martes, 9 de junio de 2009

PARA QUE SERVE A MEMORIA HISTÓRICA?




Por Roi Carballido


En 1989 entre 400 e 800 persoas morreron na chinesa praza de Tian´anmen. Segundo fontes da cruz vermella, poderían ter sido moitas mais: preto de 1.200. Este masacre aconteceu porque o pobo tentou reivindicar o seu dereito á democracia e desafiou a eterna ditadura comunista que goberna na China.
Pasados vinte anos, a poboación dese país apenas lembra o acontecido. Contrariamente ao resto do mundo, non é un feito salientable na historia dos chineses. Isto débese ao bo funcionamento da ‘maquinaria do esquecemento’, que dita Administración botou andar a partir daquel día fatídico.
Durante os últimos anos a censura informativa (tanto en medios escritos coma audiovisuais, incluso na internet) orixinou que os propios chineses non se lembren de que un día foron quen de alzar a voz para reclamar os seus dereitos fundamentais ante as máquinas bélicas dos seus represores.
O Goberno chinés sempre apelou á reconciliación como escusa para censurar e enviar directamente ao pozo do esquecemento todo tipo de informacións sobre os feitos acontecidos en 1989 na praza de Tian´anmen.
O 4 de Xulio de 2006 Xaime Mayor Oreja, cabeza de lista do Partido Popular para as eleccións europeas, e autonomeado adaíl da democracia, negábase no Parlamento Europeo a condenar o franquismo, na compaña de dous deputados da penosa ultradereita polaca.
Estrañas as razóns que Xaime Mayor e o PP expuñan neste caso. Defendendo cousas tales como que o franquismo «forma parte da historia de España» e que «representaba a un sector moi amplo dos españois» e que «moitas familias [...] o ‘viviron’ con naturalidade e normalidade». Contrapuxo, tamén, o franquismo ao nazismo, ao afirmar que mentres que na Alemaña nazi había un único «verdugo», durante o franquismo conviviron dous «bandos que reprimían», froito dunha ‘guerra convencional’. Finalmente, sinalou que a guerra civil foi moito peor ca a ditadura franquista no País Vasco, describíndoa [a ditadura] como «unha situación de extraordinaria placidez».
A contumacia dos representantes do Partido Popular en ocultar, disolver, soterrar, esquecer ou minimizar os feitos acaecidos durante a guerra civil e o franquismo resultan cando menos sorprendentes da man dunha formación política que se xacta de ser un partido ‘liberal’. A técnica tende a ser moi semellante á utilizada pola ditadura chinesa. Ademais parece funcionar. Non hai mais que preguntar a calquera fillo da ‘constitución’, ou de menor idade, para decatarse de que apenas coñece nada sobre o noso pasado histórico mais inmediato, á par que doloroso. Aínda non chegamos ao ‘lavado’ de cerebro chinés, pero xogamos perigosamente con iso. E ademais, quen coñece a Historia e non a comparte é máis cómplice ca ninguén.
Somos, o ser humano, o único animal que tropeza dúas veces coa mesma pedra. Por iso é importante non esquecer en qué lugar estaba esa pedra. Qué forma tiña. Por qué batemos con ela...
Pouco se arranxa soterrando a dificultade. Algún día virán as choivas e a pedra, grande, afiada, volverá a parecer en medio dun gran bulleiral, converténdose nun obstáculo maior, nun problema máis grande. É importante que nunca esquezamos, moi importante que os nosos políticos sexan quen de manter viva a memoria. Pois é moi probable que no futuro nos enfrontemos a conflitos similares en concepto, ou que non sexamos quen de resolver outros latentes. Porque negamos a súa existencia cando son plausibles e reais. Non se trata de revanchismo, senón de aprendizaxe.