jueves, 23 de julio de 2009

CENTRAL OBREIRA GALEGA



Escisión no sindicalismo galego

Hoxe realizou a súa presentación na Coruña o sindicato Central Obreira Galega (COG) como «central nacionalista». Algúns dos seus membros foron fundadores da Central Obreira Galega (CUT), tamén noutrora escisión do considerado nacionalismo sindical de clase.

Os seus fundadores, entre os que se acha a nosa compañeira Clelia Zucca, entenden que a CUT «mantiña unha conduta antidemocrática e dirixista, que afectaba á liña sindical que asumimos no seu momento e que nos últimos oito anos desembocou nunha continua perda de cadros sindicais e finalmente na expulsión de case toda a comarca hai tan só uns meses».

A nova central, que pretende acadar un espazo no panorama sindical galego de clase, denuncia «a farsa autonómica, a espoliación dos recursos naturais galegos, as agresións constantes e reiteradas da cultura do noso país e a persecución da lingua».

Coa «democracia e o pluralismo como base», a COG denuncia tamén a inestabilidade das mulleres no mundo laboral e solidarízase «con todas as mulleres vítimas de malos tratos». Pretende, así mesmo, combater contra as «dinámicas domesticadas das centrais sindicais formais» e ofrécese para reorganizar o mundo laboral: «descontento, decepcionado e desorganizado», nunha aposta pola mobilización e a loita «como eixes fundamentais para a defensa das agresións da patronal e do propio capital, dende a honradez, entrega e responsabilidade e coa ilusión de devolver á clase obreira galega o seu papel protagonista».