jueves, 23 de octubre de 2008


AS ‘NAIS DO SÁBADO’ EN ISTAMBUL

Por Brais do Castro

Turquía non é Arxentina e quizais por iso non interese a súa grave problemática de morte e desaparición. Dise que a poboación kurda roldaba os corenta millóns antes de que for diseminada entre Turquía, Irán, Siria e Iraq. Na actualidade parece que moran en Turquía algo máis de vinte millóns de kurdos imposibilitados de exercer os seus dereitos como comunidade propia.
A partir do golpe de Estado de 1980 sucedéronse as masacres nas que padeceron represión, morte, desaparición e violacións de todo xénero milleiros de kurdos (incluídos anciáns, mulleres e nenos). E logo da desaparición, atribuída ao Estado, dun membro do comunidade kurda, Hassan Ocak, a súa familia iniciou unha campaña esixindo información, que xerou o comezo da loita organizada en contra das desaparicións en Turquía. Segundo o ICAD, Hassan Ocak, que foi torturado, apareceu morto nun cemiterio para descoñecidos logo de vintecinco días de busca. Dende 1995, as nais dos ‘desaparecidos’ nomeáronse as ‘Nais do Sábado’ e realizan manifestacións e concentracións cada sábado en Istambul, diante da escola Galatasarai.
Na actualidade, o Kurdistán sitúase entre Turquía, Irán, Irak e Siria. A súa orixe non deriva do resto dos pobos de Oriente Medio. O pobo kurdo posúe a súa propia cultura e a súa propia lingua. Referíndonos ao século XX, logo da primeira guerra mundial, hai indicios para concederlle a autodeterminación aos pobos baixo o imperio otomán, entre eles o pobo kurdo, se ben a partir do descubrimento dos grandes depósitos de petróleo, entre 1923 e 1926, no denominado Kurdistán iraquí, tanto o Reino Unido coma Francia crean directivas de influencia (en Iraq con dominio británico, e en Siria con dominio francés). A sinatura do tratado de Lausana propicia o Kurdistán actual baixo ocupación turca, siria, iraquí e iraniana.
O imperio otomán (1299-1923), no seu máximo esplendor, entre os séculos XVI e XVII estendíase por tres continentes e controlaba parte do sueste europeo, o Medio Oriente e o norte de África, limitaba ao oeste con Marrocos, ao leste co mar Caspio e ao sur con Sudán, Eritrea, Somalia e Arabia; constituíano 29 provincias, con Moldavia, Transilvania e Valaquia como vasalos.
Integrados nunha gran familia de pobos indoeuropeos, os kurdos asentáronse no espazo que ocupan na actualidade cara ao 2500 antes da Nosa Era. O Kurdistán antigo é unha rexión do suroeste de Asia que engloba territorios de varias nacións (Irak, Irán, Turquía, Armenia e Siria). O seu territorio salienta principalmente polas súas zonas montañosas formadas polos montes Taurus, ao sur de Turquía, Zagros e Elburz (suroeste e noroeste de Irán).
Algúns analistas calculan en 30.000 o número de persoas asasinadas dende 1980 ata a actualidade, millóns de kurdos deberon emigrar cara a outros países de Europa e preto de 3.000 aldeas e vilas foron destruídas polos uniformados. Sen dúbida, un xenocidio que aínda non foi recoñecido como tal polo denominado Tribunal Penal Internacional.
Pese a que a Unión Europea solicítalle a Turquía, coa boca pequena, unha democracia como condición ‘sine qua non’ para integrarse, a realidade é que a represión continúa con sistemática crueldade para a poboación kurda.