domingo, 28 de junio de 2009

HONDURAS


Fotografía de Clelia Zucca, tomada da CNN

EE UU propicia o golpe
de Estado en Honduras
O presidente Zelaya trasladado polos militares a Costa Rica

A dereita hondureña, apoiada pola CIA (Axencia Central de Intelixencia dos EE UU), provocou un golpe de Estado que desposúiu ao presidente constitucional Manuel Zelaya do seu mandado lexitimado polas furnas.
Os militares hondureños, seguindo ordes do capital financeiro nacional e axentes internacionais, trasladaron ao actual presidente da República de Honduras ata Costa Rica. O presidente Zelaya, nunha rolda de prensa en Costa Rica, aludiu á falta de democracia dalgúns grupos minoritarios hondureños (banca e multinacionais), aos que cualificou como antidemócratas: «En ningún país europeo sucede tal cousa, nin sequera nos EE UU, que son capaces de separar as cuestións xurídicas das políticas».
O aínda presidente de Honduras manifestou tamén que «espero regresar pronto ao meu país. Coido que o que se está a producir non durará moito, dado que se trata dunha cuestión totalmente fóra da realidade social do século XXI».
Por outra parte, o resto dos países latinoamericanos, e mesmo a UE, realizaron chamamentos formais esixindo o retorno á legalidade constitucional en Honduras.
Informacións relacionadas co golpe de Estado, estiman que grupos financeiros estadounidenses apoian á iniciativa da banca hondureña.
Lembrar que durante o mandado de Salvador Allende en Chile, multinacionais estadounidenses como ITT contribuíron ao golpe de Estado que levaría ao poder a Augusto Pinochet.

viernes, 26 de junio de 2009

TORRE DE HÉRCULES


Ilustración de Xavier Dans Mayor (2007),
propiedade de OLLO CRÍTICO (ACD)

Patrimonio da Humanidade

Antigo faro romano construído entre os séculos I e II da nosa era e reconstruído en 1791. No interior da fábrica de pedra do século XVIII consérvase case integramente o corpo da primixenia torre romana, cuxo probable autor, no monumento anexo, gravou o seu nome: C. Sevio Lupo.
O faro, declarado Ben de Interese Cultural en 1931, está situado nun pequeno outeiro á beira do mar, arredado da cidade da Coruña. Este faro supón unha das escasas mostras das obras públicas realizadas polos romanos na Galiza. A referencia máis antiga corresponde a Orosio [Paulo?], quen na súa Historiae Adversus Paganos (escrita entre os anos 415 e 417 da nosa era) reflicte que «secundus angulus circium intendit, ubi Brigantia Gallaeciae civitas sita altissimvm farvm et inter pavca memorandi operis ad specvlam Britanniae erigit».
Con algunhas variantes, Etico e o Ravenate mencionan tamén o faro. As referencias multiplícanse na documentación medieval así como en textos posteriores: nas crónicas e historias de Afonso X o Sabio, licenciado Molina, Florián de Ocampo, Castellá e Ferrer, Huerta, Sarmiento e Pascasio de Seguín, etcétera. As teorías sobre a orixe da torre de Hércules son moi diversas, tanto respecto ao seu fundador coma á época da súa construción (fenicia, romana...). Incluso as interpretacións sobre da inscrición que se atopa nas proximidades responden a criterios diferentes.

martes, 23 de junio de 2009

A PROSA E A POLÍTICA



Mirada allea


Por Afonso Sastre (Dramaturgo)
[Publicado en Gara, 21 de xuño de 2009]

Unha entradiña de urxencia. Apenas rematado este artigo, produciuse o último atentado -desta vez mortal- de ETA e as rituais respostas do PSOE e o PP. Todo iso parece pechar unha vez máis o círculo vicioso e acreditar que a paz neste país é definitivamente imposible. En tal situación, angustiosa sen dúbida, eu non podo menos ca manter teimosamente a miña esperanza e desexo remitir ás ideas xa expostas nos meus cinco artigos neste mesmo xornal (do 23 de setembro ao 18 de outubro de 2008), baixo o lema «Se queres a paz, prepara a paz». [
http://www.gara.net]

Así mesmo, nesta situación considero revalidado o pensar exposto no artigo escrito hoxe como os grandes temores nel expresados. En tales circunstancias, todo parece máis forte -e ata irresistible- ca o pensamento, pero as ideas claras teñen tamén a súa propia forza. É nesta convicción na que eu deposito a miña esperanza.

Alicia Stürtze estivo moi ben representando, tal como ela o fixo, o tema da relación, nunca analizada seriamente (que eu saiba, ao menos) entre a política e a prosa como expresión literaria, tema sobre o que eu, modestamente, algo dixen nalgún dos meus artigos na revista ‘Artez’.

Contra a postura burlesca de Molière, as miñas ideas sobre o tema da prosa poden resumirse así: eu estimo que nós na vida cotiá non falamos en prosa. E como é iso? Pois é, sinxelamente, porque na nosa vida corrente cando falamos en prosa non poñemos o coidado necesario -xeralmente porque non se dan as condicións para iso- para falar ben, isto é, para falar en prosa, sendo como é a prosa unha forma elaborada, artística, poética (que non quere dicir metafórica) da linguaxe corrente.

(Os nosos amigos non torcerán o xesto exclamando con desdén: «Vaia! Cuestións semánticas!», como se di efectivamente na vida para rebaixar a importancia de certas cuestións. Os nosos amigos saben que as ‘cuestións semánticas’ son moi importantes cando se trata de algo tan serio como é comunicármonos entre nós, isto é, romper as barreiras das nosas soidades. Se non comezamos por pórmonos de acordo sobre o significado que damos ás palabras que usamos, vanos serán os nosos intentos de entendérmonos).

As falas correntes -que aínda non son prosa propiamente dita- son linguaxes incorrectas pero necesariamente mentireiras, e algo semellante, pero ao revés, ocorre coa prosa, que é polo menos unha fala ou unha escritura ‘correcta’, e ás veces algo máis (poñamos, por exemplo, ‘brillante’) se é unha ‘boa prosa’, pero pode ser (e o é tantas veces!) un vehículo da mentira, un xeito de enganar a quen vai dirixida. A este tipo de prosa refírese Alicia Stürtze na primeira parte do seu excelente artigo.

A prosa é xa unha arte do falar e do escribir, coas súas regras (e as súas liberdades, claro), e esa arte pódese pór ao servizo de causas ética e politicamente impresentables, pero tamén e sobre todo debería estar ao servizo da verdade e da beleza, que non é (a beleza, digo), como xa o sabe a filosofía dende tempos remotos, máis ca ‘o resplandor da verdade’.

Hai, pois, unha prosa que, sendo boa como prosa, é mala no nivel da ética política? Na nosa opinión, a boa prosa é aquela que, ademais de elevar a fala vulgar aos dominios da arte (da poesía), non só non se serve desa ‘elevación’ para arredar ou incluso ocultar a verdade -comezando por desfigurar o real-, senón que se serve desa elevación para afondar na realidade a abrir nela os camiños da verdade e, en consecuencia, da xustiza.

Entre nós, deberiamos falar en boa prosa, e nunca -claro!- minguar as nosas expresións (Alicia Stürtze dío moi ben) con frases de «foi a hostia!», que nos arreda de saber, se non se pescuda no contexto, se o que ocorreu é estupendo ou polo contrario: horrible. Falemos ben, falemos ben. Iso para comezar.

Pero falemos non só ben senón ademais ‘bo’ (digámolo así): ou sexa, nunha prosa capaz de fundar e difundir as ideas da xustiza pendente e de reclamar as nosas liberdades, individuais e sociais. Rexeitemos, en suma, a prosa política ao servizo da mentira e da opresión. Saibamos que a mentira tamén é unha arte -unha das ‘belas artes’, como o era o crime para o irónico e xenial Thomas De Quincey- e que, así, hai unha arte de mentir, na que son mestres os políticos pegados aos poderes do capitalismo, que se desenvolve por e para o sistema, coas súas propias metáforas e toda clase de ‘belezas’ (adornos da súa vasoira).

A nosa prosa non falsea a realidade para ocultar a verdade, como fai a ‘prosa inimiga’, senón que nós atopamos as nosas verdades no corazón mesmo das realidades que se suceden no noso mundo, revelando o que ocorre certamente (a ‘realidade de verdade’) e que se nos oculta por todos os medios ao servizo da perpetuación destes horrores que vivimos a cotío. O noso é precisamente o lugar no que a poesía, a ética e a política (revolucionaria) se dan e se estreitan fraternalmente nas mans.

Polo demais, a ‘batalla das ideas’ exprésase nunha guerra das prosas que, tal como hoxe se practica en América Latina, baixo o prestixio de grandes dirixentes como Fidel Castro e Hugo Chávez, a quen Alicia Stürtze cita moi xustamente, ten unha orixe martiana e é o correlato ideolóxico ou, mellor, filosófico, dunha batalla das prosas ou, máis ben, as prosas son a expresión literaria desa batalla dialéctica que é o pensamento. Pois ben, entre as prosas latinoamericanas, tan abondosas en grandes glorias literarias, eu estou convencido de que se acha nun dos máis destacados lugares a ‘Segunda Declaración da Habana’ de Fidel Castro. Tamén Chávez é un gran prosista da xustiza e da verdade, que se expresa nunha fala brillante que xa quixeran para si quen o tachan despectivamente de ‘populista’.

Retornando ao noso continente, diremos que Europa é un dos espazos culturais onde na actualidade se dan as maiores perversións e usos mentireiros da prosa -unha prosa ao servizo da mentira- nos ámbitos político, ético e ideolóxico, o que evidencia unha base cultural moi pobre que ás veces roza o analfabetismo e outras directamente a infamia moral, como foi agora o caso dun dirixente do PP, Iturgaiz (de quen algunha xente que o coñeceu de mozo confesoume que entre os seus veciños era considerado como ‘o parvo do pobo’), quen expresou nunha prosa inmunda, propia dunha defecación, o seu desexo de que os miles de persoas que votamos a Iniciativa Internacionalista-A Solidariedade entre os Pobos para as eleccións ao Parlamento Europeo, sexamos ‘fumigados’. Nas súas sucias palabras advírtese unha miserable nostalxia histórica das cámaras de gas nazis. Que barbaridade! E non é perseguible de oficio esta ameaza de que unha boa parte da poboación que habita nos territorios do Estado español e que, precisamente, avoga pola paz e por unha negociación como única vía que podería conducir a ela, sexa pechada nunha cámara xigante e que se abra a espita dun gas letal? Que diría agora de nós se a alguén da nosa parte, nun mal momento, se lle ocorrese dicir unha barbaridade semellante referida ao señor Iturgaiz e aos seus correlixionarios? Como nos terían posto de violentos e perigosos asasinos e predicadores da morte?

Mais, seguindo o fío da cuestión, e dirixíndome agora ao PSOE, partido ao que me gustaría ver recuperando polo menos parte da súan honra perdida: É certo -incluso posible- que vostedes non vexan que o problema non é a existencia dunha pequena banda (pero ademais enorme) (!) de asasinos de longos cabeiros e sedentos de sangue que, como vostedes e os seus amigos din, só saben e desexan matar? É verdade, pois, que vostedes non ven algo tan visible como isto: que aquí hai un serio conflito político que só se resolverá en termos políticos? É verdade, en fin, que vostedes aínda non se decatan de que a solución deste conflito, que tantas dores carrexa, está na posibilidade dunha negociación? A que medios ‘máis contundentes’ se refire vostede, señor López? Vai seguir atrás das ideas gasóxenas dese pobre tipo do PP ao que citei antes?

De ser así, Deus nos colla confesados, porque nos agardarían e ameazarían tempos de moita dor en lugar da paz, que nunca se conseguirá, evidentemente, se o que vostedes deciden é aniquilar a unha parte maior ou menor da nosa sociedade nesas novas cámaras de gas inspiradas nese persoeiriño de Iturgaiz. Daquela, pobres de nós, pero tamén de vostedes!

Anexo sobre as referencias citadas: «Iturgaiz cre que Iniciativa deixou co cu ao aire ao Constitucional e pide fumigar aos acólitos da banda» (El Correo Digital, 25 de maio de 2009). Patxi López: «Dende logo, debemos ser, dende a política, moito máis contundentes á hora de intentar que non haxa espazo público ningún para quen non asumen as ferramentas da democracia» (?) «Por desgraza, ese mundo do abertzalismo radical aínda mantén a súa forza». (Gara, 11 de xuño de 2009). [Tradución: CLELIA ZUCCA]

viernes, 19 de junio de 2009

SINDICATO UNIFICADO DE POLICÍA


Pelotón de choque

'Pijo rojo'

Por Brais do Castro

O voceiro do Sindicato Unificado de Policía nomeou ao alcalde de Marín como ‘pijo rojo’ [pijo: ‘dito dunha persoa que no seu vestiario, modais, linguaxe, etcétera, manifesta gustos propios dunha clase social acomodada].


O alcalde de Marín, segundo el mesmo manifestou publicamente, criticou a un dos uniformados do pelotón policial que vixiaba a un grupo de manifestantes. «Un dos policías faltoulle ao respecto aos traballadores a través dun signo inequívoco do seu dedo. E iso podería ter causado un enfrontamento grave».


Pois ben, ao voceiro policial, que ve ‘pijos rojos’ a cotío, «abondan, cada dous por tres saen máis», non lle pareceu nada ben o comportamento da autoridade civil de Marín e, 'tras!', sen pensalo, patada na boca.


«O alcalde, se entende que a policía non actúa dentro da legalidade, debería dirixirse ao delegado do Goberno», afirmou o voceiro policial.


A cuestión é que, en situacións coma a acontecida, mentres a autoridade civil (que parece que só ten o mandado democrático para subir os impostos) trata de contactar coa autoridade policial, na maioría dos casos, prodúcense excesos de extrema gravidade, ás veces incluso con mortes.


A policía non debe provocar xamais. E os alcaldes, sexan ou non ‘pijos’, vermellos ou brancos, teñen unha obriga principal: mostrar a súa autoridade e defender á sociedade ante as provocacións das forzas policiais.

martes, 9 de junio de 2009

PARA QUE SERVE A MEMORIA HISTÓRICA?




Por Roi Carballido


En 1989 entre 400 e 800 persoas morreron na chinesa praza de Tian´anmen. Segundo fontes da cruz vermella, poderían ter sido moitas mais: preto de 1.200. Este masacre aconteceu porque o pobo tentou reivindicar o seu dereito á democracia e desafiou a eterna ditadura comunista que goberna na China.
Pasados vinte anos, a poboación dese país apenas lembra o acontecido. Contrariamente ao resto do mundo, non é un feito salientable na historia dos chineses. Isto débese ao bo funcionamento da ‘maquinaria do esquecemento’, que dita Administración botou andar a partir daquel día fatídico.
Durante os últimos anos a censura informativa (tanto en medios escritos coma audiovisuais, incluso na internet) orixinou que os propios chineses non se lembren de que un día foron quen de alzar a voz para reclamar os seus dereitos fundamentais ante as máquinas bélicas dos seus represores.
O Goberno chinés sempre apelou á reconciliación como escusa para censurar e enviar directamente ao pozo do esquecemento todo tipo de informacións sobre os feitos acontecidos en 1989 na praza de Tian´anmen.
O 4 de Xulio de 2006 Xaime Mayor Oreja, cabeza de lista do Partido Popular para as eleccións europeas, e autonomeado adaíl da democracia, negábase no Parlamento Europeo a condenar o franquismo, na compaña de dous deputados da penosa ultradereita polaca.
Estrañas as razóns que Xaime Mayor e o PP expuñan neste caso. Defendendo cousas tales como que o franquismo «forma parte da historia de España» e que «representaba a un sector moi amplo dos españois» e que «moitas familias [...] o ‘viviron’ con naturalidade e normalidade». Contrapuxo, tamén, o franquismo ao nazismo, ao afirmar que mentres que na Alemaña nazi había un único «verdugo», durante o franquismo conviviron dous «bandos que reprimían», froito dunha ‘guerra convencional’. Finalmente, sinalou que a guerra civil foi moito peor ca a ditadura franquista no País Vasco, describíndoa [a ditadura] como «unha situación de extraordinaria placidez».
A contumacia dos representantes do Partido Popular en ocultar, disolver, soterrar, esquecer ou minimizar os feitos acaecidos durante a guerra civil e o franquismo resultan cando menos sorprendentes da man dunha formación política que se xacta de ser un partido ‘liberal’. A técnica tende a ser moi semellante á utilizada pola ditadura chinesa. Ademais parece funcionar. Non hai mais que preguntar a calquera fillo da ‘constitución’, ou de menor idade, para decatarse de que apenas coñece nada sobre o noso pasado histórico mais inmediato, á par que doloroso. Aínda non chegamos ao ‘lavado’ de cerebro chinés, pero xogamos perigosamente con iso. E ademais, quen coñece a Historia e non a comparte é máis cómplice ca ninguén.
Somos, o ser humano, o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra. Por iso é importante non esquecer en qué lugar estaba esa pedra. Qué forma tiña. Por qué batemos con ela...
Pouco se arranxa soterrando a dificultade. Algún día virán as choivas e a pedra, grande, afiada, volverá a parecer en medio dun gran bulleiral, converténdose nun obstáculo maior, nun problema máis grande. É importante que nunca esquezamos, moi importante que os nosos políticos sexan quen de manter viva a memoria. Pois é moi probable que no futuro nos enfrontemos a conflitos similares en concepto, ou que non sexamos quen de resolver outros latentes. Porque negamos a súa existencia cando son plausibles e reais. Non se trata de revanchismo, senón de aprendizaxe.

viernes, 5 de junio de 2009

INICIATIVA INTERNACIONALISTA


Mételles o medo no corpo!


Por Brais do Castro

Solidariedade entre os Pobos. Logo de que o Tribunal Supremo fallase a favor da ilegalización de Iniciativa Internacionalista / Solidariedade entre os Pobos (fallo rectificado posteriormente polo Constitucional), en Galiza un grupo de persoas asinou un manifesto ‘contra o proceso de impugnación e ilegalización’ da candidatura que incluía a Afonso Sastre como cabeza de lista ás eleccións europeas.
En dito documento, asinado con data 21 de maio de 2009, salientábase a oposición «ao proceso de impugnación da candidatura de Iniciativa Internacionalista-Solidariedade entre os Pobos», impugnación promovida polo PSOE, «un atentado», sinalaban os asinantes «contra as liberdades democráticas». O Tribunal Constitucional resolveu (case ao límite do prazo) quitarlle a potestade ao Supremo. E finalmente a candidatura II-EP foi admitida formalmente.

En Galiza asinaron 280 persoas. [http://www.iniciativainternacionalista.org/]. Entre elas aparecen nomes de persoeiros como Adolfo Pérez Esquivel, (pacifista), Manuel Rivas (escritor), Xosé Manuel Beiras (economista), Margarita Ledo Andión (catedrática), Miguel Anxo Fernán-Vello (poeta), Francisco Pillado Mayor (autor teatral), etcétera (ademais de varios colectivos, como o grupo Quenlla).

Que é Iniciativa Internacionalista? Defínese como a unión das forzas de esquerdas, non sometidas e independentistas: a esquerda estatal respectuosa cos dereitos nacionais dos distintos pobos oprimidos polo Estado español, así como de salientables movementos sociais e sindicais. O seu programa englóbase en cinco puntos: xustiza social (que pague a crise quen a provocou: o capitalismo), liberdades democráticas plenas (sen recortes civís nin discriminacións en lingua, cultura, etcétera), dereitos reais iguais para homes e mulleres (xurídicos e prácticos), dereitos políticos (autodeterminación e capacidade de decisión para a normalización de cada lingua e cultura) e Europa social e solidaria (a favor da Europa dos pobos e a favor da supresión da OTAN como elemento decisivo do capital financeiro).
Iniciativa Internacionalista-Soliedariedade dos Pobos (II-SP) cuestiona mesmo a lexitimidade do rei, dada a súa sucesión derivada das Leis Fundamentais do Movemento (estrutura xurídica baseada no réxime franquista) e enfróntase tamén a Constitución española debido á súa elaboración dirixida polo estamento do réxime anterior. Denuncian, polo tanto, a carencia de liberdades fundamentais (expresión e prensa, asociación ou manifestación), así como a existencia de presos políticos en España, referíndose especialmente a aquelas persoas encarceradas por profesar e defender proxectos considerados politicamente incorrectos polo sistema. A coalición reabre o debate sobre a desigualdade constitucional: se o xefe do Estado e a súa familia ten responsabilidade penal (dado que provén do anterior réxime totalitario), debería ser xulgado e condenado coma calquera outro cidadán.
Finalmente, a coalición condena o carácter represivo das forzas de orde pública, que actúan cun obxectivo principal de neutralizar á oposición política e social (con malos tratos, torturas, mortes en comisarías ou cuarteis, incluso con desaparicións, como a de Jon Anza, sen noticias del dende o pasado 18 de abril, logo de subir a un tren en Baiona, Francia).
A actitude dos medios de comunicación tampouco contribúen, segundo II-SP, a combater as grandes desigualdades socias, dado que están ao servizo do poder, son servís e corruptos e o seu labor consiste en lexitimar unha liña de continuidade simbolizada nun monarca establecido polo delincuente e criminal Franco.

Os seis primeiros d alista de II-SP. Afonso Sastre Salvador (escritor), Doris Benegas Haddad (Esquerda Castelá), Josep Garganté Closa (sindicalista da CGT catalá), Zésar Corella Escario (Chunta Aragonesista), Ánxela Maestro Martín (Esquerda Unida, sección Corrente Vermella) e Xosé Luís Méndez Ferrín (Fronte Popular Galega).
En Galiza, os candidatos de Iniciativa Internacionalista / Solidariedade entre os Pobos (II-SP) son Xosé Luís Méndez Ferrín, Xan Carballo, Ricardo Castro Buerguer, Cati Martínez Collazo, Manolo Besteiro e César Lago (militantes da CUT e da FPG). Pese a que algúns deles non son precisamente os máis correctos e representativos, dado o seu apego ao arribismo (caso de Xan Carballo, que nestes días anda metido nunha dinámica de desmembración da CUT na comarca da Coruña), cómpre ordenar as ideas para depositar un voto ‘excepcional’ nunha candidatura socialista global (Aragón, Andalucía, Asturias, Canarias, Castela, Euskadi, Galiza e Países Cataláns) que posibilite crebar coa dinámica cotiá de aliñamento burgués.

A cuestión do voto. Nas eleccións ao Parlamento Europeo de xuño de 2004 (sobre un censo electoral de algo máis de 34 millóns de persoas) votou un 45,14% (algo máis de 15 millóns), cunha abstención do 54,86% (algo máis de 19 millóns). Con estas porcentaxes, para que Europa dos Pobos lograra o seu candidato debeu superar os 380.000 votos (o 2,45%). Isto é, para que a candidatura de II-SP estea representada no Parlamento Europeo no período 2009-2013 deberá repartirse como media entre cada unha das oito comunidades integradas na candidatura uns 45.000 votos. Cousa, por outra parte nada fácil, se temos en conta que a única candidatura independentista galega que superou os dous mil cincocentos votos foi Nós-Unidade Popular (unha porcentaxe do 0,02%).

lunes, 1 de junio de 2009

CHELO FACAL


Mostra plástica de Chelo Facal


‘COLECCIÓN/AS, ESPACIO DE ARTE’ PRESENTA
‘BOLBORETAS DE SOÑOS’

A pintora e escultora coruñesa Chelo Facal exhibe a súa obra na galería ‘Colección/as, Espacio de Arte’ sita na travesía do Orzán (arredores da rúa Xoán Canalejo) da Coruña. Trátase dunha exposición de 30 obras, repartidas entre cerámica e acuarela, que estará aberta ata o 30 de xuño de 2009.
Chelo Facal (A Coruña, 1953), formada na Escola de Arte Paulo Picasso da Coruña, iniciou a súa actividade artística en 1988, realizando exposicións en varias cidades galegas. A súa pintura flúe impulsivamente durante ese período e produce unha gran parte da súa obra (a máis prolífica, louca e divertida). Emprega óleos, ceras, tintas, lapiseiros, acuarelas, pasteis, acrílicos, anilinas ou barros. Realiza gravados e familiarízase coa escultura en pedra e achégase ás vidreiras. En 1992 o seu labor é menos impulsivo, máis estático e máis técnico. Entre 1995 e 1996 muda totalmente: o primeiro impulso primixenio (1988) aparece no bosquexo mesturado coa técnica de 1996, que complementa a súa creación.
Premio Internacional de Cerámica do Museo Pazo Módena (Italia, 2003).