jueves, 28 de mayo de 2009

'BARÇA, BARÇA, BARÇA!'


Tres a tres

Por Ataúlfo de Ferabrás

Non hai dúbida de que o Barça é o mellor equipo de Europa. Se me apuran, o mellor equipo do mundo. E tal prodixio conseguiuse grazas ao traballo conxunto dunha sociedade que é máis ca un club: o reflexo dun país chamado Cataluña. Un país moderno, sen realezas, exemplar na súa dinámica de actualización e no seu estilo social. Un país de seu, que se quere, que se mima e que traslada ao deporte as súas propias ansias de liderado como nación independente. De aí o seu éxito e de aí a súa diferenciación sobre o resto do denominado, ambiguamente, Estado español (dado que a estas alturas xa non debería existir como tal).
O equipo español por antonomasia, o Real Madrid, catapultado ao abeiro do franquismo, foi xustamente a arma da ditadura (pan e circo) para que a sociedade esquecese a realidade cotiá do momento. E ao amparo da España fascista ‘gañou’ seis copas de Europa, das de entón. Pero a pluralidade terminou por imporse. E dende aquela última da temporada 1965-66, só conseguiu tres: 1997-98, 1999-99, 2001-02. Nesa nova xeira, o Barcelona acadou a súa primeira en 1991-92, antes ca o propio Real Madrid, e xa no século XXI lograría as outras dúas (2005-06 e 2008-09), que o emparellarían co equipo realista. Polo tanto, non vale iso de que o Real Madrid ten nove títulos europeos por tres do Barça. Establezamos a liña divisoria e definamos as diferenzas. O antes e o despois. E na nova etapa, na nova andadura só hai unha realidade: tres a tres. De momento.