda non foi recoñecido como tal polo denominado Tribunal Penal Internacional.
Pese a que a Unión Europea solicítalle a Turquía, coa boca pequena, unha democracia como condición ‘sine qua non’ para integrarse, a realidade é que a represión continúa con sistemática crueldade para a poboación kurda.

jueves, 9 de octubre de 2008


WILSON, Jack.

Por Ataúlfo de Ferabrás

Parece que nado (1858) e falecido en Nevada (Reserva Walker River, 1932). Fillo de Tävibo, coñecido tamén como Wovoka, era un nativo da zona. Feiticeiro, ao que se lle atribuíron poderes sobrenaturais, e líder relixioso, influído polos mormóns e cuáqueros, segundo algunhas fontes logo dun eclipse de sol preconizou a vitoria dos amerindios sobre os brancos, establecendo un movemento denominado ‘Ghostdance’. E parece que Wovoka converteu á nova relixión a algún salientable dirixente ‘indio’, como Touro Cadeirado, se ben tras os acontecementos de Wounded Knee (un grupo indíxena foi esmagado por soldados estadounidenses pese a lucir camisolas ‘espirituais’ como protección contra as balas) disolveuse o ‘movemento’. E finalmente Wovoka faleceu, no anonimato, na reserva de Walker River.
A batalla de Wounded Knee Creek (1890) foi a última librada polo exército estadounidense contra os indíxenas. Aconteceu o 28 de decembro. Un grupo de nativos foi trasladado a un campamento do exército da Unión. A batalla iniciouse, segundo algúns historiadores, cando un dos indios tirou unha frecha ao aire e feriu a un soldado. Os militares abriron fogo de inmediato e os guerreiros botáronse sobre eles con coitelos e machados de guerra. Alí pereceron entre 200 e 300 indios, segundo as fontes (mulleres, homes e nenos foron cribados a tiros). Esa batalla, definida polos nativos como a ‘masacre de Wounded Knee’, acabou coas inquedanzas de independencia dos auténticos propietarios daquela zona.
Cómpre salientar que miles de anos antes da chegada dos primeiros exploradores europeos ás terras onde hoxe está situado o Estado de Nevada, a zona habitábana xa tribos integradas na familia lingüística dos uto-aztecas ou iuto-nahuas.
Segundo o etnólogo James Mooney, que investigou o movemento ‘Ghostdance’ (1891), Wovoka transmitiu a súa mensaxe sobre o ‘espírito da danza’ por vía oral, logo trasladada á escrita por un correlixionario que asistira á escola india, se ben con certas deficiencias lingüísticas.
O ‘Ghostdance’, que pasou a formularse como un movemento relixioso de ‘carácter mesiánico’, xurdiu entre os indios de Nevada. Algúns atribúeno ao feiticeiro Wodziwob (1869), quen profetizaba a volta á vida dos mortos. Para tal fin organizou unha serie de cerimonias e danzas nas que os participantes entraban en transo e o seu espírito trasladábase ao mundo dos mortos nun reencontro entendido como parte dunha renovación cósmica. A Wodziwob sucedeuno Wovoka a partir de 1889, adquirindo maior preponderancia logo da súa confesión de ter estado con ‘Deus’, que lle proporcionaría as instrucións concretas para realizar o ritual de danza cos espíritos.
O texto mesiánico, que reflicte a simplicidade natural de Wovoka ou Jack Wilson (parece que así foi bautizado), magnifica o amor aos semellantes e salienta a grande alegría que ‘invade o seu corazón polos dons recibidos’. Wovoka comprácese tamén en indicar que ‘non se esqueza que a morte é alegría para os que quedan’. E compele aos seus irmáns de tribo a non loitar e non danar nin ferir a ninguén. Con todo, segundo as notas de James Mooney, Wovoka, ao tempo que confirma a estancia de ‘Xesús’ na terra, profetiza que ‘non hai morte nin enfermidade e que retornará a xuventude para todos’.
Nesta mensaxe que Wovoka trasladou oralmente á escrita mercé a unha ‘man amiga’, recomenda que non se fale diso ‘coa xente branca’, pero insiste en que ‘se traballe para ela ata que chegue o momento, cando treme a terra, que virá o novo mundo’. Wovoka teima, mesmo, en que non hai que ter medo: «ninguén poderá facernos mal ningún».
Todo isto, xunto ao correspondente ritual para despexar as dúbidas (a danza cada seis semanas, baile, alimentos, baño, etcétera), relatouno Wovoka ao seu ‘escribente’, que, naturalmente, o segundo logo axustaría á súa maneira.