lunes, 9 de febrero de 2009


Xosé Manuel Bazarra Maneiro 'Sepi',
autor de 'Setembro'
[fotografía de CLELIA ZUCCA]






PESE AOS ATRANCOS,
‘SEPI’ INSISTE CON ‘SETEMBRO’

O autor do guión ‘Setembro’, proxecto de longametraxe baseado en ‘cinco historias’, que mereceu a atención da Xunta de Galicia a través da Consellería de Cultura (2008), presentou en Compostela unha preliminar (‘cinco pezas’, uns 16 minutos no seu conxunto) coa pretensión, segundo os organizadores, de propiciar o movemento dun traballo que se foi arredando das súas orixes debido a distintas circunstancias.

Cinco curtametraxes, procesadas a través da agonía propia das limitacións do campo audiovisual e, sobre todo, concibidas coa frescura e flexibilidade marcadas pola fraxilidade temporal.

Con todo, os asistentes á presentación salientaron que pagou a pena atopar algo novo que mirar nunha sala repleta de amigos e inimigos, que de todo había, pero en xeral abertos e con gana de abrir fiestras ao aire fresco.

DOCUMENTACIÓN. O guión de ‘Setembro’ foi representado por Marcelino Magán (Directo Producións) como a primeiro traballo en formato de longametraxe de Xosé Manuel Bazarra Maneiro ‘Sepi’, co fin de acceder ás subvencións da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, que se lle concederon divididas en tres anualidades (uns 50 millóns de pesetas, aproximadamente).
As irregularidades de xestión de Marcelino Magán provocaron a perda dalgunha partida económica destinada á produción da película. No outono de 2008 o equipo de rodaxe quedou ao pairo e, pese a realizar parte da preprodución, debeu abandonar o proxecto. Marcelino Magán despediu a todo o equipo.
Directo Producións é unha empresa do audiovisual na que figura como administrador único Pastor Lorenzo Sola e como director xerente Marcelino Magán Nogueira. O primeiro desempeña dende 2005 o posto de director de Comunicación e Relacións Externas da Radiotelevisión de Galicia.
A Consellería de Cultura concedeulle varias subvencións.

[Información de ATAÚLFO DE FERABRÁS]